in

Francisco Oti e Julio Fer: “’Arquivos de realidade’ apunta á posibilidade de recuperar o silencio e darlle voz”

ArquivosdeRealidade2 |
Coa peza Arquivos de realidade, Julio Fer e Francisco Oti resultaron finalistas do Premio Abrente de Textos Teatrais en 2015. Este sábado, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia acolle a lectura deste texto editado agora pola erregueté. Os autores falan do proceso deste proxecto escrito a catro mans que parte do filme A Tola, de Miguel Gato que se mergulla na cuestión da Memoria Histórica e apunta a súa mirada cara á posibilidade de sacar da escuridade dos arquivos os datos que permitan destapar a verdade silenciada.
| Vanesa M. Sotelo e Manuel Xestoso |

 

Como nace este Arquivos de realidade e o desexo de escribilo conxuntamente?

JULIO FER.- Xa tiñamos unha peza escrita xuntos: Lingua de lata, e a experiencia fora boa, decatámonos de todo o que tiñamos aprendido cando se traballa en colaboración, pois o esforzo é maior –ao someter o que escribes ao criterio doutra persoa. En concreto, creo lembrar, o tema o lanzou Oti e a min pareceume estupendo.

FRANCISCO OTI.- Sempre tiven na idea aquilo de escribir algo sobre o nacemento do cinema galego e a represión que tivo que sufrir na decadencia do réxime franquista, cando a idea da reconciliación nacional e a legalización dos partidos políticos convivía cos derradeiros alentos do ditador; e aí apareceu, A tola de Miguel Gato da que tanto tiña falado con Antonio Simón e Miguel Castelo, ambos partícipes daquel proxecto; A Tola estaba construída sobre un conto de Francisco Taxes e foi secuestrada trala súa proxección nas Xornadas de Cine de Ourense que organizaba Luís Álvarez Pousa. Había tema. Compartín aquilo con Julio e puxémonos a escribir o mesmo día.

Arquivos de realidade presenta unha peza coral, con moitos planos e voces que se conxugan no tempo. Como se organiza o traballo a dúas mans á hora de abordar esta multiplicidade de tempos e personaxes?

JULIO FER.- A peza non está escrita coma un drama convencional, pensando nun principio, nun medio e nun fin. Acordamos unha estrutura moi aberta, con moitos ocos polos que puidesen pasar os diferentes tempos. Cada un de nós comezou cunha das escenas –en principio moi desordenadas no seo da estrutura– e o outro engadía ou seguía escribindo. Neste labor, axudounos moito poder escribir a tempo real, en liña, cun deses programas de word na nube. Lembro que era un pracer ver avanzar as palabras soas cando o outro escribía, parecía maxia.

FRANCISCO OTI.- Establecemos unha orde secuencial definindo aquelas cuestións que eran de interese para mesturar a ficción coa realidade, e traballamos sobre iso ao tempo de suxerir conexións que aparecían por todas partes… A tola, Rosalía, cinema, Hospital de Conxo, xenocídios, Guerra Civil, as SS, os escapados…

A peza aparece como un mosaico que é preciso reconstruír onde a loucura parece servir de refuxio para sobrevivir á verdade. Neste mestura de materiais de realidade e ficción, o personaxe do director asegura que non lle interesa a diferenza entre ficción e realidade. Como autores deste mosaico, que opinan sobre esta afirmación?

FRANCISCO OTI.- Non é máis que unha afirmación dun personaxe, en todo caso, sería el quen tería que responder a esa cuestión que non debemos de analizar fóra do contexto no que se dá, e non é a única afirmación dese personaxe; só é unha peciña do crebacabezas.

JULIO FER.- Como sucede nos mosaico de azulexos, non resultan tan importante os detalles coma o conxunto, malia estar confeccionados con fragmentos, e isto ten que ver coa mirada para a cal está pensado o mosaico, xeralmente non moi preto, pero tampouco lonxe dabondo. De lonxe aparecen os espellismos e de preto a realidade amósase dun xeito certeiro, pero desde esta distancia “media” non é doado distinguir a ficción da realidade, e isto, nos guste ou non, é un relato de como miramos o mundo, ou de como queren que o miremos, dende unha distancia na que non perdamos de vista a realidade pero tampouco nos paremos a analizala detalladamente. Teño que recoñecer, ao meu xuízo e aínda que pareza un paradoxo, que é nesta distancia onde está a beleza necesaria para sobrevivir. O mosaico, de preto, en Arquivos de realidade, desvela a tolemia, ao tempo que desvela tamén a posibilidade de refuxiarnos coa verdade nesta tolemia, pero este achegamento non estamos na obriga de facelo como autores, ten que facelo o lector na pel das personaxes.

Onde cren que reside a diferenza fundamental entre o teatro histórico e o teatro da memoria?

JULIO FER.- Para min, o teatro histórico, mesmo partindo de acontecementos ou pegadas do pasado, ten unha forte afinidade coa ficción, pois o seu obxectivo é construír unha épica dos feitos, un relato no que poidan vivir as personaxes históricas. Pola contra, o teatro da memoria se escrebe a partires de baleiros, os que configura a propia fraxilidade da memoria individual ou colectiva. A diferenza entre a historia e a memoria é que a segunda sempre está viva, e chea, por conseguinte, de dúbidas, de incertezas. Nós temos escrito un teatro da memoria no sentido de que non prevalece un desexo de reconstruír acontecementos senón só aqueles sentimentos que puideron ser parte das persoas que viviron nunha época moi determinada: protagonistas de historias xamais escritas.

FRANCISCO OTI.- O teatro histórico quere ser fiel reflexo dos acontecementos que importan na construción xeral da idea de nación e teñen que ver máis con personaxes míticos e recoñecidos que xogaron un papel importante na historia dos pobos; en Galicia o referente do Teatro Histórico, para min podo ser Daniel Cortezón, e o drama Histórico de referencia: O Mariscal. O teatro da memoria está noutra orde, os nosos personaxes son máis do común e aínda que tamén fan patria non é ese o seu fin principal.

Independentemente do motivo concreto que fundamenta esta obra, a existencia de textos coma este pon en evidencia o incumprimento da Lei de Memoria Histórica. Ata que punto influíu na escrita de Arquivos de realidade o silencio que se segue mantendo sobre episodios coma o que relatan?

JULIO FER.- Hai un evidente interese no texto por abrir á cuestión da Memoria Histórica. Máis aló do cambio de nomes nas rúas e da eliminación de símbolos ou desenterramento dos restos dos represaliados asasinados, a cuestión de fondo é precisamente o silencio: moitos documentos relativos á época franquista son, hoxe en día, segredos de Estado; isto sen contar o silencio imposto sobre os vencidos, que trala súa desaparición convértese en silencio irrecuperable. Xusto isto é o que implicitamente apunta Arquivos de realidade: a posibilidade de recuperar o silencio e darlle voz, sacar da escuridade dos arquivos aqueles datos que poidan dar luz sobre o que realmente pasou.


Publicidade

FRANCISCO OTI.- Non se trata só do esclarecemento dos feitos e de levantar mordaza imposta á Memoria Histórica, senón tamén que os feitos sexan recoñecidos e destapar a verdade silenciada .

O teatro está reavivando o debate sobre a recuperación da memoria histórica sobre a guerra civil en todo o estado. Cal é o papel que debería xogar especificamente en Galicia?

JULIO FER.- Galicia sufriu unha represión humana similar á que sufriu o resto de España, pero culturalmente houbo unha completa desfeita, maior que en outros territorios, en parte tamén causada, penso, pola procedencia do propio ditador, que máis que amar, odiaba a súa terra; e agravada polo desinterese interior e a emigración cara a grandes núcleos de poboación sen conciencia do pasado. Falar da represión cultural explicaría moitas cousas das que hoxe están a pasar.

FRANCISCO OTI.- Con esta pregunta poderiamos formular unha boa tese doutoral: Cal é a función do teatro en Galicia? intervir na recuperación da memoria histórica?, na normalización da lingua?, na recuperación dos clásicos?, na creación de públicos?, na recuperación de circuítos?, nas residencias teatrais?, na construción do sistema teatral do novo século… Creo que hai moito que facer, non si?

Agás certas excepcións, nos últimos tempos apareceron numerosos textos sobre a memoria histórica pero a súa repercusión escénica foi mínima. A que se debe este interese autoral e a falta de correspondencia nos escenarios?

JULIO FER.- Non esquezamos que a realidade social non é parella á realidade cultural. Son duas xeracións de persoas que creceron cos libros do franquismo. Eu mesmo, tiven que facer, xa na idade adolescente, unha profunda crítica do aprendido. Pero moita xente non a fixo, continuou a crer que era mellor esquecer e pasar páxina e considerar todo coma unha guerra entre azuis e vermellos –e non quixera aquí nomear políticos da actualidade.

FRANCISCO OTI.- Sempre existiron textos e mais espectáculos, que dunha forma ou outra, trataron temas sobre a represión franquista e a memoria histórica, os que estamos a ver ultimamente penso que son máis creacións de “teatro documento”, espectáculos necesarios que xorden desde o máis intimo baseados en experiencias persoais en certo modo silenciadas, como os movementos de obxección de conciencia.

Son dous dramaturgos ligados á escena e concretamente, Julio Fer dirixe a compañía Anómico Teatro. Contemplan a posibilidade de levalo a escena?

JULIO FER.- Por que non? O texto, malia as dificultades, está pensado para a súa escenificación. De feito, considero, é un texto moi escénico, onde a visualidade é unha gran aliada. Lembremos que o desencadeante da trama, precisamente, é unha película: A tola, que realmente existiu.

FRANCISCO OTI.- Cando escribes un texto teatral tomas unha determinación clara e arriscada: escribir para a posta en escena; e iso vai condicionar a túa creación literaria, son cuestións que, queiras ou non, van estar presentes en cada unha das palabras, en cada unha das didascalias, en cada monólogo , en cada diálogo, en cada escena, en cada cadro en cada personaxe; sempre é así ata que chegas a: baixa o pano; mais para chegar a erguer o pano son necesarias outras achegas, e moito traballo en equipo, sen falar dos orzamentos necesarios, e iso leva o proceso por camiños máis complexos que a creación literaria. Creo que ambos estariamos encantados de acadar e de participar neses procesos fose para producir un espectáculo ou mesmamente unha película.

E por último, despois da publicación de Lingua de lata e este Arquivos de realidade, van seguir escribindo xuntos?

JULIO FER.- Seguramente. Hai, de feito, unha terceira peza inédita que tamén escribimos xuntos non hai moito, e na que se mestura, non sen humor, unha posible relación de Boris Vian coa tradición funeraria en Galicia. O título é Café para defuntos.

FRANCISCO OTI.- Os textos en común no teatro son máis habituais do que parece, mesmo a escrita “a pé de ensaios” ou “por encarga” coa participación do autor ou autores nos procesos de produción; así saíron moitos espectáculos como Lenta Raigame ou Celtas sen Filtro, por poñer dous exemplos de éxito na Historia do Teatro Galego.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

metrocadrado |

O II Certame de Microteatro Metro Cadrado xa ten gañadores

DPRlibro |

O CDG e Edicións Positivas coeditan o texto de ‘Divinas Palabras Revolution’