Libros

O CDG e Edicións Positivas coeditan o texto de ‘Divinas Palabras Revolution’

PUBLICIDADE

A versión en galego da obra teatral de Valle-Inclán Divinas Palabras realizada por Manuel Cortés e Xron para o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Divinas Palabras Revolution. Traxicomedia de aldea global é obxecto do terceiro número da colección editorial O Papel do Teatro, creada para darlle difusión aos textos das producións propias da compañía pública galega.

Do mesmo xeito que xa se fixera co primeiro e segundo números da serie, Tartufo, de Molière, e Martes de Carnaval (As galas do defunto e A filla do capitán), tamén de Valle, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Edicións Positivas asumen en réxime de coedición a publicación deste volume.

Trátase dunha edición de perto de 80 páxinas, con fotografías a cor que reproducen algunhas das escenas de Divinas Palabras Revolution, estreada polo CDG o pasado 12 de abril no Salón Teatro de Santiago baixo a dirección de Xron.

Ademais da adaptación da peza, o exemplar inclúe senllos artigos de Fefa Noia, directora do CDG, e de Xron, así como a relación dos integrantes dos equipos artístico e técnico que puxeron en pé a montaxe interpretada por Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Patricia de Lorenzo, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos, Tomé Viéitez e a colaboración especial de Mónica Camaño.

Na súa introdución, titulada “As Divinas Palabras de Valle-Inclán segundo o Doutor Frankenstein”, Xron refírese ao texto como “unha versión inconscientemente libre do texto orixinal”, á que se achegou “como se fose un cadáver ao que había que facer unha autopsia, abrir en canal, extraer os seus órganos internos e recompoñer de novo cada unha das súas partes, para lle dar nova vida dentro do contexto actual da nosa sociedade”, relata.

Divinas Palabras Revolution pode mercarse xa a un prezo de 9,50 euros a través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia e está tamén dispoñible nos principais puntos físicos de venda galegos.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!