Hoxe faleceu aos 74 anos Ernesto Chao, actor histórico do teatro galego e un dos rostros máis coñecidos polo seu traballo no audiovisual.
Ernesto Chao foi un actor cunha dilatada experiencia profesional, especialmente no teatro, cunha carreira ininterrumpida desde 1969 onde destaca, entre outras, a fundación de compañías míticas como Abrente e Artello e a súa colaboración en proxectos como Teatro do Malbarate. Director do Centro Dramático Galego de 1986 a 1987, Chao fundou a súa propia compañía teatral, Lagarta Lagarta S.L. xunto coa súa esposa, a tamén actriz Rosa Álvarez. Xunto co seu traballo como intérprete, destaca a súa actividade en favor da mellora das condicións profesionais do sector coa fundación en 1985 da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, da que tamén foi Presidente.
No plano audiovisual, o seu personaxe de Miro Pereira na serie Pratos Combinados foi o que lle deu máis popularidade con máis dunha década nas pantallas da Televisión de Galicia. Ernesto Chao traballou en máis dunha ducia de producións cinematográficas desde 1985, ano no que comezou a súa carreira televisiva. Así, despois de participar en múltiples programas de formatos diversos, nos últimos anos colaborou con papeis en series de éxito a nivel estatal como Cuéntame como pasó ou Fariña.
Entre os recoñecementos recibidos por Ernesto Chao está o Premio de Honra Abrente no Festival Internacional de Teatro de Ribadavia, o Premio Compostela de Teatro ao Mellor Actor Protagonista por Galileo Galilei, o Premio Chano Piñeiro do Audiovisual Galego como Mellor actor protagonista por Condenado a vivir, Premio de Honra Pedigree do VII Festival de Cans ou o Premio de Honra Fernando Rey por toda a súa traxectoria profesional.