in

Narón anuncia a súa programación para o último cuadrimestre

RetabloNoroeste |
Vintedous espectáculos conforman a programación do Concello de Narón para o próximo outono. Do 15 de setembro ao 22 de decembro, diferentes propostas de música e artes escénicas para todos os públicos pasarán polo Pazo da Cultura de Narón

O sábado 15 de setembro, o Pazo da Cultura acollerá Cranios Privilexiados ou crítica da razón perralleira de Produccións Teatrais Excéntricas con Josito Porto e Víctor Mosqueira e con dirección de Carlos Santiago. O sábado 22 de setembro Pentación Espectáculos presenta El Funeral, peza escrita e dirixida por Manuel M. Velasco que conta cun elenco formado por Concha Velasco e Antonio Resines, Clara Alvarado, Cristina Abad e Emmanuel Medina. Para rematar o mes de setembro, o venres 28 e sábado 29 de setembro o teatro galego regresa ao Pazo da Cultura con Teatro do Noroeste e o seu Da avaricia, a luxuria e a morte a partir de tres pezas de Ramón María del Valle Inclán baixo a dirección de Eduardo Alonso.

Despois da presentación do espectáculo musical Que corra el aire, de Luz Casal o día 6 de outubro, Educateatro Produccións chega a Narón o domingo 7 de outubro coa obra musical Os tres porquiños, un espectáculo infantil a partir de 2 anos. Dirixida por Luís Crespo, a peza ofrece unha revisión da fábula tradicional para adaptala aos novos tempos. O venres 19 e sábado 20 de outubro Teatro do Atlántico presenta Dúas donas que bailan, de Josep María Benet i Jornet. Xúlio Lago dirixe a María Barcala e María Ángeles Iglesias nun espectáculo que procura “facernos compartir os soños e os fracasos das súas complexas personaxes nunha viaxe brutalmente divertida e conmovedora”.

Por outra parte, o domingo 21 de outubro a Compañía Nueveuno presenta Sinergia 3.0, un espectáculo visual que combina danza, malabares, equilibrios e tecnoloxía sobre unha “fantástica música orixinal”. O sábado 27 de outubro a compañía SEDA presenta no Pazo da Cultura Concierto para un olmo. Trátase dun material que versa sobre a condición do ser ligando linguaxes: a música, a palabra e o corpo cun elenco formado por Assumpta Serna, Teresa Nieto e Pablo Amorós baixo a dirección de Corina Fiorillo. Para finalizar o mes de outubro, Teatro Ghazafellos/Urdime presenta en Narón A nena e o grilo do máis alá.

O programa previsto para o mes de novembro comeza o xoves 1 coa compañía Etiqueta Negra Producciónes e os seus Monólogos interruptus. Dani Rovira, JJ Vaquero e Iñaki Urrutia protagonizan esta dose de comedia na que tres tres cómicos da mesma xeración se enfrontan a unha noite na que “o cómico que está facendo o monólogo poderá ser interrompido por los outros dous”. De igual forma, o sábado 3 de novembro, Nueve de Nueve presenta La extinta poética, unha peza de Eusebio Calonge con dirección de Paco de la Zaranda na que se preguntan polo sentido da poesía no noso tempo de velocidade e baleiro. O domingo 4 de novembro, será a quenda para a peza Tomasa Sawyer da man de La Teta Calva: “unha obra para nenos e nenas e para aqueles que o foron algunha vez”.


Publicidade

A danza chega o sábado 10 de novembro con Carmen, da compañía Víctor Ullate mentres que a compañía Barco Pirata desembarca o sábado 17 de novembro en Narón con ¿Quién es el señor Schmitt?, dirixida por Sergio Peris-Mencheta e con Javier Gutiérrez e Cristina Castaño no elenco. Un día despois, o domingo 18 de novembro, Teatro de Malta subirá á escena con Alegría, palabra de Gloria Fuertes: un espectáculo infantil-xuvenil con dirección de Marta Torres a partir de poemas da escritora. Por último, o sábado 24 de novembro, Unahoramenos Producciones achega ao Pazo da Cultura de Narón Tal vez soñar: unha peza mortal na que quen morreu continúa a manter unha relación moi estreita cos vivos.

O sábado 1 de decembro, Redrum Producciones presenta Estás aí?, un texto de Javier Daulte dirixido por Álex Sampayo con Xulio Abonjo e Isabel Risco que “narra os desencontros dunha parella que se muda a un apartamento no que habita un personaxe invisible”. Por outra parte, o domingo 2, Teloncillo Teatro presenta en Narón La Granja, mentres que o venres fará o propio o ballet de La bella durmiente. A música tradicional será a protagonista o sábado 15 con Xabier Díaz e as Adufeiras de salitre e o espectáculo Noró. Finalmente, o venres 21 subirá ao Pazo da Cultura de Narón o Chicago Mass Choir co espectáculo Connecting Souls mentres que o sábado 22 de decembro a compañía Ron Lalá pechará a programación co espectáculo Crimen&Telón.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

RemueMenageAbysses |

Comeza a IX edición de Itineranta en Pontevedra

Ernestochaor |

Falece o histórico actor Ernesto Chao