Romeo Castellucci debutou no Festival de Salzburgo cunha versión de Salomé, de Richard Strauss, que concitou o aplauso da crítica e o público.
Castellucci amosa un mundo dourado (o do rei Herodes) cheo de buratos negros coma o calabozo de Xoán. A posta en escena está chea de potentes imaxes oníricas –coma a do cabalo que se refire ao mundo subconsciente da protagonista– e o baile dos veos de vira radicalmente ao contrario: sen movemento, solidificada, Salomé, como un animal sacrificado, é literalmente engulida por unha pedra.
A audacia escénica de Castellucci, desta vez atenuada polo argumento inspirado en Wilde, atopou un bo recibimento nun dos festivais máis clásicos de Europa.
O Festival de Bayreuth comezou cun Lohengrin con dirección musical de Christian Thielemann e escénica de Yuval Sharon, e escenografía e vestiario da parella formada polos pintores alemáns Neo Rauch e Rosa Loycon.
É a primeira vez que un nortemericano dirixe en Bayreuth. Non obstante, a particularidade desta montaxe reside en que cando Sharon substituíu a Alvis Hermanis como directora, en 2016, os artistas Neo Rauch e Rosa Loy estiveran traballando nos decorados e traxes durante varios anos. Como director Sharon mantivo todo o que puido. O que os artistas tiñan imaxinado era unha produción máis clásica –cos decorados inspirados nos de Wieland de despois da II Guerra Mundial e o vestiario na pintura de Van Dyck– e, daquela, o espectáculo transformouse nunha deconstrución da versión primixenia.
A lectura de Sharon –quen se inspirou en Barthes e Brecht para elaborar a súa versión e está considerado un dos directores máis arriscados dos Estados Unidos– e na que a malvada Ortrud axudaría a Elsa a liberarse dun mundo dominado polos homes, concitou respostas enfrontadas, ainda que atopou o beneplácito de Katharina Wagner, directora do festival.
Unha segunda produción de Robert Lepage –esta vez co Théâtre du Soleil de Ariane Mnouchkine– foi cancelada por non incluír actores indíxenas nun espectáculo centrado, en parte, nas loitas das comunidades indíxenas en Canadá. É o segundo espectáculo que Robert Lepage ve cancelado no prazo dun mes, despois de que o Festival Internacional de Jazz de Montreal cancelase a produción de ‘Slav’ tras as protestas sobre un elenco maioritariamente branco que interpretaba escravos negros.
O 14 de xullo un grupo dirixido por activistas, artistas e académicos indíxenas escribiu unha carta aberta en Le Devoir, un diario de Quebec, respondendo aos comentarios feitos nese xornal por Ariane Mnouchkine: “Gústanlle as nosas historias, pero non lle gustan as nosas voces”, dicía a carta, que subliñaba que o seu obxectivo non era a censura da obra, e que tamén destacaba a falta de oportunidades e financiamento para artistas indíxenas en Canadá.
Lepage e Mnouchkine reuníronse cos asinantes para discutir a produción: “Os participantes na reunión foron moi abertos e cremos que moitos dos nosos intercambios foron produtivos”, declararon Lepage e a súa compañía, Ex Machina, nun comunicado. “Con todo, a polémica infinitamente complexa e moitas veces agresiva que envolveu o espectáculo alcanzou os coprodutores norteamericanos que estaban interesados nela e algúns xa anunciaron a súa retirada”.
Como consecuencia desta retirada, o espectáculo acabou por cancelarse.