O Certame de Creación de Dúos e Solos SÓLODOS EN DANZA 2018 mantén aberto o prazo para a presentación de propostas até o 12 de outubro. O Festival Internacional de Danza Contemporánea e o Certame terán lugar do 22 ao 24 de novembro de 2018 no Auditorio Municipal de Ourense.
Poden participar na convocatoria todas aquelas coreografías de danza contemporánea (dúos e solos) de creadores iberoamericanos, residentes en Europa maiores de 18 anos. As pezas deberán estar interpretadas por un ou dous artistas, sendo indispensable que o creador/a sexa tamén intérprete da obra. A duración da peza presentada será de entre 8 e 10 minutos, tendo que ser a peza que se envíe na gravación para a preselección, a mesma que se presentará no día do concurso. As pezas deben ser flexibles para ser bailadas na rúa ou en teatro, independentemente, xa que a xira en Costa Rica se realiza en espazos non convencionais como parques, prazas, rúas ou colexios.
Un mesmo creador pode presentar varias obras a concurso, aínda que só unha poderá ser preseleccionada. Un equipo de profesionais realizará unha preselección por vídeo de até 5 creacións que se presentarán en Sólodos en Danza/Ourense 2018. Os finalistas comprométense a participar en todas as actividades do Festival os días 22, 23 e 24 de novembro.
Entre a documentación requirida, é preciso remitir a [email protected]: un vídeo da coreografía mediante un link co título da peza e autoría, unha carta de interese para participar do proxecto, título da peza / nome do creador, un pequeno texto sobre o traballo presentado (máximo 5 liñas), un link ao vídeo que se poida publicar, a nacionalidade e a idade do creador xunto cun contacto (electrónico e telefónico), a nacionalidade e a idade dos intérpretes e o contacto, o cv do creador e dos intérpretes (máximo dunha folla por artista).
O venres 19 de outubro de 2018 publicarase no muro da páxina de Facebook de Sólodosendaza, as obras seleccionadas.
Sólodos en danza
Sólodos en danza é un proxecto de Cooperación Cultural, un proxecto de ámbito artístico –social que xenera intercambio e mobilidade entre artistas iberoamericanos. Sólodos utiliza diferentes estratexias de colaboración para construír unha ponte cultural entre artistas de América e Europa.
Sólodos en Danza é un espazo de colaboración e intercambio entre institucións públicas, privadas, festivais, organizacións sociais, culturais e artistas. A plataforma ofrece bolsas, residencias artísticas, intercambios técnicos profesionais, coaching con académicos especializados en artes escénicas, entre outros.
Premio Sólodos en danza / Ourense / 2019 con xira a Costa Rica
Os obxectivos deste premio son facilitar a mobilidade de creadores novos, propiciar o encontro entre profesionais escénicos iberoamericanos, crear un espazo para o intercambio de ideas e proxectos nun contexto único como o é Sólodos en Danza /Costa Rica /2019.
Sólodos en Danza premiará unha obra e ao seu creador-intérprete ou creadores-intérpretes, con unha xira por diferentes comunidades costarricenses. Ademais, o equipo da peza gañadora realizará coloquios, obradoiros, participará en actividades socioculturais durante a xira. Tamén se desenvolverá unha residencia artística en conxunto con outros colegas iberoamericanos no espazo de Creación e Investigación Sólodos Costa Rica, a obra premiada formará parte da gala de danza iberoamericana que viaxará por todo o país.
O Premio consiste nunha viaxe a Costa Rica (con saída de Madrid en datas comprendidas entre o 23 de febreiro e o 19 de marzo de 2019, xira por diferentes rexións de Costa Rica, en espazos non convencionais, a participación na VII Edición de Sólodos en danza /Costa Rica/2019, workshops internacionais, coaching e residencia artística con profesionais e académicos especializados en artes escénicas.