in

Vigo presenta a súa programación para o outono

leituga foto1 |

O venres 28 e o sábado 29 de setembro arranca a programación municipal de artes escénicas e musicais, VIGOCULTURA, que se desenvolverá nos meses de outubro e novembro, organizada pola Concellería de Cultura. Trátase do Mago Dani Gacía que realizará pasarrúas pola rúa do Príncipe, rematando co seu espectáculo Don Gelati diante das escaleiras do Marco. Serán as primeiras das 21 funcións previstas nesta nova tempada, que volverá contar con teatro, música, danza, maxia, circo e un espectáculo para bebés e outro de rúa.

VIGOCULTURA volve apostar por unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas, con espectáculos que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela. O programa contará con sesións para público adulto, os venres ás 21 horas, e con programación destinada a público familiar, que continuará realizándose os domingos ás 18 horas.

Entre os espectáculos destacados para esta tempada, Emedous estará en función dobre con A Leituga, un espectáculo que conta como cabeza de cartel con Antonio Durán Morris, o actor vigués máis distinguido. Destaca tamén a coprodución entre LAZONA e o Centro Dramático Nacional, Cáscaras Vacías, un espectáculo inclusivo que non deixará indiferente a ninguén. Yllana, nesta ocasión en coprodución con Primital Bros, presentaranos o seu espectáculo musical The Primitals, unha función salvaxe que combina música e gargalladas a partes iguais.

Outra novidade será o espectáculo-conferencia sobre a danza contemporánea: o artista catalán Toni Jodar fará un repaso pola historia até a danza máis contemporánea. Unha conferencia bailada, explicada, que contará cunha charla-coloquio co artista ao rematar para todos os que desexen comentar con él os pormenores das artes do movemento.

Pola súa banda, Talía Teatro presentará O servidor de dous amos, Teatro do Noroeste, Da avaricia, a luxuria e a morte, unha adaptación de Valle Inclán e Teatro Meridional, Iberian Gangsters, finalista na última edición dos Premios MAX.

Na oferta para toda a familia poderemos ver a compañías como Talía Teatro, Elefante Elegante, Spasmo Teatro, LANÖRDIKA, Pata Teatro, a maxia do Mago Teto e a música tolémica de Píscore, xunto co espectáculo para bebés BBCircus da compañía viguesa Asacocirco.


Publicidade

 

Venda de entradas e prezos

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios e PLATEA como polas ordenanzas fiscais municipais. Os prezos para o espectáculo de Yllana será de 10 €, namentres que para o resto de espectáculos para adultos será de 8 €. Todos os espectáculos destinados a público familiar terán un prezo de 5 €.

Para fomentar a utilización das canles de venda anticipada e para evitar as colas no despacho de billetes antes de comezar os espectáculos, cos conseguintes atrasos no comezo das funcións, o Concello asumirá o custe dos gastos de xestión na venda anticipada. Deste xeito, o espectador pagará o mesmo mercando a entrada anticipada que o propio día no despacho de billetes do Auditorio. As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir do xoves 13 de setembro (sen gastos de xestión), a través da páxina web de Ticketea (www.ticketea.com), no teléfono 902.044.226, en Discos Elepé (r/ Doutor Cadaval, 35), ou ben o mesmo día do espectáculo, a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas disponibles).

Os abonos para a programación deste semestre pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10, con importantes descontos do 10 e 25 % respectivamente.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Dirque et Fien |

I Festival de Circo do Porto

EsadVigo |

Folga na ESAD para esixir a restitución do profesorado