in

As Artes Escénicas galegas queremos ser universitarias, por Sandra Núñez Figueroa

esad galicia recortes |
| Sandra Núñez Figueroa, Presidenta da Delegación de Alumnado da ESADg |

 

Despois dunhas semanas de non parar –coma todas as persoas que tentan achar un oquiño ou continuar neste “mundo do teatro”, xa que estamos en continua supervivencia–, sento por fin diante do ordenador e repaso todo o acaecido até agora nestas semanas de protesta. E lembro cousas. Hai algunhas mellores e outras peores, pero esas cousas que lembro fanme pensar no efémero de cada intre na vida e por que reivindicamos o que estamos a reivindicar con tanta urxencia.

Eu teño 23 anos e estudei Linguas Estranxeiras na Universidade de Vigo. Adoitaba pasar tempo na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), tanto asistindo ás mostras de traballo abertas ao público como coñecendo ás persoas que integraban o que eu sempre percibía coma unha facultade marabillosa na que ensinaban todos os pequenos detalles que facían que unha peza de arte escénica cobrase vida. Tamén a percibía coma Universidade. Universidade no sentido que algunhas das miñas mellores profesoras da carreira trataban de inculcarnos: un lugar físico e alegórico ao mesmo tempo no que compartir experiencias, ensinanzas, nutrirnos de todo o que nos rodea para medrar e madurar, xa que a vida non se comprende como parcelas illadas entre elas sen conexión, senón que máis ben todas se comunican entre elas para conformar aquilo que coñecemos e descoñecemos. Comunicación.

Actualmente estou cursando segundo de interpretación na ESADg, xa que estudar nesta escola era o que realmente precisaba para as miñas proxeccións de futuro, proxeccións que viñan de máis atrás do que a miña mente alcanza a lembrar. A semana pasada tivemos a nosa primeira clase da materia de Teorías do Espectáculo I coa profesora Inma López Silva, entre outras, e falamos do concepto de Teatro, de Arte, e todo acababa levando á Comunicación. A humanidade ten unha necesidade intrínseca de comunicarse, de compartir coas demais formas de vida, e o teatro como forma de arte e de vida non podía ser menos. As matemáticas comunican coa súa propia linguaxe; a literatura comunica en diferentes linguas e formas; e o teatro comunica á súa propia maneira, cos seus códigos escénicos, do mesmo xeito. E todas –absolutamente todas– estas formas de comunicación son necesarias para alcanzar aquilo que se adoita buscar tan a miúdo no camiño da “excelencia”, do saber vivir, ou nas ferramentas de simple supervivencia do día a día. Ogallá nun futuro poidamos ver como se lle dá a mesma importancia ao feito de que unha nena de primaria saiba sumar dous máis dous como a que sexa empática e saiba relacionarse co seu entorno dunha maneira sá física e psicoloxicamente –estas son algunhas ensinanzas que achega o teatro, por se non quedaba claro–. Este non é o tema deste artigo, pero me parece que vai intimamente relacionado coa percepción que temos no Estado sobre o mesmo e que, do mesmo modo ca unha bóla de neve, vai incrementando a problemática.

Desta maneira, imos medrando como persoas e como estudantes, rematamos bacharelato coma mínimo e entramos dispostas a adquirir uns coñecementos dos que antes apenas puidemos percibir nada e, cando nos queremos dar conta, estamos nunha escola que expide un título superior equivalente a grao que, na realidade, non é funcional. Podemos exemplificar isto co caso dunha alumna portuguesa que estudou Escenografía na ESADg e obtivo o devandito título xunto co suplemento europeo, co cal se pode asumir que o seu título é válido, con perdón pola redundancia, en Europa. En cambio, cando volveu a Portugal descubriu que o seu título superior non se convalidaba; de feito, para obter un título válido alí, tería que volver a avaliarse. Polo visto, son as licenciaturas as que si permiten o recoñecemento. Ademais, cabe destacar que ela, no 2010, matriculouse nun grao, pero o que adquiriu en 2014 foi, como veño escribindo, un título superior. Desta maneira, unha alumna que se interesou polos estudos da nosa escola e agardaba poder exercer a súa profesión tras rematalos, atópase nunha situación inxusta por mor da consabida burocracia e do gravísimo feito de que a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia non forme parte da Universidade.

O que queremos as alumnas da ESADg é formar parte da Universidade de maneira real, queremos a adscrición. Nada máis e nada menos. Nada máis porque realmente o asunto non ten máis complicación que que o goberno da Xunta de Galicia nos admita como tal. A nosa escola está preparada para asumir todo o que implica ser universitaria: rexemonos por materias con créditos ECTS e temos Traballo de Fin de Estudos (TFE) a realizar (xa que é así como funcionan os estudos universitarios); sabemos que tanto o anterior coma o novo reitor da Universidade de Vigo están de acordo con esta adscrición; e ademais contamos co apoio de toda a sociedade que considera que a cultura non é inferior á ciencia e que, é máis, van unidas pola man. E nada menos porque como escola portadora da cultura das artes escénicas do noso país (única en Galiza), merecemos estar á altura do que iso implica, mantendo a calidade do ensino e tendo a oportunidade de medrar por nós mesmas. Atrévome a afirmar unha cuestión que na ESADg vimos mencionando dende hai tempo: somos a única escola de arte dramática do mundo na que aprendemos este oficio na lingua galega e iso supón un peso e unha responsabilidade, xa que podemos e debemos defender tamén unhas artes escénicas de calidade nas que se amose que temos unha cultura propia. Atrévome a afirmar tamén que, se nos deixan medrar, podemos ser unha escola máis que competitiva a nivel estatal e europeo, xa que, incluso cos impedimentos que temos, somos unha escola de referencia para moitos países, cun profesorado que é referente no mundo teatral en moitas ocasións e cun alumnado de moi alto nivel do mesmo xeito.

Por outra banda, considero necesario informar do que estivo a acontecer estas últimas semanas e que aínda non rematou: a ESADg está reivindicando. Estamos reivindicando. O punto de inicio das nosas reivindicacións públicas foi unha folga de tres días de profesorado da escola á que tamén nos unimos as estudantes xunto con simpatizantes, sindicatos de traballadoras, sindicatos estudantís, profesionais das artes escénicas, etc. De feito, contabamos con persoas máis que respectadas da nosa profesión como Afonso Becerra (profesor de Dramaturxia na nosa escola) ou Mabel Rivera (en representación da Asociación de Actores e Actrices de Galicia), quen deron discursos de apoio nas concentracións. A primeira concentración tivo lugar diante do edificio da Xunta en Vigo e as segunda e terceira fronte á Xefatura Territorial, en Pontevedra. Grazas a estas concentracións comezamos a facernos escoitar máis a través das faixas, das redes sociais e dos medios xornalísticos, pero non semellabamos avanzar coas reclamacións, que eran fundamentalmente e por parte da comunidade educativa as seguintes que saco directamente dos panfletos repartidos de #NonRecortesNaESADg (este foi o noso cancelo nas reivindicacións por Internet):

  1. Non aos recortes reiterados de profesoras/es.
  2. Equivalencia de condicións laborais do profesorado acordes coa titulación. (O título superior de Arte Dramática é equivalente ao Título Universitario de Grao).

Isto se debe a que este ano foron recortadas tres prazas de profesorado máis das que xa levabamos ao longo destes anos. Nós consideramos que isto é unha inxustiza e un insulto aos nosos estudos, xa que non podemos desenvolver a nosa carreira (chámolle carreira porque, de novo, para nós isto debería ser un grao) tendo menos profesorado dispoñíbel para as materias. Os nosos estudos precisan dunha avaliación continua e personalizada que se ve resentida cunha redución de profesorado, non só porque é máis complicado cadrar ocasións para as titorías docentes ou porque as profesoras non poden atender da mesma maneira a todo o alumnado en clase, senón tamén porque o desgaste afecta aos seres humanos e ter que lidar con situacións laborais inxustas coma as que se están a dar non proporciona un ánimo ideal para dar nin para recibir ensinanzas.

Desta maneira, cando rematou a folga, decidiuse continuar coas protestas e nos presentamos diante do IES Ricardo Mella. Alí estaban o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que mostrou o seu apoio á ESADg, e o xefe territorial, César Pérez Ares, quen accedeu a ter unha reunión con representantes da nosa escola. Tiñamos prevista tamén unha concentración en Santiago de Compostela fronte ao edificio da Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, e como non obtivemos cambio na situación, levámola a cabo. Paralelo a isto, continuamos dende a escola todos os días lectivos coas reivindicacións e contabamos con difusión polas redes sociais en forma de imaxe, tweet ou vídeo (a isto uníronse persoas de referencia nas artes escénicas como Antonio Durán Morris).

Esta semana saíu a nova de que a Consellería de Educación –que conta cunha nova conselleira, Carmen Pomar– reporá dúas das tres prazas recortadas, unha de Dramaturxia e outra de Espazo Escénico. Esta medida, como é lóxico, parécenos correcta, pero escasa. As alumnas non queremos conformarnos con que nos devolvan unha pequena parte do que xa nun principio non debía ser quitado (xa que con esa medida o profesorado de Dramaturxia materia esencial na arte dramática-, por exemplo, tiña un número de horas de docencia que era maior do que está asignado por lei). As alumnas queremos un ensino de calidade, e este ensino pasa directamente polo que non nos cansamos de repetir: a adscrición á universidade. Toda a problemática que nos prexudica sería resolta mediante este proceso, e temos motivos para queixarnos. A continuación irei describindo algunhas das cuestións que nos afectan ademais das xa comentadas.

O espazo físico da ESADg non está completo. O proxecto arquitectónico da nosa escola, ademais do edificio que temos, contaba con outro cun aulario específico para as materias de Interpretación Xestual, xa que precisamos de espazos de traballo axeitados para o corpo e tamén para que cada alumna ou grupo de alumnas poida acceder a unha aula para os seus ensaios particulares (ensaios que forman parte do traballo a avaliar en cada materia). Tamén tiña que haber outro edificio máis onde estaría situado o teatro. Consideramos que non é unha loucura querer contar cun teatro que estaba proxectado para unha escola onde se ensina, precisamente, teatro. Estamos sobrevivindo a base de usar o salón de actos e as aulas prácticas das que dispoñemos, pero resulta unha maneira bastante precaria de aprender o noso oficio. Por outra banda, precisamos talleres ben adaptados para o alumnado de Escenografía, que non ten espazo abondo nin con todos os medios necesarios para aprender a profesión de maneira digna e segura.


Publicidade

Na liña do xa comentado anteriormente está o feito de que non somos un instituto de secundaria, pero sentímonos tratadas como tal. Temos os medios para ser universidade e en teoría a equivalencia a un título de grao, pero os recortes indicaban que o tratamento da nosa escola ía ser diferente. Nós, coma o alumnado universitario, precisamos de titorías docentes, que son aquelas titorías nas que podemos gozar dunha necesaria ensinanza e atención máis personalizada con respecto ao noso proceso de traballo. Porén, precisamos do profesorado e do persoal de administración e servizos (PAS), xa que estas titorías son en horario de tarde. Precisamos que a ESADg estea aberta e dispoñíbel para os ensaios e os espazos de traballo dos que dependemos para unha avaliación correcta e un progreso axeitado. Non queremos nin podemos permitir que a administración nos poida pechar nun futuro coma un instituto de secundaria. Polo tanto, as traballadoras PAS deben ter postos de traballo que permitan este bo funcionamento da escola, para poder dispoñer das chaves das aulas ou do material que sexa preciso en cada intre.

A cuestión do material do que dispoñemos tamén é destacábel, xa que foi enviado algún informe das necesidades e dotacións técnicas que precisamos na escola, pero non semella pórse en marcha ningún tipo de axuda neste sentido. Hai docencias que precisan de equipos informáticos axeitados, dos cales carecemos na escola, xa que a maior parte deles resulta obsoletos. Tamén precisamos destes equipos para o acceso a todo o traballo informático na escola, xa que hai persoas que dependen diso para a investigación ou a redacción. Por outra banda, é necesario un equipamento técnico para materias (cruciais no teatro) coma Espazo Sonoro ou Iluminación, ademais de que tamén precisamos deste material para presentar os proxectos cos aspectos técnicos correctamente axustados. Todo isto sen mencionar o resto de material descrito que precisamos, dende andeis ata tarimas pasando por máquinas de coser ou martelos.

De media, levamos 800 euros menos de beca ca unha alumna universitaria aínda que o noso traballo e gastos sexan totalmente equiparábeis aos seus. Ademais, a nosa tarxeta de transporte urbano de Vigo está catalogada coma “Estudante” en lugar de “Universitaria”, co cal, aínda que precisamos desprazarnos igualmente, cústanos bastante máis, con menos cartos. As estudantes de arte dramática non só precisamos pagar a matrícula, desprazarnos e adquirir libros, en moitas ocasións ademais debemos conseguir utilería, vestiario, materiais para crear escenografías, etc.

Temos unha serie de convenios Erasmus que nos permiten estudar fóra e convivir dentro con alumnado estranxeiro, ademais de importante profesorado internacional, cuestións que indubidabelmente enriquecen o ensino do mesmo xeito que na universidade; pero precisamente por non formar parte da universidade, isto leva problemas de convalidación ou de alumnado que se volve a cuestionar esta opción (tendo moito interese na ESADg).

Tamén hai que mencionar que contamos cunha moi ben dotada biblioteca na nosa escola, pero non podemos practicamente acceder a ela porque non contamos cunha persoa que exerza de bibliotecaria as horas necesarias. Ao mesmo tempo, ao non ser universitarias, non temos unha tarxeta que nos garanta os mesmos dereitos de acceso ás bibliotecas da Universidade de Vigo. Temos que ler unha grande cantidade de libros de maneira obrigatoria para as materias, e debemos e queremos ler outro tanto para enriquecer o noso traballo, pero sen un acceso decente ás bibliotecas específicas esta tarefa é unha complicación engadida.

A rede wifi é un tema de preocupación para o alumnado do mesmo xeito: nós contabamos con este acceso a Internet na escola ata que un día non puidemos conectarnos. Resultou que estaban a realizarse trámites para que cada alumna tivera unha clave de acceso. Isto resultaría interesante, xa que na universidade o sistema funciona de maneira similar, pero esas claves do alumnado nunca chegaron e contamos cunha rede wifi á que non se pode acceder (sumándolle isto á obsolescencia dos poucos ordenadores accesíbeis que temos). Facemos traballos de investigación (TFE incluído) e pasamos moitas horas estudando na ESADg, o lóxico é poder contar cunha rede wifi para este propósito.

Na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia estudamos a carreira dunha profesión maltratada in sæcula sæculorum, xa que o teatro e as súas profesionais historicamente sobrevivían e loitaban por seguir traballando, contando historias, facendo pensar, entretendo, sendo portadoras da cultura, etcétera. Non ten sentido, en pleno século XXI, que aínda non se valore como é debido o oficio das artes escénicas cando estamos por todas partes: dende unha peza de microteatro ata un musical, pasando pola animación e en cada esquina temos algo que trae reminiscencias de todo isto. Se non queremos que morra a cultura e si queremos que esta sexa de calidade –e sería lóxico, xa que unha sociedade sen cultura acaba morrendo e avanzando en retroceso–, debemos garantir que as ensinanzas da mesma sexan tamén de calidade para así mellorar nas técnicas e desenvolver a creatividade, a intelixencia, o enxeño que necesitan as artistas para o seu traballo.

Ao inicio destas palabras que escribo falaba de urxencia. Si, reivindicamos as nosas necesidades con urxencia. E reivindicámolas deste xeito por todas as razóns que vimos dando e máis. Non podemos permitirnos agardar máis tempo, xa que cada ano se gradúan novas persoas profesionais das artes escénicas que desexan loitar por un futuro digno e que están saíndo sen un título de grao que permita a calidade óptima e a ampliación de oportunidades laborais. O caso da alumna portuguesa que mencionamos é un exemplo disto, pero a súa situación non é única. Non podemos seguir a expensas de que a administración queira dedicarlle nalgún momento, lonxe, no futuro, cinco minutos e despois decidir que non é relevante e esquecer o tema. Queremos solucións xa. Queremos Universidade xa. Estamos todas a unha e temos moitos apoios por parte da sociedade: a Asociación de Actores e Actrices de Galicia; os sindicatos de traballadoras; os sindicatos e asembleas de estudantado (algúns dos que nos mostraron o seu apoio directo nas nosas reivindicacións e concentracións foron Erguer, Acción Universitaria ou ANEGA); moitas profesionais das artes escénicas, do xornalismo ou da política; as nosas familias, amigas e coñecidas, que non son poucas; incluso contamos con apoio internacional que coñece a nosa situación e non a comprende porque en Europa isto non sucede deste xeito. Non esquecemos tampouco o apoio mutuo que temos coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia ou os Conservatorios Superiores de Música e as ensinanzas superiores artísticas, que tamén merecen unha xusta consideración e unha adscrición. Se toda a sociedade está de acordo, e cos argumentos que damos, consideramos que ten todo o sentido do mundo aquilo que estamos a pedir.

Por todo isto e máis queremos pedirlle á Consellería de Educación e Cultura que considere as nosas xustas peticións que pasan, de novo, nada máis e nada menos que por unha adscripción á universidade do xeito máis inmediato que nos permita desenvolvernos como a escola de calidade que somos. As protestas non remataron e non o farán se non conseguimos este obxectivo. Estamos unidas e non dubidamos. ESAD DE GALICIA, Á UNIVERSIDADE XA!

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ESAD08 |

As mobilizacións da ESAD logran unha rectificación nos recortes á Escola

JoaoPedroMamede |

Charla de João Pedro Mamede na ESAD