Arnoia, Arnoia, baseada na novela homónima de Méndez Ferrín, está dirixida por Quico Cadaval e interpretada por Ánxela Blanco, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Álvaro Reboredo e Beatriz Rubio.
O Centro Dramático Galego (CDG) inaugura a nova temporada de actividade pública no Salón Teatro de Santiago de Compostela coa estrea este xoves día 11 de outubro do espectáculo Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena, unha coprodución da compañía Pistacatro Produtora de Soños. e o propio CDG.
Quico Cadaval regresa ao Salón Teatro como director de Arnoia Arnoia, que combina teatro e circo para levar ás táboas a coñecida novela homónima de Xosé Luís Méndez Ferrín. Neste escenario poderá verse ata o 20 de outubro, con funcións de xoves a sábados, ás 20,30 h., os domingos, ás 18,00 h., e pases matinais concertados con centros escolares do martes 16 ao xoves 18, ás 11,00h.
Os recursos circenses son aquí claves para resolver en escena as aventuras e prodixios desta historia, que comeza cando Nmonadah, un adolescente de 16 anos, perde os seus seres queridos na guerra. A partir desde momento, vese só para iniciar un camiño asexado por perigos, que adquiren forma de luminosos e inquietantes artistas de circo. Para regresar á súa casa pequena, deberá superar unha serie de difíciles probas coa axuda do amuleto Libredón e do castrón Mestre Lionel.
Ánxela Blanco, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Álvaro Reboredo e Beatriz Rubio conforman o elenco de Arnoia Arnoia, que conta con Baltasar Patiño no deseño da escenografía e da iluminación; Carlos Alonso, no do vestiario; Xurxo Pinheiro, a cargo da música; Rubén Vilanova, da fotografía; Juan Gallego, da imaxe; Belém Brandido e José Expósito na produción; e Marcos Ptt Carballido e Clara Gayo como axudantes de dirección.
Os espectadores interesados en afondar no proceso de creación e posta en escena desta nova peza de Pistacatro terán, ademais, a oportunidade de conversar ao respecto co equipo artístico no encontro que se desenvolverá ao finalizar a función de tarde do xoves 18. O espectáculo está recomendado para todos os públicos, a partir dos 10 anos de idade.
Programa para este trimestre no Salón Teatro
Esta é a primeira da ducia de propostas que acollerá a sede do Centro Dramático Galego ata finais de ano: A Panadaría regresará a Santiago do 25 ao 28 deste mes con Elisa e Marcela, tras un ano de éxitos por toda Galicia, e Pablo Fidalgo ofrecerá do 2 ao 4 de novembro a estrea galega de Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro). Dúas coproducións do CDG que levan parellas o desenvolvemento de residencias artísticas no Salón Teatro.
Ademais destas coproducións, o Salón Teatro ofrecerá teatro, danza e cinema para todos os públicos. Así, o vindeiro día 21 o Festival Internacional de Títeres Galicreques presentará aquí o espectáculo El oso que no lo era, da compañía mexicana Mano y Contramano. O 30 de novembro, tras practicamente un mes de proxeccións do festival Cineuropa, o circo volverá ao Salón Teatro con Futuro animal, da man do Foro D10! e das formacións Twisting the Balance e Circo Político.
Decembro comezará con danza (Toda a beleza do mundo, de María Move, os días 1 e 2) para centrarse a continuación no teatro: Casquería e outras vísceras, de Xerpo Teatro, o 8 e 9; Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, do 11 ao 16; Soños, do grupo de teatro afeccionado Down Lugo, o día 19; e as tres propostas do ciclo Gran teatro para os máis pequenos (Nómades, de Xarope Tulú, o 22 e 23; Os fabulosos cleaners, de Malasombra, o 29 e 30; e Muiñada, de Galeatro, o 3 e 4 de xaneiro).
A panad-A-ría*, con “a” de Arnoia, Arnoia
Grazas pola atención!