in , ,

Comeza o IV Encontro ‘Mulleres Creando’ no FITO Ourense

DuasGamberrasEUnMicro |

A 11ª edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que se desenvolve entre os días 4 e 14 de outubro, volve acoller un ano máis o Encontro Mulleres Creando, coa participación de 29 mulleres do panorama cultural galego, a máis dalgunhas convidadas do ámbito estatal e Portugal. O Encontro está coordinado e dirixido pola directora e actriz Marta Pérez.

O encontro desenvolverase os días 12, 13 e 14 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense e ten como finalidade construír un espazo de intercambio artístico, divulgación e estudo da creación escénica feminina nas súas múltiples facetas. Este ano, o Encontro céntrase no movemento A Caixa de Pandora, constituído no ano 2017 para facer fronte a situacións de abuso de poder que sofren as mulleres dentro do ámbito da cultura. A Caixa de Pandora é un grupo non mixto formado por máis de 3.000 mulleres e outras identidades de xénero non hexemónicas, vinculadas á arte e a cultura.

Durante estes días realizaranse 6 mesas temáticas, onde as diferentes convidadas poderán intercambiar as súas diferentes linguaxes creativas, poñer en valor os seus traballos e asegurar así a visibilidade das actividades artísticas nas mulleres. A pretensión é coñecer en profundidade a situación das mulleres no ámbito da cultura, promover á reflexión e debate ao redor delas e tomar as medidas necesarias de cara a igualdade. As mesas realizaranse durante toda a fin de semana en horario de 12 horas e 17 horas e estarán abertas de xeito gratuíto a todo o público.

Xunto coas diferentes mesas, presentaranse un pequeno documental, Princesas Reales, de Ana DMatos, a demostración escénica de Mónica Sueiro titulada 15’ e o espectáculo poético de Dúas Gamberras e un micro (Nuria Vil + Vanessa Glemsel). Todas as presentacións serán na Sala Vermella e na Sala Azul do Auditorio Municipal de Ourense.

 

Programa


Publicidade

VENRES 12

12:00 Mesa e Reflexión
MULLERES VISIBLES – SER E ESTAR NA CULTURA
Interveñen:
Karina Garantivá (Clásicas&Modernas-Madrid) Mercé Espelleta (Projecte Vaca-Barcelona), Pilar Almansa (Liga de las Mujeres Profesionales en el Teatro- Madrid), Marta Villar (CIMA- Galicia), Belén Pichel (Escena Galega) e Joana Sales (Centro de Cultura e Intervenção feminista CCIF/UMAR- Lisboa / non presencial)
A partir de diferentes asociacións que buscan incorporar a paridade nas programacións e exhibicións, poderemos ter unha perspectiva xeral e datos sobre a realidade da situación laboral das mulleres no eido cultural.

17:00 Mesa
A CAIXA DE PANDORA – MOITO MÁIS QUE PERSOAL
Interveñen:
Carmen Tomé (Madrid). Diana Larrea (Madrid). Carolina Nuñez (Galicia)
Nesta mesa falaremos do que é a Caixa de Pandora, cales son os seus obxectivos e as súas metodoloxías, así como coñecer que pasos e de que forma se poden abordar as diferentes denuncias sobre abuso de poder que as mulleres realizan dentro do ámbito laboral da Cultura.

19:00 Proxección
Ana DMatos (Galicia – Cataluña)
Princesas Reales
duración 14’13”
Protagonistas:
Diana, Bahija, Nieves y Concha
Ana DMatos entrevista a varias mulleres partindo do soño idealizado de que un día chegará un príncipe azul,…,  personaxe que representa o amor,  a realización persoal, o éxito a través do matrimonio.  Esta idea socialmente aceptada presupón o azar e unha docilidade ideolóxica que as protagonistas do vídeo aceptaron e soportaron, ata que un día deixaron de confiar nos seus destinos e, con gran coraxe, loitaron contra os roles impostos até transformar as súas vidas.

 

SÁBADO 13

12:00 Mesa e Reflexión
ARTISTAS NA PERIFERIA- EXPERIENCIA DA CAIXA DE PANDORA EN GALICIA
Interveñen:
Pilar Sánchez Monje, Uqui Permui, Olga Pastor e Luz Darriba
Nesta mesa contamos con diferentes voces creadoras e xestoras galegas que darán conta da situación da Caixa de Pandora en Galicia, partindo dunha experiencia común que son as ferramentas das novas tecnoloxías para o activismo feminista desde a realidade da periferia.

17:00 Mesa e Reflexión
A CREACIÓN FEMININA EN GALICIA
Interveñen:
Matrioska Teatro (Anabell Gago e Chelo do Rego), Laura Villaverde, Mercé de Rande e Helen Bertels
Nesta mesa diferentes creadoras galegas darán conta dos seus traballos e analizarán cales son as claves dos seus procesos, abrindo o debate sobre se a perspectiva de xénero debe ser plasmada nas creacións escénicas.

19:00 Acción escénica
Mónica Sueiro
Título: 15 ‘
A Actriz solicita á Autora unha peza para ser representada. Unha caixa, un manual de instruccións para construir unha escena, un texto que faga a súa existencia soportable. Só ten quince minutos e poden ser unha eternidade.

 

DOMINGO 14

12 horas- Mesa e Reflexión 
CONCIENCIAR A TRAVÉS DA ARTE
Interveñen:
Yolanda Villa, Encarna Lago e Paula Cabaleiro
Nesta mesa diferentes directoras e coordinadoras de Festivais, Congresos e Xornadas en torno ao xénero e a cultura en Galicia exporán cales son os eixos en torno aos cales realizan as súas programacións así como falar das experiencias concretas de cada unha ( Elas Son artistas, Congreso de Xéneros, Alén dos Xéneros, Miradas de Mulleres e ViolenciaZero) e se os resultados son os esperables en canto á concienciación.

13:30 Recital
Dúas Gamberras e un micro (Nuria Vil + Vanessa Glemsel)

17:00 Mesa e Reflexión
ONDE ESTÁN OS PROTOCOLOS?
Interveñen:
Tania Martínez Portugal (País Vasco),  Teresa Pérez Pardo (Sindicato CRTVG) e Inma López Silva (Esad Galicia)
Unha mesa onde poderemos saber de primeira man como actúan diferentes institucións, organismos e organizacións ante denuncias de acoso, así como saber cal é o seu proceso e como se activan os protocolos. Para elo contamos con Tania Martínez  do País Vasco que indaga sobre que sucede cando se realizan denuncias dentro de movementos sociais, colectivos e partidos de esquerda, con María Teresa Perez Pardo sindicalista na CRTVG Galicia e Inma López Silva da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Crimenytelon |

Ron Lalá, Cafe con… e a estrea de ‘Papar sen cancelas’, hoxe, no FIOT

TristezaOgrosMurgia |

Fabrice Murgia estará en Carballo con ‘La Tristeza de los Ogros’