in

‘Nome: Bonita’, de Vanesa Sotelo, escollida mellor obra teatral da última década

NomeBonita |
A obra de Vanesa Sotelo, directora da erregueté, resultou gañadora do Premio Mondoñedo10, que escollía na súa terceira edición, a mellor obra de literatura dramática editada nos últimos dez anos.

 

Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo –directora da erregueté | Revista Galega de Teatro– foi escollida polo xurado do Premio Mondoñedo10 como a mellor obra de literatura dramática editada nos últimos dez anos. Este ano, escollíase a Mellor obra de Teatro en Galego, estreada ou publicada entre os anos 2008 e 2017 e cuxa primeira edición fose publicada, editada ou representada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao da convocatoria.

A obra de Sotelo impúxose a outros dez finalistas: Onde andas Karl?, de Rubén Ruibal, Embora, 2009; Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo, Xerais, 2010; As do peixe, de Candido Pazó, Contraproducións, 2013; Sempre quixen bailar un tango, de Teresa González Costa, Xerais, 2009; Eroski Paraíso, de Chévere, Kalandraka 2016; Suite Artabria, de Manuel Lourenzo, Xerais, 2017; O refugallo, de Paula Carballeira, Xerais, 2013; Os cans non comprenden a Kandisnsky, de Avelina Pérez, Erregueté, Revista Galega de Teatro, nº 91, 2017; Voaxa e carmín, de Esther F. Carrodeguas, Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2016; e Raclette, de Santiago Cortegoso, Xerais, 2015.

Ao entender do xurado, Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, revela unha voz dramática moi sólida caracterizada por un lirismo que entronca coa dramaturxia do mindoniense Álvaro Cunqueiro. O xurado destaca que a obra manifesta o valor testemuñal ao respecto das mulleres represaliadas ao longo da historia. Nun entrecruzamento de linguas e culturas, a partir da figura da cangaçeira brasileira, a autora crea un arquetipo universal da muller loitadora. A acción dramática está atravesada polos conceptos da identidade, a memoria e a ecoloxía como metáfora.

Vanesa Sotelo, estreouse como autora en 2003 con Azotea. Traballou con varias compañías teatrais antes de estrear con Inversa Teatro Kamouraska, A illa das mulleres loucas (sobre poemas de Afonso Pexegueiro), e Expostas (da que é co-autora). En 2008 participou como dramaturga residente no Centro Dramático Galego, xunto con Jacobo Paz e Rubén Ruibal, cos que coescribiu Estigma. Ao ano seguinte, traballou como artista residente na mesma institución co proxecto Corpo-puta-vaca-berro. En 2010 obtivo o Premio do Xurado do IV Certame “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico con Indoor e o XIII Premio Josep Robrenyo con Memoria do incendio. En 2011, a súa obra Campo de covardes obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrais. En 2014 foi seleccionada dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales do INAEM con Nome:Bonita. En 2014 participou no proyecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year con O retrato da sibila, a partir da figura da pintora Maruxa Mallo. Nos últimos anos, combina o seu traballo creativo co de pedagoga en diferentes organizacións de Galicia e Portugal. Dende 2016, é a directora da erregueté | Revista Galega de Teatro.

 

O Premio Mondoñedo10

A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo convocaron esta terceira edición do galardón co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos. Na primeira edición correspondente ao ano 2016 o xurado elixiu como mellor obra de Narrativa publicada en galego entre os anos 2006 e 2015 Os libros arden mal, da autoría de Manuel Rivas, publicada por Edicións Xerais de Galicia en 2016. Na segunda edición, correspondente ao ano 2017, o xurado elixiu como mellor obra de Poesía publicada en galego entre os anos 2007 e 2016 Hordas de escritura da autoría de Chus Pato, publicada por Edicións Xerais de Galicia en 2008.

 


Publicidade

Xurado

A composición do xurado nesta terceira edición do Premio Mondoñedo10, que distingue á mellor obra dramática publicada en galego entre os anos 2008 e 2017 estivo formado por Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo, que actuou como Presidente. Os vogais foron Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega (RAG); Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega; Afonso Becerra Arrojo, en representación da sección de literatura dramática da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); Antonio Salgado Rodríguez, en representación da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG); Tareixa Campo Domínguez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE); Diego Vázquez Meizoso, en representación da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega; e Francisco Piñeiro González, en representación do concello de Mondoñedo. Exerceu a secretaria do xurado por designación da organización o mindoniense Fran Bouso.

 

Acto de entrega

O auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo acollerá o vindeiro domingo, 21 de outubro ás doce e media do mediodía o acto de entrega do Premio Mondoñedo10 2018, no transcurso dun acto no que o grupo de teatro da asociación cultura Alexandre Bóveda representará dúas breves pezas teatrais, unha de Rafael Dieste e outra de Álvaro Cunqueiro baixo a dirección de Lino Braxe.

 

Imaxe: Ilustración de Juliana Cordaro para Nome: Bonita.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PremiosLourenza |

Dezasete grupos participarán no Certame de Teatro Afeccionado de Lourenzá

JokinOregi |

Entrevista a Jokin Oregi, da compañía Marie de Jongh