in

Teatro do Atlántico estrea ‘Dúas donas que bailan’ en Narón

DuasDonasQueBailan |

Este venres 19 de outubro, no Pazo da Cultura de Narón, Teatro do Atlántico estrea a súa nova produción, Dúas donas que bailan, de Josep Mª Benet i Jornet, con María Barcala e María Ángeles Iglesias dirixidas por Xulio Lago.

Nesta peza, Benet i Jornet fainos compartir o drama, os soños e os fracasos das súas complexas personaxes nunha viaxe intensa, brutalmente divertida, conmovedora, plena de beleza dramática e iluminada pola inmensa humanidade que dúas mulleres agochan baixo a férrea armadura de ironía e dureza coa que intentan defenderse dos implacábeis embates da sociedade insensíbel e cruel na que lles tocou habitar: a mesma sociedade na que habitamos nós.

 

Sinopse

Unha muller maior, viúva, que soña cunha viaxe a París e con rematar unha colección de tebeos da infancia, para a que só lle falta un exemplar, resístese a abandonar o esfarelado piso no que habita, malia as presións dos fillos, cos que non mantén moi boa relación, e tamén do dono do inmoble. Todos eles teñen outros plans para a vivenda. A filla, en tanto non consegue que a nai mude de actitude, contrata unha muller para que vaia facer os labores domésticos na casa dúas veces por semana. A muller contratada é unha profesora de Lingua e Literatura, de mediana idade, obrigada polas circunstancias a aceptar o traballo. O seu carácter contestatario non ten nada que envexar se o comparamos co da vella, outrora unha muller rebelde e activista. A presenza desta muller non é ben recibida, e cada xornada convértese nun inquietante e por veces cómico “toma e daca”, que vai evolucionando sorprendentemente a cada instante.

En Dúas donas que bailan imos transitando polas duras paisaxes que conforman a sociedade contemporánea: a soidade na vellez, o desencontro xeracional, a especulación inmobiliaria, o Alzeimer, o suicidio, a violencia no fogar; a amizade; os soños da infancia….. Todo adubiado cun humor malvado que un mestre como Benet i Jornet manexa doadamente. Asuntos e emocións que van conformando a complexa paisaxe na que se desenvolve esta fascinante traxicomedia.

 

O autor

Benet i Jornet é un dos dramaturgos de referencia do teatro catalán contemporáneo. Aínda mantendo unha importante actividade como guionista para cine e televisión, afirma que o teatro é o lugar no que mellor se atopa nesta vida: “O amor ao teatro foi e segue a ser unha obsesión que condiciona por completo a miña vida”.


Publicidade

Deuse a coñecer con Una vella, coneguda olor, obra que recibe o premio Josep M. de Segarra en 1963, e no 1970 publica conxuntamente Fantasia per a un auxiliar administratiu e Cançons perdudes. A súa liña realista segue con Berenàveu a les fosques (1972) e Quan la ràdio parlava de Franco (1979), e con Revolta de bruixes (1977) adquire un ton simbólico.

O mundo da infancia e o da posguerra toman unha dimensión mítica nunha nova peza: La desaparició de Wendy. Cultiva tamén o teatro infantil: Supertot (1975), Helena a l’illa del baró Zodíac (1975) ou El somni de Bagdad (1977), entre outras. En 1989 estrea Ai, carai! no Teatre Lliure, e Desig, en 1991, no Centre Dramàtic de la Generalitat.

As súas últimas pezas estreadas foron Olors, dirixida per Mario Gas (TNC, 2000), Això, a un fill, no se li fa (Teatreneu, 2002), L’habitació del nen (Teatre Lliure, 2003), Salamandra (TNC, 2005), Soterrani (2008) e Dúes dones que ballen, (Teatro Lliure 2011). Teatro do Atlántico puxo en escena no ano 2011 E.R. en lingua galega, con notable éxito de
público e crítica.

 

Teatro do Atlántico

Teatro do Atlántico, (Culleredo-A Coruña), constitúese no ano l985 e é unha das compañías de referencia do teatro galego. Leva realizadas ata o momento 33 producións, entre as que podemos subliñar Xoana, de Manuel Lourenzo, Casa de Bonecas, de Henrik Ibsen, A noite das Tríbades de Olov Enquist, Amor de don Perlimplín con Belisa no Xardín, de Garcia Lorca, Solo para Paquita, de Ernesto Caballero, O cerco de Leningrado, de Sanchis Sinisterra, Vanzetti, de Luís Araújo, Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure, O encoro, de Conor McPherson, A raíña da beleza de Leenane, de Martín McDonaghh , Memoria de Helena e María, de Roberto Salgueiro, A charca inútil, de David Desola, O principio de Arquímedes, de J.Miró i Coromina ou Helena: Xuízo a unha lurpia, de Miguel del Arco, o seu último traballo que permanece en
distribución.

As súas producións son representadas por toda Galicia e teñen realizado xiras por case todas as autonomías do Estado español, con participación en numerosos festivais nacionais e internacionais de Teatro. Ao longo destes anos os diferentes espectáculos levados a escena por Teatro do Atlántico acadaron un total de 63 Nominacións e 24 Premios de Teatro. A Compañía foi distinguida co Premio da Crítica de Galicia 2016, no apartado de Artes Escénicas.

 

Ficha

Autor: Josep Mª Benet i Jornet
Dramaturxia e Dirección: Xúlio Lago
Elenco: María Barcala e María Ángeles Iglesisas
Tradución: Aleixandre Lago
Espacio escénico: Antonio F. Simón
Vestiario: Susa Porto
Deseño de Iluminación: Xúlio Lago/Antonio F.Simón
Fotografía/deseño cartel/grafismo: Tino Viz/Margen
Técnicos de Escena: RTA
Directora Axudante: Esther Carrodeguas

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

JokinOregi |

Entrevista a Jokin Oregi, da compañía Marie de Jongh

EscaramuzaOct |

A AAAG analizará a distribución teatral e a creación de públicos nun debate público