in

Rolda Internacional: 28 / 10 / 2018

2018OEDIPUS062706 |

Os eventos que celebran a entrega do XVII Premio Europa de Teatro realizaranse en San Petersburgo do 13 ao 17 de novembro. As celebracións inclúense no programa do VII Fórum Cultural Internacional de San Petersburgo.

Este ano, o laureado polo Premio Europa de Teatro é Valery Fokin, director do Teatro Alexandrinsky de San Petersburgo e fundador e presidente do Centro Meyerhold de Moscova. Como parte dos eventos haberá funcións dos seus espectáculos Svejk. Return, Masquerade. Memorias do Futuro eToday 2016.

Ademais de Fokin, foron galardoados co Premio Europa de Novas Realidades Teatrais Tiago Rodrigues, Sidi larbi Cherkaoui, Circus Cirkör, Jan Klata, Julien Gosselin e Milo Rau. Ademais, Nuria Espert recibiu o Premio Especial, que recoñece unha personalidade que combine, ao longo da súa carreira, o talento artístico coa proxección internacional e o compromiso ético.

“Este ano, esperamos que o número de participantes no Fórum Cultural supere as trinta mil persoas”, explicou Olga Golodets, viceprimeira ministra de Rusia.


 

O goberno israelí non quere subvencionar películas e obras de teatro que poñan en causa o estado israelí. O goberno redactou un proxecto de lei o domingo 21 de outubro para recortar subvencións para películas e obras de teatro que non mostren “lealdade” ao estado. A lexislación foi presentada por Miri Regev, ministra de Cultura e Deportes de Israel, co apoio de Moshe Kahlon, ministro de Facenda.

O texto outorga aos dous ministerios o poder de retirar os fondos destinados a calquera institución, organización ou evento que presente traballos que neguen a Israel en tanto que estado xudeu e democrático, que ataquen a bandeira nacional, que inciten ao racismo e ao terrorismo ou que presenten o día da independencia do país como un día de loito. Esta é unha referencia directa á poboación palestina, que conmemora o Nakba –”desastre” en árabe– o éxodo de 700.000 palestinos en 1948, canda a creación de Israel.

Para moitos artistas, esta lei ten como obxectivo eliminar as obras críticas coas políticas de Israel. O líder da oposición, Tzipi Livni, pediulle ao goberno que retroceda: “esixir a lealdade nas artes é un novo paso para silenciar a liberdade de expresión e forzar a cultura a ser a voceira do goberno”.

Miri Regev mantén unha tumultuosa relación co mundo artístico israelí. En 2017, afirmou estar “avergoñada” de que a academia israelí presentase aos Oscar Foxtrot, unha película israelí que indaga nas emocións das persoas que viven nun Estado en permanente estado de guerra e que gañou o León de Prata – Gran Premio do Xurado do Festival de Venecia. Segundo Regev, o filme de Samuel Maoz “ensucia a imaxe dos militares israelíes”. A ministra non foi invitada a cerimonia de entrega dos Premios Ophir, o máximo galardón do cine israelí, nos que Foxtrot obtivo oito galardóns.

A lei proposta debe ser presentada e votada polo Knesset, o parlamento de Xerusalén, antes de entrar en vigor.


 

Robert Wilson impresionou ao público e á crítica do Teatro Olímpico de Vincenza coa súa versión de Edipo, unha obra inspirada libremente na traxedia de Sófocles, considerada por Aristóteles, na súa poética, a cúspide do teatro tráxico.

Pensada como unha coreografía coral, esta versión presenta aos bailaríns como esculturas móbiles, nunha sutil homenaxe á bailarina e coreógrafa alemá Pina Bausch. Coa colaboración do saxofonista e artista plástico Dickie Landry, a bailarina mexicana Casilda Madrazo, a bailarina grega Michalis Theophanous e o coreógrafo grego Dimitris Papaioannou, o espectáculo, coproducido polo Teatro Stabile de Nápoles, estará en cartel no Teatro Mercadante desa cidade do 9 ao 20 de xaneiro de 2019.


Publicidade


 

Por primeira vez nos seus 40 anos de historia, o festival Theatertreffen de Berlín realiza unha convocatoria aberta a nivel mundial para o seu foro Stuckemarkt, en maio de 2019, invitando aos artistas a presentar un texto ou proxecto teatral. Baixo o título Was kommt nach dem Protest? (Que sucede despois da protesta?), Stuckemarkt está particularmente interesado en novos autores e artistas que exploren novas narrativas e perspectivas e que desenvolvan linguaxes artísticas innovadoras. Un xurado seleccionará un total de cinco textos / performances.

Fundada en 1978, Stuckemarkt é a máis antiga iniciativa para promover a escritura contemporánea nos países de fala alemá –e, dende o 2012, tamén a performance artística– e é un foro de intercambio entre dramaturgos, artistas de performance, produtores, comisarios, editores e críticos.

Para máis detalles, aquí.


 

A Kent State University cancelou os seus plans de poñer en escena o musical West Side Story despois de que algúns estudantes hispanos se opuxesen a un elenco sen estudantes hispanos en papeis principais.

A historia contada en West Side Story fala de dúas pandillas rivais na cidade de Nova York: os Jets, anglosaxóns, e os Sharks, portorriqueños. Ningún dos tres papeis principais de personaxes portorriqueños lles foi dado aos estudantes hispanos, segundo o diario dixital KentWired.com. Varios estudantes brancos foron escollidos para facer os papeis dos personaxes hispanos, informou o xornal informativo.

“Se non tiñan en mente un elenco diverso e non pensaban que nós, como estudantes latinos, poderíamos representar estes papeis principais, por que continuar coa función?”, declarou unha representante dos estudantes á emisora WKSU.


 

O National Theatre de Londres inclúe dende hai uns días a opción de ver o espectáculo cuns “lentes intelixentes” que mostran “subtítulos en vivo”, sobre os cristais, a medida que os actores falan. A medida, pensada para persoas con problemas de audición, foi saudada por organizacións de intérpretes de linguaxe de signos que traballan con teatros, que declararon que resulta unha solución mellor que os sobretítulos, xa que estes forzan a dirixir a mirada lonxe da acción sobre a escena.

O National Theatre ofrece este servizo gratuíto en dúas das producións de este ano e espera poder ofrecelo xa en todos espectáculos de 2019.


 

Na imaxe, unha escena de Oedipus, de Sófocles, en versión de Robert Wilson. Foto: Lucie Jansch

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

premioMax00 |

Os Premios Max abren a fase de inscrición de espectáculos para a 22ª edición

PÉNDULA2Alessia Bombaci |

XIII Festival Catropezas no Teatro Ensalle de Vigo