in

Anunciados os gañadores dos Premios Europeos de Teatro

ValeriFokin |
Valeri Fokin é o gañador do Premio Europa de Teatro deste ano. Os premios Novas Realidades Teatrais van para Tiago Rodrigues, Milo Rau, Sidi Larbi Chekaoui, Jan Klata, Julien Gosselin e Circus Cirkör. O Premio Especial é para Nuria Espert.

 

O Premio Europa de Teatro seralle outorgado este ano ao director Valeri Fokin, director do Teatro Alexandrinsky de San Petersburgo e fundador e presidente do Centro Meyerhold de Moscova. A cerimonia de entrega dos premios terá lugar en San Petersburgo entre os días 13 e 17 de novembro.

Fokin (Moscova, 1946) comezou a súa carreira no Teatro Sovremennik de Moscova –coma outros grandes directores rusos como Iossif Raïkhelgauz ou Roman Viktiouk–, onde comezou a destacar como unha voz de gran persoalidade nas décadas de 1970 e 1980. En 1985, converteuse no director do Teatro Ermolova, onde, segundo o veredicto unánime da crítica, o seu traballo marcou un novo rumbo no teatro ruso. O seu labor fíxoo merecedor do primeiro Premio Estatal da Federación Rusa de Arte e Cultura.

Publicidade

Desde 1988, Valeri Fokin preside a Comisión para a Preservación do Legado de Meyerhold. En 1991, a iniciativa da Comisión e co apoio da Unión de Traballadores do Teatro Ruso e á Unión de Arquitectos Rusa, fundouse o Centro Meyerhold (MC). En 2000, Fokin foi galardoado co Premio Estatal de Rusia na categoría de educación polos seus esforzos pola preservación, investigación e desenvolvemento do herdo de Meyerhold, e pola creación do Centro de Cultura e o Teatro Meyerhold.

Nas súas obras, Fokin traballa continuamente sobre as máis dolorosas cuestións do pasado recente. A súa dirección caracterízase polo emprego de profundas metáforas filosóficas e por un fondo peso psicolóxico na creación de personaxes.

 

Premio Novas Realidades Teatrais

O Premio Europa de Novas Realidades Teatrais instituíuse na terceira edición do Premio Europa de Teatro. Ten como obxectivo alentar novas tendencias e iniciativas emerxentes no teatro europeo, considerando calquera forma de expresión e contemplando tamén os valores teatrais da danza e da música. Este ano o premio concédese a:

  • Tiago Rodrigues, actor, dramaturgo e director portugués, actualmente á fronte do Teatro Nacional Dona María II de Lisboa. O Festival de Avignon do ano pasado consagrouno definitivamente no panorama europeo, despois de sorprender con espectáculos como Três dedos abaixo do joelho, By Heart ou António e Cleopatra.
  • Sidi Larbi Cherkaoui, coreógrafo belga e unha das figuras claves na danza contemporánea actual. Montaxes como Zero Degress, Origine, Sutra ou Bolero percorreron exhaustivamente os escenarios internacionais nos últimos anos.
  • Circus Cirkör, compañía sueca de circo fundada en 1995 por Tilde Björfors que leva a linguaxe circense cara ao vaudeville en escenarios íntimos e afastados dos grandes escenarios habitualmente requiridos polo circo.
  • Jan Klata (Varsovia 1973), un dos máis recoñecidos directores polacos dos últimos anos. Produciu máis de 30 espectáculos en Wrocław, Gdańsk, Bydgoszcz, Cracovia, Varsovia, Graz, Düsseldorf, Bochum e Berlín. O seu teatro trata de infundir un rexistro realista á súa estética punk, case sempre sobre temas históricos.
  • Julien Gosselin (Oye-Plage, 1987), novo director francés moi coñecido polas adptacións ao teatro de novelas como Les particules élémentaires, de Michel Houellebecq, 2666 de Roberto Bolaño ou Mao II, de Don DeLillo, é o máis recente descubrimento de Avignon.
  • Milo Rau (Berna, 1977), o fundador do International Institute of Political Murder, as súas montaxes son invitadas habituais dos máis nomeados festivais de teatro internacionais. Alumno de Tzvetan Todorov e Pierre Bourdieu, a súa visión particular do teatro documento convérteo nun dos directores máis interesantes da actualidade.

 

Premio Especial

Os premios Europa de Teatro tamén concedes un recoñecemento especial a unha personalidade que combine, ao longo da súa carreira, o talento artístico coa proxección internacional e compromiso ético. Este ano, este Premio Especial recae na actriz catalá Nuria Espert, pola súa “extraordinaria traxectoria nos campos da interpretación e a dirección escénica ademais de pola súa defensa das liberdades”.

Espert, así, completa unha nómina que xa inclúe a Melina Mercouri, Vaclav Havel ou Wole Soyinka.

Publicidade

 

O Premio Europa de Teatro

O Premio Europa de Teatro entrégase a individuos ou institucións teatrais (teatros, compañías…) que contribuíron á realización de obras que fomentan a comprensión e o intercambio de coñecemento entre os pobos. O premio outórgase ao conxunto dunha traxectoria e o gañador é elixido entre personalidades notables do teatro internacional, considerado en todas as súas diferentes formas e expresións.

O Premio promove a interdisciplinariedade, a integración e a cooperación entre o teatro e outras artes. Os seus obxectivos son promover o coñecemento e a difusión do teatro en toda Europa, avanzar no desenvolvemento das relacións culturais e fortalecer a conciencia europea. O Premio outorga, entre outros, dous galardóns: o Premio Europa de Teatro e o Premio Europa de Novas Realidades Teatrais.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

RequiemMonicreque |

O XXIII Festival Galicreques presentará 13 funcións escolares

Dirque et Fien |

I Festival de Circo do Porto