in

O Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas continúa cunha obra de Esther F. Carrodeguas

malcriadaCarrodeguas2 |

Unha nova sesión do Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas, terá lugar hoxe, xoves 8 de novembro, ás 21.00 horas. A obra será Malcriada. Unha historia de amor, da dramaturga Esther F. Carrodeguas, que se encargará ademais da dirección. Belén Constenla interpretará esta peza dunha soa actriz.

A montaxe trata dunha criada que senta no chester rosa da casa da señora. Unha criada malcriada. Malcriada pola nosa sociedade, pola vida e polos homes e mulleres que se aproveitaron dela. Unha copa de viño, se cadra, na súa man. Se cadra, a celebración dun día especial no que as palabras agroman para contar a súa historia. A historia dunha vida que se cadra non é só a súa, senón a de tantas. A de tantas señoras. A de tantos señores. A de tantos sofás. A de tantas criadas malcriadas.

O ciclo, organizado por iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia e a Fundación SGAE coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) ten como obxectivo promocionar os autores e as autoras para a difusión das súas obras, así como apoiar a dramaturxia e estimular a creación de textos en galego. As representacións celébranse na sala Germán Coppini da Fundación SGAE (Rúa Salvada 2A, s/n) e son todas de acceso gratuíto.

 


Publicidade

Vindeira sesión

Xa o mércores 14 de novembro, chegará a quenda de Culpable, de José Prieto. Interpretan a peza César Goldi, Roberto Leal e Victoria Teijeiro. Celebrarase ás 21.00 horas na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE de Santiago. A montaxe trata dunha muller que acode voluntariamente a que a interroguen. Séntese culpable, pero non sabe de que. O interrogador interroga. O reconstrutor reconstrúe os feitos. Os feitos apuntan indicios. O xuíz xulga e emite o veredicto: culpable.

O Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas, que organiza a Fundación SGAE dende 1995 en todo o estado, ten a singularidade de reunir a autores, intérpretes, directores, produtores e público, na gran maioría das propostas, arredor dunha experiencia única: a estrea dunha obra nunca antes representada e ensaiada ese mesmo día. Ao longo das súas 21 edicións precedentes, o ciclo acolleu máis de 250 textos de máis de 200 autores para un público de máis de 25.000 persoas en todo o estado.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CaminoEscenaNorte |

As artes escénicas de Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia únense en ‘Camino Escena Norte’

CdC |

Xornada sobre políticas culturais en Galicia: un debate necesario