A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, en colaboración coa Deputación da Coruña, organiza o vindeiro martes 13 de novembro, no Centro de Innovación Cultural – CINC da Cidade da Cultura, ás 16:00, unha “Xornada sobre políticas culturais en Galicia: un debate necesario”. Trátase dunha proposta de debate en torno ás políticas culturais, partindo da base de que, como cidadáns, temos dereito á cultura e a unhas políticas culturais xustas, que, desde o punto de vista profesional, deberan ser consensuadas e acordes ás potencialidades do sector.
A conversa contará coa participación de representantes políticos das formacións con presenza no Parlamento galego, colectivos culturais e profesionais do sector. A esta iniciativa chégase despois dun ano valorizando o traballo do sector cultural galego, mediante o recoñecemento das boas prácticas que nel se están a desenvolver, e co obxectivo de debater sobre se hai ou non hai políticas culturais en Galicia e, en todo caso, falar sobre as que son e as que deberan ser.
O programa da xornada, con entrada libre, é o seguinte:
16.00h. Apertura da xornada.
Fatima Teixeiro (pertencente á directiva da AGPXC), Xavier Campos (ex presidente da AGPXC) e Goretti Sanmartin (vicepresidenta da Deputación da Coruña).
16.15h. Presentación do documento que a AGPXC elaborou como achega d*s profesionais da xestión á “Estratexia Cultura” da Xunta de Galicia 2018. Coa participación de Iván Arias, Clara Cordeiro e Emi Candal (Profesionais do sector cultural vinculados á AGPXC).
16.30h. Contexto: charla a dúas bandas de Marcos Lorenzo e Jorge Linheira sobre as políticas culturais en Galicia desde a Transición. Presentado por Agar Ledo (AGPXC)
17.45h. Mesa profesional: debate con asociacións profesionais como Escena Galega (Eduardo Alonso), Músicas ao Vivo (Sonia Lebedynski), Asociación de Escritor*s en Lingua Galega (Mercedes Queixás) e Clúster Audiovisual de Galicia (Jorge Albora) sobre as políticas culturais que necesitamos como sector. Moderada por Carlos Lorenzo (AGPXC)
19.00h. Mesa política: debate con representantes do PP (César Fernández Gil), PSdeG (Concepción Burgo López), BNG (Olalla Rodil) e En Marea (Ánxeles Cuña) sobre as propostas dos partidos en canto a políticas culturais. Moderada por Alberto García (AGPXC)