Este venres, 1 de febreiro, comeza a programación teatral do primeiro semestre do ano en Tui. Está conformada por seis espectáculos que se representarán no Teatro Municipal.
Dos seis espectáculos que se van celebrar no Teatro Municipal, dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios, tres van dirixidos a público familiar e tres a público adulto. A primeira cita será este venres, 1 de febreiro, con Talía Teatro que presentará a súa revisión do clásico de Carlo Goldini O servidor de dous amos. Unha obra que incorpora novas formas de teatralidade e que persegue “o espectáculo total”.
O venres, 8 de febreiro, será a quenda de Elefante Elegante con Patapatúm, unha obra a que reflexionan sobre o tempo que os pais e nais lle poden dedicar aos seus fillos. O venres 15 de febreiro chega ao Teatro Municipal Invisibles a obra na que Redrum Produccións aborda a violencia de xénero a través da historia de mulleres reais recollidas no seu libro por Montse Fajardo.
Ian Hamilton e Elisa Alfaya serán os responsables de Cousa de nenos un espectáculo de maxia, comedia, sombras chinescas, pintura rápida… programado para o venres 1 de marzo.
Avelino González, director de Senior a obra que Culturactiva presentará o venres, 8 de marzo, ponse ao fronte de dous consagrados actores como Luís Iglesias e Marcos Orsi que abordan en clave de humor a chegada á década dos 50.
Por último o venres 15 de marzo Tanxarina representa a adaptación da obra de Carlos Casares A galiña azul, dirixida por Cándido Pazó, que foi premiada como mellor espectáculo infantil nos premios María Casares.