A Mostra pasa a diluírse na programación ordinaria como un abono de só catro espectáculos entre febreiro e maio.
A noticia máis destacada da temporada cultural de Lugo para este semestre é, sen dúbida, a desaparición da Mostra de Teatro Clásico como tal, e a súa disolución na programación teatral ordinaria. A Mostra, que adoitaba presentar uns dez espectáculos durante aproximadamente un mes, pasa agora a integrarse dentro do programa do Auditorio Gustavo Freire como un abono especial de tan só tres espectáculos teatrais e un de teatro-danza.
A Fedra de Pentación, con Lolita Flores como protagonista, será a primeira destas catro obras, o 9 de febreiro. Máis de dous meses despois, o 13 de abril, Atalaya presentará no Gustavo Freire a súa versión do Rey Lear, dirixida por Ricardo Iniesta.
O 2 de maio será a quenda de Commedia, a obra de Contraproducións que dirixe Cándido Pazó seguindo o libreto da primeira versión de 1993. Finalmente, o 25 dese mesmo mes, a compañía de danza de Rafael Amargo traerá a Lugo Dionisio, la vid y mil noches, unha produción de teatro-danza que une flamenco, ballet clásico e danza contemporánea para dar unha versión propia do deus grego.
Estes catro espectáculos fan parte dun programa máis extenso que inclúe obras familiares e para adultos como Eroski Paraíso, de Chévere (2 de febreiro); A viaxe de Rosalía, de Larraitz Urruzola (10 de febreiro); Euria de Markeliñe (9 de marzo), Premio FETÉN 2017 ao mellor espectáculo; Cinco minutos sen respirar de Itaca Teatro (10 de marzo); Si no te hubiese conocido, unha coprodución do Centro Dramático Nacional e Octubre Producciones, con texto e dirección de Sergi Belbel (23 de marzo); Arlequina, o novo espectáculo de Os Monicreques de Kukas (7 de abril); Entre Soños, da compañía de Fran Sieira, unha obra de baile e música tradicional galega (27 de abril); A alfombra máxica, da compañía de Títeres Babaluva, un espectáculo para bebés (19 de maio); Cinco horas con Mario, de Miguel Delibes, dirixida por Josefina Molina e con Lola Herrera no papel protagonista (30 de maio); e Unhas gafas coma as do avó de A trastenda dos contos, un espectáculo inclusivo, en lingua oral e lingua de signos (9 de xuño).