in

#camiños, de ButacaZero, arranca xira en Rianxo

Camiños888 |
A peza aborda o tema identidade galega dende unha perspectiva millenial, mesturando o teatro físico co bufón, as coreografías co teatro textual, o playback coa pasarela de moda nun aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente.

 

Rematada a xira de Voaxa e Carmín, ButacaZero, non para. Catro meses despois de estrear Na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], chegou aos teatros #camiños, unha peza de teatro físico, poético e moi político que pecha unha triloxía sobre a memoria e que chega agora a Rianxo. A cita será o vindeiro 9 de febreiro, ás 20:30, no Auditorio Municipal.

A nova peza da compañía ven avalada polo Centro Dramático Galego, que coproduce a obra. Foi precisamente no Salón Teatro onde se estreou a obra, o 25 de xaneiro de 2018. Para este 2019 a xira contempla, entre outras, as paradas en Arteixo, Ponteareas, Lalín, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa ou Tomiño

A OBRA

Con Voaxa e Carmín, Carrodeguas quixo abordar a memoria histórica. Con Na butaca, a memoria individual. E desta vez, trátase de levar a escena a memoria do noso pobo: o galego. #camiños nace dunha investigación sobre a multitude de aldeas abandonadas que, cada día máis e máis, enchen a nosa terra. E percorrendo eses camiños na procura de lugares deshabitados, Carrodeguas e Castiñeira foron tecendo unha peza que nos leva, precisamente, de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser. Quen somos os galegos do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade. Para tecer este mapa, ButacaZero bota man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.

O EQUIPO

Para abordar #camiños, ButacaZero decide volver usar o tándem que xa utilizaran para Voaxa e Carmín, xa que será de novo o coruñés Xavier Castiñeira quen asine a dirección. Pero desta vez, a propia Carrodeguas vai ficar tamén en escena, acompañada de Noelia Blanco, Celina Fernández Ponte, Pía Nicoletti e Noa Covelo. Cinco actrices que lucirán en escena grazas a Diego Valeiras, que se encargará do Vestiario, a Javier Quintana, que se encargará das luces e a Alba Blanco, quen tamén guiara o traballo corporal en Voaxa e Carmín e que asumirá a dirección da parte coreográfica. A última peza deste collage é Fran X. Rodriguez, que asina os audiovisuais ademáis do videoclip.

A maiores, a peza virá distribuída por Culturactiva, cooperativa cultural xa ben asentada na nosa terra, xa que leva dende o ano 2000 traballando na distribución e produción escénica e musical, na formación e na xestión integral de programacións e proxectos culturais comprometidos e transformadores.

BUTACAZERO. A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que propoñen un teatro que dialoga directamente co mundo actual: un teatro necesario. A investigación e a reflexión dende un ollar crítico e irónico son as claves que definen as súas propostas que se concretan en dramaturxias feitas á medida nas que a tradición teatral se mestura coas posibilidades que ofrece o audiovisual en escena.

ButacaZero deuse a coñecer no ano 2016 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con Voaxa e Carmín, peza que inicia unha triloxía sobre a memoria, neste caso histórica, ao levar a escena a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, as coñecidas Marías de Santiago de Compostela. No 2017 estrean Na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], un solo de teatro-danza no que se aborda a memoria dende o esquecemento individual, investigando sobre as demencias. Con #camiños, estreada no 2018, péchase esta triloxía reflexionando sobre a memoria dun pobo: o noso.


Publicidade

XAVIER CASTIÑEIRA. O DIRECTOR

Artesán da escena. Respectuoso co ollar intelixente do espectador. Interesado na mestura da realidade e os mundos poéticos da escena. Os seus últimos espectáculos; El Buscón, Voaxa e Carmín, ou #camiños revelan a necesidade de experimentar con formas escénicas no que conviven a tradición e a modernidade.

Licenciado en Dirección de escena pola Resad a súa carreira transcorre xunto a diferentes mestres da dirección galega, nacional e internacional como Manuel Lourenzo, Ana Vázquez de Castro, Fabio Mangolini, Andrés del Bosque… A súa formación recolle diferentes métodos que inclúen a gramática corporal de Lêcoq, a preexpresividade de Barba, a diana de Donnellan, a repetición de Meissner, o análise activo de Stanislavski…

ESTHER F. CARRODEGUAS. A DRAMATURGA

Esta rianxeira asenta o seu currículo entre as letras, o audiovisual, e o teatro. A súa escrita cabalga sobre os lindes que separan os xéneros, sendo moitos dos seus textos difíciles de clasificar. Premiada co Pedrón de Ouro polo relato Subir o telón (Edicións do Castro, 2008), con Collage (Barbantesa, 2011) reafírmase nunha escrita persoal e poética. A partir de entón, a súa carreira profesional foi derivando de cara ao teatro. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia no 2016, déixase notar a súa formación previa como xornalista, non só na súa colaboración coa erregueté | Revista Galega de Teatro, senón tamén no seu teatro que nace dunha necesidade vital de investigación. Así naceu Voaxa e Carmín (Difusora de Artes, Letras e Ideas, 2016. Premio Abrente de Textos Teatrais 2015), Na butaca (Ed. Galaxia, 2017, estreada con ButacaZero tamén no 2017) e por suposto #camiños.

 

SINOPSE

Carolina viaxa de cara aos EEUU. Daiana, neta dunha emigrada galega, volve da Arxentina. Comparten asento no aeroporto. E entre elas, debúxanse milleiros e milleiros de #camiños. Camiños que unen as aldeas coa cidades, os poemas de Rosalía coa música electrónica, o spinning co churrasco, e as fotos viradas sepia coas que acabamos de colgar en ínstagram…

Camiños que unen o que fomos e o que desexamos ser.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CircoMuchachos |

O Museo Circo de los Muchachos abre as súas portas en Ourense

BuscónButacaZero |

O ‘Buscón’ de Quevedo chega a Vigo nunha adaptación que o trae aos nosos tempos