in

Javier Martín presenta o seu ‘Método negro’ en Madrid

MetodoNegro03 |
Método negro, a obra máis recente do coreógrafo galego Javier Martín, preséntase en Madrid os días 14, 15 e 16 de febreiro ás 20h:00 no Teatro de Conde Duque, seguida dun coloquio co público.

 

Método negro (ver teaser) é a nova obra de Javier Martín, coreógrafo, bailarín e investigador galego cuxa traxectoria constitúe unha aposta firme polo desenvolvemento de novas linguaxes corporais. Un espectáculo de ecos expresionistas no que o bailarín transita durante unha hora por diferentes estados físicos e calidades de movemento, relacionándose con obxectos e accións simbólicas, que se van despregando nun espazo construído, paso a paso, ante o espectador. Método negro xira arredor das ideas de presenza e ausencia, de individuo e multitude, do paso do tempo e de como superar as estruturas formais que atravesan o noso sistema cultural, para conformar novas sensibilidades.

A peza circunscríbese ao ámbito das artes do movemento, situándose nalgún lugar entre a performance, a instalación, a acción contemporánea, a danza e os procesos de investigación. Unha coreografía de encontro con “o outro”, nun pulso co real e o seu dobre. Un exercicio que pretende declinar a ausencia: “A outra metade que non se ve, como o baleiro ao que volve o resplandor”.

Publicidade

A proposta artística identifica e traballa criticamente algúns dos sistemas asumidos pola ciencia contemporánea e a cultura popular xeral do corpo e o movemento, o que Javier Martín chama “metáforas performativas” (como pden ser leas técnicas). Sen esquecerse delas, Método negro traballa desde a súa constatación para sinalar como, na súa repetición, estas metáforas ou técnicas acaban por se volver inerciais. “A proposta de Método negro consiste en destilar como a inercia se acumula nos nosos corpos. Procúrase, deste modo, reflexionar e acometer novas prácticas ou métodos que consideren, na orixe, a súa desaparición. O desenvolvemento dunha arte madura que considere e contemple a súa propia desaparición”.

Trátase dunha produción ambiciosa, resultado dun ano de investigación persoal e de colaboracións con grupos diversos, que levaron ao autor por distintas cidades de Europa e Latinoamérica. Baixo a particular estratexia de combinar a investigación persoal co coñecemento compartido, Método negro foi desenvolvida en lugares tan singulares como os centros de residencia EIRA en Lisboa ou L’animal a l’esquena en Girona, a escola Totem Dance House en Kiev; o Museo del Chopo e a UNAM en Ciudad de México, a cámara anecoica da Universidade de Vigo ou a ETSAC-Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Na última fase, contou co apoio do programa Residencias Paraíso, promovido polo colectivo rpm, para o desenvolvemento dunha residencia técnica no Teatro Colón da Coruña. Método negro estreouse en maio de 2018 no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Porén, a obra consta dun proceso de creación continuo, que sostén a convocatoria de grupos de traballo temporais. A presentación da peza no Conde Duque chega acompañada, así, de varias actividades paralelas: a celebración de coloquios co público tras as funcións; a convocatoria aberta dun obradoiro de movemento, “Cuerpo y vibración”, que terá lugar o sábado 16 pola mañá (gratuíto previa inscrición); e a celebración doutros encontros cun grupo de estudantes e profesionais da escena coordinado pola RESAD, e un grupo de estudantes de secundaria coordinado pola asociación Pasoa2.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CTEADC |

XXII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña

emilia |

IV Festival Internacional do Monólogo Teatral ‘Singular’ en Narón