O vindeiro martes 19 de febreiro de 2019, ás 19:30, na Libraría Couceiro de Compostela, presentarase o libro O Novo Teatro Galego en Perlio: O Teatro Círculo e Tagallo, de Francisco Oti, publicado por Ediciones Invasoras. Acompañarán ao autor nesta presentación a actriz Mabel Rivera e o autor e director Eduardo Alonso, responsable do prólogo.
Os anos sesenta, setenta e oitenta foron fundamentais para o desenvolvemento e asentamento do actual sistema teatral galego; a creación de compañías e asociacións profesionais, o establecemento de circuitos de exhibición e a creación do Centro Dramático Galego determinan un antes e un despois para o noso teatro. Nesa tarefa tamén tiveron moita importancia os grupos afeccionados, estables e independentes que foron en moitos casos plataforma de lanzamento e canteira de profesionais na nova andaina do teatro galego.
É o caso dos grupos Teatro Círculo de Perlio e Tagallo que desenvolveron unha actividade teatral digna de ter en conta no estudo historiográfico do teatro galego…
Da traxectoria, repertorio, produción e incidencia social destes grupos trata este traballo de Francisco Oti Rios que pode servir para render un xusto recoñecemento de todas as persoas que o fixeron posible.