O vindeiro día 7 de marzo, o Teatro Nacional São João (TNSJ) do Porto, conmemora 99 anos de existencia con varias acción pola cidade e visitas guiadas de entrada gratuíta polos bastidores.
A celebración do aniversario comezará pola mañá, coa proxección dun vídeo que contén 100 imaxes dos últimos 25 anos da institución en locais emblemáticos da cidade, nomeadamente nas prazas da Batalha e dos Leões, o Largo da estación do metro da Trindade e o Estádio do Dragão.
O día en que fai 99 anos, o TNSJ aproveita tamén para revelar as liñas xerais da programación do próximo ano: ás 18:30, a presentación do centenario estará aberta ao público e contará coa presenza de Pedro Sobrado, presidente do consello de administración, e de Nuno Cardoso, director artístico da institución.
Despois desta presentación o TNSJ convida ao público a facer Das tripas, coração: unha visita guiada, de entrada gratuíta, polas entrañas do teatro proxectado polo arquitecto Marques da Silva. Conducidos por unha troupe de vinte e catro intérpretes, os participantes visitarán a sala de ensaios, os camerinos, e as zonas técnicas, ademais de espazos onde estarán representándose fragmentos de vinte e catro espectáculos producidos polo TNSJ como o Ubu, de Alfred Jarry, Alma, de Gil Vicente, ou As Lições, de Eugène Ionesco.
Ao final da visita, o público aínda terá a oportunidade de asistira un momento do ensaio de O Resto Já Devem Conhecer do Cinema, de Martin Crimp, cuxa estrea está prevista para o día 27 de marzo, no ámbito das conmemoracións do Día Mundial do Teatro.