in

“A obra de arte total” na Fundación Barrié da Coruña

Gesamtkunstwerk |

A Fundación Barrié inicia hoxe o ciclo de conferencias “A obra de arte total na arte contemporánea” cunha conferencia da directora da Fundación Amigos del Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Marga Paz.

Este ciclo trata o concepto da obra de arte total como a síntese integradora de todas as artes, pulsión que perdurou na Teoría da Arte, desde as súas primeiras formulacións no século XIX ata os nosos días e a través de diversas disciplinas.

Dende Philip Otto Runge e Richard Wagner ata a actualidade o soño romántico alemán da “obra de arte total” como a síntese integradora de todas as artes dominou o imaxinario artístico da nosa época de maneira polimórfica, convertendo o mundo nun escenario de sucesos sen fin. Neste amplo espectro de estetización global da vida, que tamén recibiu a denominación de “sociedade do espectáculo”, non só as artes se fusionaron con sorprendentes efectos sinérxicos, senón que multiplicaron o seu potencial cos dispositivos tecnolóxicos dunha realidade virtual, que borra a fronteira entre o vivido e o soñado/imaxinado. Desta maneira pasouse dunha vida sen arte a unha arte sen vida; é dicir, a unha auténtica inversión ou reversión da relación entre realidade e arte.

Afrontar no formato dun curso este apaixonante e complexo asunto obrigou a buscar os puntos de vista críticos máis diversos, posto que cómpren tanto historiadores, críticos, teóricos da arte ou profesores de estética como filósofos, sociólogos, antropólogos e, por suposto, artistas. Mais se cómpren tan diversas perspectivas, tamén fixo falta debullar unha casuística representativa de exemplos concretos dentro da arte contemporánea en calquera dos seus xéneros e técnicas. Neste senso, seleccionamos os mellores especialistas do noso país, que abordarán a cuestión da forma poliédrica que a idea da obra de arte total esixe, como así o acredita o programa do curso. Alén diso, explicando este modelo estético, facilitarase unha mellor comprensión xeral do devir da arte contemporánea.


Publicidade

As conferencias terán lugar no Auditorio da Fundación Barrié da Coruña (Cantón Grande, 9) ás 20:00. A entrada é libre ata completar aforo.

 

PROGRAMA 

Xoves, 7 de marzo
Desde Picasso ata Kentridge: a fusión das artes nos escenarios
Marga Paz
Directora Fundación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía

Xoves, 14 de marzo
Os bisnetos de Wagner. Gesamtkunstwerk e vangarda en Alemaña entre 1968 e 1983
Jordi Ibáñez
Escritor e profesor de Estética, Teoría da Cultura e Filosofía.
Departamento de Humanidades da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona

Xoves, 28 de marzo
Ópera esférica
Carlus Padrissa
Codirector de La Fura dels Baus

Xoves, 4 de abril
A terra, unha boa vivenda. A natureza como obra de arte total
Simón Marchán Fiz
Catedrático Emérito de Estética e Teoría das Artes.
Académico de Número da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, Madrid

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Microefectos04 |

Novas sesións de Microefectos Dramatúrxicos no Clavicémbalo de Lugo

GalaMariaCasares |

Carlos Sante e Juanillo Esteban dirixirán a gala dos Premios María Casares