in

Carlos Sante e Juanillo Esteban dirixirán a gala dos Premios María Casares

GalaMariaCasares |
O elenco estará formado por Pablo Sánchez, Vanessa Rivas, Tatán, Miguel Borines, Raquel Veganzones, Sue Moreno, Josito Porto, Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Marta Iglesias, Akira Valero e Álvaro Reboredo “Fiti”

 

Carlos Sante e Juanillo Esteban dirixirán a gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro xoves 21 de marzo. Os directores adiantan que a gala contará cunha mestura de xéneros que lle outorgará unha especial singularidade aos María Casares deste 2019. Deste xeito, durante a cerimonia de entrega transitarase entre o teatro e o circo, achegando números de clown, teas áereas, roda Cyr, teatro xestual ou parodia cómica. O elenco estará conformado por Pablo Sánchez, Vanessa Rivas, Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, Miguel Borines, Raquel Veganzones, Sue Moreno, Josito Porto, Natalia Outeiro Pajarito, Marta Iglesias, Akira Valero e Álvaro Reboredo “Fiti”. Suso Montero encargarase un ano máis da escenografía da gala.

Durante o espectáculo ideado por Juanillo Esteban e Carlos Sante, catorce montaxes se disputarán os galardóns do noso teatro. Commedia, de Contraproducións, con 12 finalistas; Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, con 7 finalistas; e A leituga, de Emedous, con 5, son as obras favoritas nesta edición. Pola súa banda, Invisibles, de Redrum Teatro, e Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro, aspiran a 4 galardóns. Talía Teatro, co seu O servidor de dous amos, opta a tres, mentres que #camiños, de ButacaZero; Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, e A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos, competirán por dous galardóns. Finalmente, Arnoia, Arnoia, de Pista Catro; Contos do Recreo, de Redrum, e Patapatúm, de Elefante Elegante, competirán por un galardón.

Os Premios de Teatro María Casares, organizados ininterrompidamente dende 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) contan co apoio de institucións e entidades como a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, Fundación AISGE, Fundación SGAE, Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis.

 


Publicidade

Os directores

Juanillo Esteban, nacido na Coruña en 1968, exerce de actor, cantante, contacontos, clown e guionista. Deuse a coñecer en 1993 co papel de Rufo Machado na comedia gore A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos, dirixida por Antonio Blanco. Un ano despois, xurdiu o mítico e revolucionario programa infantil da TVG Xabarín Club, personaxe histórico da televisión galega ao que Esteban lle puxo a voz. Como actor, ten participado en series como Avenida de América, Fíos ou Pratos Combinados. Tamén cómpre destacar o seu traballo na curta A consulta do Dr. Natalio e na longametraxe Maldito Bastardo, ambas asinadas por Javi Camino.

Carlos Sante naceu na Coruña en 1971. Actor e dobrador galego, Sante iniciou a súa traxectoria profesional no ano 1991 na Escola Dramática Galega. No teatro, traballou con compañías como Matarile, Ollomol-Tranvía ou no Centro Dramático Galego. No ámbito audiovisual, ten desenvolvido papeis en series como Pratos Combinados, Terra de Miranda, As leis de Celavella, A vida por diante, Matalobos ou Fariña. Tamén traballou en películas como Agallas, Heroína ou Pradolongo. Fundou a Asociación Manicómicos e dirixe o seu festival dende a súa posta en marcha. O obxectivo desta asociación é estudar e difundir as artes escénicas e a comedia, principalmente na súa vertente expresiva do clown.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Gesamtkunstwerk |

“A obra de arte total” na Fundación Barrié da Coruña

MonicaValencianoImprenta |

Mónica Valenciano presenta a súa última obra no Teatro Ensalle de Vigo