O Teatro García Barbón de Vigo (Afundación) acolle hoxe, a partir das 21:00, a estrea do espectáculo de Bucanero Teatro Sesión continua, un texto de Irmáns da Costa que conta coa dirección de Lino Braxe e a interpretación de Sabela Hermida, Xosé Bonome e Pedro Picos.
Trátase dunha homenaxe ao mundo do cine, un percorrido, en clave de comedia, por grandes éxitos cinematográficos, como 2001. Una odisea en el espacio, El resplandor, Pulp Fiction, Fiebre del sábado noche, Instinto básico e Psicosis, entre outros. Sesión continua é un espectáculo de humor onde o deseño lumínico e o traballo dos actores son os piares dunha aposta singular.
A obra xira arredor de catro pezas centrais polas que desfilan personaxes doutras películas, para xerar un relato hilarante.