O IV Congreso Internacional ‘Performa’ terá lugar na Universidade de Santiago de Compostela entre o 27 e o 29 de novembro do 2019. Vén pechar un ciclo de traballos que comezaron no 2014 no marco do proxecto de investigación PERFORMA: “O teatro fóra do teatro. Performatividades contemporáneas na era dixital”, desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Université Toulouse – Jean Jaurès e a Universidad Carlos III de Madrid. O Congreso contará con relatores convidados como Hans-Thies Lehmann e Eleni Varopoulou.
Chamamento para contribucións
Nun primeiro momento (Santiago de Compostela, setembro do 2015) exploráronse as novas formas teatrais diseminadas nun contexto urbano, no ciberespazo ou ben canalizadas a través do cinema, a radio ou a televisión, así como os patróns teatrais aplicados ás novas tecnoloxías e a outros media (fotografía, cinema…). Nunha segunda etapa (Madrid, novembro do 2016 – Santiago de Compostela, outubro do 2017), a análise centrouse na recepción, examinando o que estas formas performativas “provocan” no espectador. No terceiro encontro (Toulouse, novembro do 2018) abordáronse as diferentes modalidades de articulación do performativo e do político cunha especial atención a aquelas manifestacións artísticas que se inscriben neste espazo de cuestionamiento que vai desde a estética posmoderna ás novas formas de política no contexto hispánico contemporáneo.
Este cuarto congreso pretende focalizar o estudo nos espazos, reais ou virtuais, relacionados con aquelas propostas teatrais/performativas que se afastaron dos escenarios tradicionais. Neste sentido, preséntanse as seguintes liñas temáticas nas que as comunicacións poden encadrarse:
- O xiro performativo nas artes
- Teatro e novos espazos
- Artes escénicas e activismo social: a intervención do espazo público
- Teatro e novos medios: o teatro dixital
- Literatura expandida, poesía e performance
- Artes audiovisuais e experiencias performativas: da instalación ao poscine
O propósito é afrontar estas liñas temáticas desde o ámbito hispánico sen descartar unha perspectiva comparada que atenda á aparición no contexto internacional de novas prácticas teatrais e performativas, cuxa natureza implique unha reconsideración do concepto de espazo.
Outro dos eixos fundamentais deste congreso será a análise das motivacións sociais e políticas que están detrás destas prácticas, do seu impacto cultural, ao que por suposto non será allea a noción de mediatización. Valorarase, por último, a dimensión intermedial ou posmedial do obxecto de estudo.
Os comités de organización e científico realizarán unha selección das comunicacións presentadas para unha futura publicación nunha revista científica do ámbito académico.
Contribucións
Para enviar unha proposta de comunicación, encha o formulario dispoñible na seguinte dirección: https://grupoperforma.wordpress.com/actividades/ antes do 20 de maio de 2019.
As propostas aceptadas serán comunicadas antes do 30 de xuño de 2019.
As comunicacións poderán adoptar unha forma performada.
Matrícula comunicacións: 80 euros. Asistencia con diploma: 50 euros.