ACTUALIZADA | A proxección de Eroski Paraíso será o xoves 23, ás 20:00, no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño e contará coa presenza dos directores, parte do elenco e o equipo técnico. A canción oficial do Festival correrá a cargo de Fernando Epelde, dramaturgo e músico cuxa obra será obxecto dunha retrospectiva dentro do programa deste ano.
A XVI edición do Festival de Cans abrirá o 22 de maio coa estrea de Eroski Paraíso, a adaptación cinematográfica da obra da compañía Chévere dirixida por Jorge Coira. Trátase dunha co-produción independente realizada sen subvencións públicas, co soporte humano, material e loxístico das dúas produtoras e coa colaboración das empresas Vegalsa-Eroski e Deleite. A rodaxe conta tamén co apoio do concello de Teo, onde Chévere funciona como compañía residente.
Eroski Paraíso é un dos espectáculos máis exitosos de Chévere, así como un dos máis queridos polo público. Estreado en Muros en 2016, conta a historia de Álex, unha rapaza que estuda cine en Barcelona e quere facer a súa primeira película documental sobre o día no que se coñeceron seus pais na sala de festas O’Paraíso de Muros en 1990, xusto antes de que pechara.
Xesús Ron e Jorge Coira traballaron xuntos para trasladar á linguaxe cinematográfica unha obra que explora o tratamento da realidade no cine e no teatro e as fronteiras entre o real e o representado, entre a ficción e o documental. Unha peza que reflexiona sobre a transformación da nosa sociedade desde os anos 80 ata a actualidade, representada na metáfora da sala de festas reconvertida en supermercado.
Música de Fernando Epelde
Ademais, hoxe revelouse tamén que a canción oficial do Festival será da autoría de Fernando Epelde. O dramaturgo e músico –moi coñecido polas súa colaboración coa compañía Voadora– será obxecto dunha retrospectiva sobre os seus contidos e videoclips, ateigados de referencias á música electrónica e á cultura pop e estará no ‘Jaliñeiro’ de Cans (unha das seccións de máis éxito da edición do ano pasado.