Este sábado, 20 de abril, ás 20.00, na sala Xacobeo da Área Panorámica de Tui, terá lugar a inauguración da exposición “Surge et ambula. A memoria do Teatro Principal”.
“Surge et Ambula. A memoria do Teatro Principal” toma o seu nome da frase acuñada na medalla conmemorativa dos Xogos Florais que aludía ao renacemento literario e que con esta exposición traslada esa alusión cara o inmoble. Na mesma a través de diferentes pezas, que orixinalmente formaron parte do mobiliario do hoxe en ruínas Teatro Principal, preténdese difundir a memoria deste teatro e amosar o valor deste inmoble que, durante a segunda metade do século XIX e primeira do XX, foi o epicentro cultural de Tui.
Cómpre lembrar que o Teatro Principal acolleu un dos actos culturais máis notables da historia contemporánea de Galicia, os Xogos Florais de Galicia de 1891, o primeiro acto cultural realizado en galego despois dos séculos escuros e que foi símbolo de Rexurdimento Cultural de Galicia.
A peza estrela desta exposición será o antigo pano de boca, obra de Benigno Lorenzo considerada por algúns como o mellor exemplo de pintura escenográfica do século XIX conservado en Galicia. Trátase dun lenzo de 5,70 por 8,40 m sobre o cal, seguindo tendencias romanticistas pintouse unha escenografía na que entre outro motivos se representa unha alegoría ao Rexurdimento ou aparecen elementos que xogan coa profundidade dando unha sensación de realidade á escena.
A exposición complétase con material fotográfico, planos do proxecto de rehabilitación de César Portela e pezas históricas ou vinculadas á traxectoria de reivindicación e loita da Fundación Teatro Principal cedidas por esta entidade.
A exposición permanecerá aberta até o luns 29 de abril.