in

Fefa Noia: “Nos últimos catro anos, o CDG recuperou prestixio”

FefaNoia |
Fefa Noia, a directora do Centro Dramático Galego, comunicou este martes que deixará o seu posto en outubro. O Centro remata así unha etapa que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia cualifica de “convulsa”, e na que se falou máis dos procedementos administrativos que dos logros artísticos da entidade. A polémica non é allea nunca á dirección do CDG, mais Noia defende o seu labor ao longo destes catro anos e asegura que, nas circunstancias nas que nos desenvolvemos, o traballou deste período tendeu a reforzar o Centro. | Manuel Xestoso |

 

Por que decide deixar agora o Centro Dramático Galego?

Como en todas estas decisións hai unha mestura de razóns persoais e profesionais. Tamén ten que ver cun propósito inicial que parte xa do momento en que eu conseguín a praza de poñerme un límite persoal, intuíndo un pouco a enerxía que se precisa para desenvolver determinados cargos. Desenvolver un proxecto cultural dentro dun marco administrativo sempre entraña determinadas dificultades require unha dedicación que, se cadra, ten un límite no tempo. Foi unha decisión moi encalmada e non foi tomada por ningún feito puntual: xa estaba no meu horizonte permanecer no posto por un prazo determinado.

As asociacións profesionais fan un balance bastante negativo destes anos, talvez non tanto do seu papel como da situación da institución. Cal é a súa valoración desta etapa á fronte do CDG?

As asociacións fan un balance pero, efectivamente, creo que non tanto da miña actividade, como da institución. Unha institución pública debe buscar unha continuidade que implique unha mellora no tempo. Houbo unha circunstancia histórica, a crise económica, que tivo unhas consecuencias moi duras para o CDG, e para a vida cultural en xeral. Se o vemos historicamente, o Centro tivo un comezo magnífico na década de 1980, na que en todo o Estado hai diñeiro a esgalla para a cultura: un momento en que se están creando estruturas culturais con moito optimismo. A partir de aí, o investimento en cultura –e no CDG– empeza a relativizarse. Na época de Cristina Domínguez á fronte do Centro houbo un meirande apoio económico pero logo veu a crise. E a recuperación desa crise toma moito tempo. Agora ao que temos que aspirar é a que non haxa pasos atrás.

Cando vexo que se compara a situación do CDG con períodos moi anteriores, penso que non son equiparacións realistas: hai que ter en conta o marco histórico en que se vive, o contrario é negar a historia. Hai que buscar a mellora da institución pero sen buscar comparacións que xeren frustración.

A crise é unha escusa que se utiliza cando convén dende hai moitos anos, pero a Xunta de Galicia insiste en que a crise xa pasou, e debe ser verdade cando a Consellaría outorgou o ano pasado tres millóns de euros para a organización do Son do Camiño. A directora do CDG non pode esixir que se incremente o orzamento dun centro que forma parte do núcleo estrutural do sistema, se hai ese diñeiro para actos puntuais?

Non me parece que sexa labor da dirección do CDG facer ese tipo de apreciacións. Pedir que se aumente o orzamento, si.

E fíxose?

Si, pero o ritmo do medre dos orzamentos é moi lento. E mais medran.

Os procesos de selección de elencos foron a parte máis cuestionada publicamente. Que se fixo para solucionar este tema? Con que se vai atopar a persoa que a suceda no cargo?

Cando me incorporei ao Centro, participei nun debate no que un dos temas principais era o da selección de elencos. Había un xurista especialista nestes temas e afirmou que, coa lei na man, é imposible evitar o concurso público. Eu son a primeira interesada en que non se fagan concursos públicos –audicións si, porque creo que é moi bo que se descubra xente nova a partir de audicións artísticas– e unha das tarefas que me levou máis traballo foi asegurar que haxa unha mínima garantía artística dentro do formato de concurso público ao que a lei nos obriga. Non é algo que nos inventemos no CDG: estes concursos están xerando moita polémica, e fomos mellorando moito o procedementos, aínda que en matices, en conseguir que as bases sexan respectuosas co proxecto artístico.

En todo caso, o ano pasado convocamos unha mesa sectorial –é certo que a petición da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)– para tratar este asunto. Todos estabamos de acordo en que este tipo de concursos non se adaptan ás particularidades laborais e artísticas do teatro. A AAAG quería “refundar” o Centro, pero a min parecíame e paréceme que este era o problema máis urxente, e presentámoslles unha nova proposta de acordo a partir da cal se crearía unha base de datos de actores e actrices que contivese os currículos, que se puidese actualizar periodicamente e a través da cal puidesen participar en calquera nova convocatoria. Toda a primeira fase destes procesos de selección, que supón a valoración dos méritos de cada aspirante e que é a máis afastada da natureza artística dos proxectos, alixeiraríase moito. Pero o certo é que a AAAG abandonou a mesa.

A AAAG asegura que pediu a convocatoria dunha mesa para falar do futuro do CDG no seu conxunto e que AGADIC só quixo discutir o tema dos procesos de selección.

Pero como falas de cambiar unha institución se non empezas polo primeiro punto? Eu en ningún momento me neguei a tratar máis temas despois de solucionar este. O diálogo interrompeuse e a seguinte noticia que tiven da postura da AAAG foi a través dos medios de comunicación. Aínda así, estaría disposta a retomar ese diálogo en calquera momento.

Ademais dos procesos de selección, incídese en que unha produción por ano é claramente insuficiente.

E eu estou de acordo. Creo que o ideal sería que se fixesen tres produción anuais e espero que ese sexa o horizonte da institución, que se traballe nesa dirección. Cando entrei, presentábase a posibilidade de facer dúas producións pequenas ao ano, mais pensei que iso non se correspondía co nivel artístico que debía establecer o CDG e, daquela, foi proposta miña facer unha soa produción máis grande.

Esas producións teñen cada vez menos distribución, as xiras son a cada máis curtas.

O CDG non debería vender as súas producións, non se pode falar dunha xira do Centro Dramático igual que dunha xira dunha compañía privada. A distribución do CDG non debe ser igual que a dunha compañía privada e eu creo que ese é o marco no que se irá desenvolvendo no futuro. O CDG ten que crear complicidades e establecer un circuíto limitado dentro do ámbito galego. E seguir buscando proxectos e apoios fóra de Galicia para mostrar o traballo noutros ámbitos.

E por que non se deron pasos para establecer ese circuíto?

Iso non se fai dun día para outro. E de todas formas, non nos paramos a ver o que sucede fóra de Galicia: no Centro Dramático Nacional ou na Compañía Nacional de Teatro Clásico non se fan xiras. Por que? Porque economicamente non é viable. O custo de sacar unha función dun Centro Nacional de xira e moitísimo maior que o de sacar unha produción privada. De feito, moitas veces se utiliza o formato de coprodución para que poidan xirar traballos que se estrean nalgún destes centros.

Neste sentido, o CDG é o teatro público do Estado que máis xira. O cal non quere dicir nada, pero esa é unha realidade.

Canto as coproducións, acúsase ao programa do CDG de ocultar tras elas unha serie de subvencións ocultas, outorgadas a dedo e sen que se coñezan os criterios que rexen as adxudicacións.

Son criterios artísticos e as coproducións do CDG sempre se rexeron exclusivamente por criterios artísticos.

Pero comprenderá que sorprenda esa discrecionalidade se a comparamos co rigor burocrático que se aplica á formación de elencos.

Así é como funciona a administración. Esa burocratización dos procesos de selección de elencos vén dada polo marco xurídico. Quizais esas preguntas habería que facerllas a un xurista.

Nas coproducións, eu tratei de que houbese un abano que mostrase a diversidade do que se está a facer. Evidentemente, sempre quedan fóra algúns proxectos, de entre todos os que a solicitaron, pero a finalidade é mostrar un fresco do que se fai na escena galega: desde A compañeira de piso de Contraproducións ata Soma de Javier Martín. Creo que se poden ver as distintas capas do que se produce, sen atender exclusivamente á renovación ou ao que vaia ter máis proxección. Dende o momento en que se presentan xa sabes que Elisa e Marcela ou A compañeira de piso van ter máis repercusión, pero tamén atendemos a outros proxectos que pagan a pena e que necesitan máis aire porque só atopan resposta en determinados ámbitos.

Tamén se criticou que as compañías invitadas non reciban o caché, que traballen “a billeteira”. Nun momento en que se están dando pasos importantes a prol da profesionalización do sector, non é unha medida que se reciba ben por parte das compañías.

Estou de acordo e, de feito, nós non facemos unha programación activa. Non considero o Salón Teatro como un teatro de exhibición, porque non podemos pagar cachés. Nós temos que privilexiar a actividade de produción, e, daquela, as compañías que exhiben no teatro están porque reciben un apoio: se necesitan residencia artística traballamos con elas desde o principio, apoiámolas nas actividades pedagóxicas… Facemos o máximo por axudalas.


Publicidade

Pero si hai unha programación ao longo do ano.

Son compañías que, polas razóns que sexa, piden estar no Salón Teatro. Cando digo que non facemos programación activa quero dicir que eu non levanto o teléfono para invitar unha compañía a vir ao teatro a billeteira. Considero que un teatro público non debe facelo. Pero se a unha compañía lle interesa estar por calquera motivo, cedémoslle o espazo e tratamos de axudala o máximo posible. En todo caso, a ocupación externa é unha porcentaxe moi pequena da actividade do Salón Teatro.

Falemos da relación con Portugal. Non se deron iniciativas novas e o Proxecto Nós, iniciado na etapa anterior con Manuel Guede, desapareceu da axenda.

Non, o Proxecto Nós, non está abandonado. Cando eu me incorporei, estaba rematando a súa última edición, pero xa había conversas para amplialo. Tiago Rodrigues [o director artístico do Teatro Nacional Dona María II de Lisboa] estaba moi interesado en converter este proxecto nun proxecto europeo. E iso leva tempo. Durante todo este tempo non deixamos de traballar no Proxecto Nós e incorporamos un novo socio. Eu espero que o ano que vén xa se poida visualizar o realizado durante este período.

En todo caso, a entrada dun novo socio que non pertence á lusofonía desnaturaliza un pouco o proxecto inicial.

Eu non diría iso: diría que se está europeizando.

Pero aínda así, levamos catro anos sen relación institucional entre os teatros galego e portugués.

Non é certo. Levamos catro anos traballando moi duramente neste proxecto, aínda que sexa un traballo que non ten dimensión pública. Se queremos que os proxectos medren temos que investir neles e nós levamos catro anos traballando no Proxecto Nós, non é algo que se faga dun día para outro.

Catro anos non abondan?

Estamos falando dun proxecto no que están involucradas tres escolas, tres teatros e espero que unha nova escola e un novo teatro, leva moito tempo.

Sumando todos estes elementos sobre os que estamos falando, que diría sobre a opinión xeneralizada entre os representantes das asociacións profesionais acerca da perda de prestixio do CDG?

Non estou de acordo. De feito eu non lin en ningures que se falase de perda de prestixio. Ao contrario, eu creo que nos últimos catro anos o CDG recuperou prestixio, e dígoo claramente. Que debería producir máis? Estou de acordo e espero que no futuro produza máis. Por outra banda creo que as producións dos últimos catro anos teñen unha factura artística impecable. E diso, paradoxalmente, ninguén fala. E non se fala das moitas medidas que se tomaron para recuperar público, especialmente entre os máis novos. Temos moitos programas de colaboración co sector privado, tanto en coproducións coma en residencias, accións de formación –sempre en colaboración coa AAAG e con DramaturGA [a Asociación de Dramaturgos e Dramaturgas de Galicia]–, medidas sociais como os domingos de conciliación, o Gran teatro Para os Máis Pequenos con obradoiros para captar públicos entre as familias… Ordenamos as actividades neste sentido e son moitas accións que implican moito esforzo e que van na dirección de reforzar o Centro.

Creo sinceramente que o CDG ten agora moita máis presenza que hai catro anos. Por moitas circunstancias, non é só mérito meu, pero clarisimamente creo que entre o público galego isto é así. Non estou de acordo en absoluto de acordo en que nestes catro anos se perdese prestixio.

Eu non deixei de pedir máis orzamento para o CDG, e nese aspecto teño a conciencia moi tranquila, pero sempre sabendo dentro de que marco estamos traballando. As críticas que non teñen en conta ese marco de realidade non me parecen construtivas.

En 2016 díxome nunha entrevista que “ninguén ten dúbida de que a autonomía [xurídica] do centro é garantía dun mellor funcionamento. O que ocorre é que iso non se pode conseguir dun día para o outro. Que pasos se deron na dirección de outorgarlle autonomía ao CDG?

Pola miña banda, ningunha e dígoo claramente. Non creo que ese sexa labor da dirección do CDG.

Se cadra hoxe non sería tan categórica afirmando que “a autonomía xurídica é garantía dun mellor funcionamento”. Habería que escoller moi ben o formato e ver os pros e os contras que implica a escolla. Ás veces se afirma que a autonomía xurídica evitaría os concursos públicos na selección de elencos e isto non é exactamente así: se o CDG vai seguir sendo un teatro público seguirá formando parte da administración e, en consecuencia, non deixará de estar suxeito a determinadas partes da lexislación. Noutros aspectos non o sei, habería que consultar cun xurista.

Por outra banda, o que si podo asegurar é que en contidos ou en decisións de natureza artística, non houbo ningún tipo de inxerencia nestes catro anos.

Como foron en xeral as relacións coa AGADIC?

Moi boas. Sempre cunha tensión produtiva, se o queremos chamar así, pero moi boas. O meu papel, por dicilo dalgunha maneira, é pedir e, se me dan, pedir máis. E o papel da dirección de AGADIC é repartir os medios que ten. Neses termos, esa “tensión produtiva” foi sempre froito dun diálogo construtivo.

Entón malia a escaseza dos orzamentos non houbo problemas?

Non dixen que houbese escaseza no orzamento.

Non é escaso entón o orzamento do CDG?

Non é escaso pero ten que ser meirande. Iso é exactamente o que estou dicindo.

Para finalizar: que consello lle daría á persoa que a suceda no cargo?

Non son quen para dar consellos pero, sen querer descubrir nada novo, que saiba que a maior parte do traballo, polo menos o primeiro ano, vai ser traducir ao procedemento administrativo o proxecto artístico e que iso ten que entenderse como unha parte fundamental do traballo cando te vinculas a unha entidade pública.

Hai perigo de que volva a darse un baleiro na actividade do Centro coma o que se deu entre a dimisión de Manuel Guede e a súa toma de posesión do cargo?

Espero que non. Eu estou traballando agora mesmo con AGADIC nun calendario que asegure que o ano que vén a produción estea garantida. Avísase con tempo para asegurar unha transición fluída e espero que a convocatoria para escoller o novo director ou directora saia en breve. E digo espero porque eu non son función pública, pero o idóneo sería que a persoa fose escollida antes de que eu deixe o posto para poder explicarlle como están as cousas e para que teña certa tranquilidade para dar os primeiros pasos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

TeatroColon |

O Centro Coreográfico Galego estrea un espectaculo homenaxe a Joaquín Rodrigo

Microefectos61 |

Os Microefectos Dramatúrxicos voltan co microteatro ao Clavicémbalo de Lugo