in

O Centro Coreográfico Galego estrea un espectaculo homenaxe a Joaquín Rodrigo

TeatroColon |

O Teatro Colón da Coruña acolle este sábado 8, ás 20:30, a estrea do espectáculo de danza Maestro Rodrigo, promovido pola Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a través do Centro Coreográfico Galego (CCG), e do Concello da Coruña.

A montaxe, que homenaxea o gran compositor español no vixésimo cabodano do seu pasamento, foi presentada onte por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Cecilia Rodrigo, presidenta da Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo; Mercedes Suárez, directora do CCG e coautora das coreografías desta montaxe xunto ao británico Kenneth Tindall, e José Manuel Sande, concelleiro en funcións de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña.

En Maestro Rodrigo, os estilos neoclásico e contemporáneo conviven á hora de ofrecerlle ao público un percorrido pola traxectoria vital e profesional de Joaquín Rodrigo como historia de superación. Baixo o subtítulo O neno que soñaba a música, o espectáculo preséntase como unha narración ilustrada por medio da danza e de numerosos fragmentos das obras do autor de Concierto de Aranjuez.

De feito, a montaxe aborda a vida de Rodrigo desde a súa infancia en Sagunto ata o seu regreso a España tras a Guerra Civil no ano en que compón a obra que lle dará maior sona internacional, pasando polo seus estudos en París ou o seu casamento coa pianista turca Victoria Kamhi.


Publicidade

Elenco

Sobre o escenario, J. Miguel Hernández e Julia Méndez danlle vida a este matrimonio de músicos e Silvana Sestelo, á nai do compositor, mentres que o Joaquín Rodrigo neno é interpretado por Xurxo Pena, bailarín carballés de 14 anos que comezou os seus estudos na Escola Municipal de Danza de Ponteceso, aberta en colaboración co Centro Coreográfico Galego por medio do seu programa Danza no Rural.

Completan o elenco Cristina Amor, Natalia García, Paula Ripoll, Rosalía Vázquez, Dayron Rodríguez, Germán Flores e os nenos Gaël, Amanda e Luana Huiban Monteagudo, Paola K. Martínez Taibo e Ruth Amor Pan.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

TeatroSaDeMiranda2 |

Abertas as candidaturas para a Escola de Verão de Atores de Viana do Castelo

FefaNoia |

Fefa Noia: “Nos últimos catro anos, o CDG recuperou prestixio”