in

Unha exposición celebra os 30 anos de Teatro do Morcego

CelsoParadaKvetch |
Dentro das actividade da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, inaugúrase hoxe, as 20:00, no Auditorio, unha exposición que celebra os 30 anos de Teatro do Morcego, unha das compañía pioneiras do teatro galego, fundada por Celso Parada e Isabel Ávila.

 

O nome da compañía foi elixido en homenaxe a Castelao e a súa fascinación co Théâtre du Chauve-Sauris de Nikita Balief na súa viaxe a Paris. Dende aquela, a compañía mantivo a súa actividade ininterrompidamente.

Teatro do Morcego iniciou a súa andaina con Kartoteka, a partir de Tadeusz Rozewic e Rapsodia Pimentel. En 1991 obtivo o seu primeiro grande éxito con Misterio Cómico, sobre un texto de Dario Fo e con dirección de Julio Cardoso, obra pola que obtivo os Premios Compostela á Mellor Dirección e Mellor Actor e, en 1993 puxo en escena Doberman, de Antón Reixa, con dirección de Quico Cadaval, que obtivo o Premio Compostela ao Mellor Texto. A partir de entón foi encadeando montaxes baixo a dirección de numerosos directores invitados (Bernardo Galli, Etelvino Váquez, Andrés Pazos, Xoán Cejudo, Álvaro Lavín, Antonio Simón, José Prieto, Kevin Orr…) ou do propio Celso Parada.

Nestes anos, a compañía botou man dun amplísimo espectro no seu repertorio: a recuperación de textos clásicos do noso teatro (Farsa de Bululú, de Manuel María, Os vellos non deben de namorarse, de Castelao…) e doutras dramaturxias (Macbett, de Ionesco, O Burgués Fidalgo, de Moliere); obras contemporáneas (O club da calceta, de María Reimondez, A función do tequila, de Manuel Guede…), textos de autores pouco ou nada representados en Galicia (Kvetch, de Steven Berkoff, A Nona, de Roberto Cossa…), clásicos contemporáneos (Darío Fo ou Eduardo de Filippo)…

A súa actividade ao longo de tres décadas viuse recompensada con diferentes premios en distintas modalidades: o Premio Compostela por Misterio cómico e Doberman; os María Casares por Lazariño de Tormes, A gran ilusión e Momo... Igualmente, participou en festivales como o Grec de Barcelona, o FITEI do Porto, o Festival Internacional de Ribadavia e o Festival de Teatro de Cangas, entre outros.

Entre 1993 e 1998 constituiu, xunto con Teatro de Ningures e Tanxarina, a compañía Producións Teatrais do Sur. No ano 2009 converteuse en compañía residente do Concello de Narón pola súa longa traxectoria profesional cunha produción estable: ao longo destes trinta anos produciu 31 espectáculos nos que participaron máis de 50 actores, actrices, músicos e bailaríns.


Publicidade

Algúns dos espectaculos de máis éxito da compañía foron Misterio Cómico (1991), Doberman (1993), Os patios da memoria (1996), O Lazariño de Tormes (1998), Morte accidental dun anarquista (1999), Os vellos non deben de namorarse (2001), A gran ilusión (2002), O club da calceta (2008), Kvetch (2009), A Nona (2010), ou Nosa señora das nubes (2016).

En 2019, Celso Parada foi nomeado Académico de Honra pola Academia Galega de Teatro.

Actualmente a compañía está a preparar Delicatessem un espectáculo que xoga ao ilusionismo a partir de textos de Eduardo de Filippo, Eduardo Galeano e Roland Topor, con dramaturxia e dirección de Celso Parada. En escena, o propio Parada e Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”.

A exposición poderá visitarse no Auditorio Municipal de Cangas ata o 6 de xullo, de 12:00 a 14:00 e de 17:30 a 22:00.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EnmaPino2 |

A Mostra de Cangas arranca hoxe cunha homenaxe a Enma Pino

Arlequina02 |

O pregón de Quico Cadaval abre hoxe a 36ª Mostra de Cangas