in ,

O pregón de Quico Cadaval abre hoxe a 36ª Mostra de Cangas

Arlequina02 |
A edición deste ano presenta máis de vinte espectáculos, entre os que se contan cinco estreas absolutas e cinco estreas en Galicia.

 

Despois da homenaxe a Enma Pino celebrada onte, hoxe arranca a programación da da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Un ano máis a vila do Morrazo convértese nun referente do teatro de humor, ao que leva consagradas xa 36 edicións do festival. Ao longo de nove días, os amantes do teatro terán a oportunidade de ver máis dunha vintena de espectáculos teatrais, que serán representados no Auditorio de Cangas ou na rúa, en diferentes espazos do concello morracense.

A Mostra comezará co pregón de Quico Cadaval, actor, dramaturgo, director e o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa. Cadaval comezou na interpretación teatral a finais dos anos setenta no Centro Dramático Galego, e xa nos oitenta fundou a súa propia compañía: O Moucho Clerc. Traballou en diferentes producións da TVG, así como en curtametraxes e longametraxes, e recibiu diferentes premios polo seu traballo no teatro. En 2011 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Escénicas que outorga a Xunta de Galicia.

Publicidade

Neste acto inaugural, que se celebra ás 22:30, no Auditorio Municipal de Cangas, a cantautora María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, recibirá o Premio Mulleres en Acción  “en recoñecemento ao seu espléndido labor artístico, compromiso e discurso a prol da igualdade e empoderamento das mulleres”.

Antes, no mesmo Auditorio, terá lugar a inauguración dunha exposición que celebra os trinta anos de traxectoria da compañía Teatro do Morcego, fundada en 1989 por Celso Parada e Isabel Ávila.

A MITCFC acollerá este ano cinco estreas absolutas: A Illa das Matriarcas, unha coprodución galego inglesa das compañías Aporia Escénica e Theatre of Ancients; Crunch, unha coprodución da compañía galega Muuu e da Mostra; La Gran Ofensa, unha obra de la Bendita Compañia e El Terrat (Cataluña) estreada conxuntamente entre a Mostra e o Festival Singlot; Proxecto Cuco. Cultura contra o cambio climático, outra coprodución da MITCFC con Teatro Tío Teixo; e C’est pas possible, de Sempre Arriba, coproducida pola Mostra.

Ademais, o público poderá ver cinco estreas en Galicia de obras como Comedia Aquilana, de Nao de Amores & Cia (Castela e León); Donna Quixota, de Pina Polar (Polonia); La mujer perdida, da compañía asturiana Teatro del Norte; El desguace de las musas, de La Zaranda; e Tentación Divina, da compañía Artlequín (Arxentina/España).

Comedia Aquilana é o espectáculo que inaugura as representacións en sala da Mostra. Trátase dunha comedia renacentista musical dirixida por Ana Zamora. A música en directo non só acompaña, senón que dá ritmo a moitas das esceas como parte indivisible do ‘todo interpretativo’. Trátase dunha coprodución da compañía Nao de Amores coa Compañía Nacional de Teatro Clásico.

O sábado 29 de xuño, La Bendita Compañía e El Terrat estrean a obra La Gran Ofensa, un espectáculo que fala da persecución do humor, un tema, por desgraza, moi de actualidade. A presenza desta obra en Cangas encádrase na irmandade asinada o ano pasado entre a Mostra e o Singlot Festival (Xirona), que dirixe o humorista Andreu Buenafuente. La Gran Ofensa foi o proxecto gañador do premio Terrat Nou Talent en 2018. Este espectáculo estréase en Cangas froito do acordo entre Singlot e MITCFC. Pola súa banda, no festival xerundense, que se celebra en Sant Feliú de Guixols (Xirona) entre os días 4 e 7 de xullo, poderán ver o espectáculo Vacas, Guerras, Porcos e Cregos, de Quico Cadaval.

O domingo 30 de xuño, Quico Cadaval recunca con esta edición da Mostra no seu papel de dramaturgo e director coa obra Carpe Diem, unha atrevida tentativa de converter en teatro un dos mais excitantes contos do maior autor vivo en lingua portuguesa. Un espectáculo con música en directo que sorprenderá.

E o martes 2 de xullo, o propio Quico Cadaval volve ao Auditorio Municipal para contar Vacas, Guerras, Porcos e Cregos, a historia dun antepasado, Xuán o Fino, un home bo coa familia, pacífico e bo viciño. Unha personaxe carente de interese para o público, por estar exento de maldade. Mais observando o entorno do patriarca, aparecen historias extraordinarias protagonizadas por personaxes menos virtuosos.

O mesmo día, Producións Teatrais Excéntricas representará a súa primeira montaxe para público familiar, Cartoóns, con Victor Mosqueira e Josito Porto. Será na Alameda Vella ás 20:30.

Publicidade

A compañía Os Monicreques de Kukas, que este ano recibe o Premio Xiria ao Labor Teatral da MITCFC, actuarán o mércores 3 de xullo no Auditorio de Cangas coa obra Arlequina, un espectáculo dirixido a todos os públicos que combina o traballo de actor e a pantomima coa animación de marionetas e a maxia. Con música en directo.

O xoves catro será a quenda duns clásicos do humor, a Companhia do Chapitô, que con 36 creacións orixinais ás súas costas dende 1996, explora o estilo da comedia visual e física que invita á imaxinación do público, recibindo numerosos premios recoñecidos en escenarios de todo o mundo. Representarán Electra, a historia da filla preferida do rei Agamenón, que consumará a venganza polo asasinato do seu pai coa axuda do seu irmá Orestes, matando á súa propia nai e ao seu tío Existo, que usurpou a coroa. Todo este baño de sangue familiar cóntase co estilo cómico e inconfundible de Chapitô.

O venres desa semana, os espectadores poderán ver a obra El desguace de las musas, da compañía La Zaranda. A peza teatral conta, como é habitual, co texto de Eusebio Calonge e Paco de la Zaranda, ademais do elenco formado por Gaspar Campuzano, Enrique Bustos y Francisco Sáchez, ‘clasicos’ das postas en escea da compañía. El desguace de las musas conta tamén co traballo dos intérpretes Gabino Diego e Inma Barrionuevo, e da soprano María Ángeles Pérez-Muñoz. Todo o conxunto teatral para unha viaxe de descuberta sobre como comezou o teatro a perder o seu espírito creativo para converterse en mero negocio.

A Mostra chegará ao seu fin, o sábado 6 de xullo, coa obra de coprodución angloespañola Generación Why, de Teatro en Vilo, compañía que en 2016 recibiu o Premio do Público da Mostra de Cangas coa exitosa representación de Interrupted, o seu primeiro espectáculo. Con Generación Why, a compañía retoma o humor absurdo e a poética corporal daquel proxecto continuando a súa busca de novas linguaxes escénicas para mergullarse argumentalmente no misterio dos tempos que nos quedan por vivir.

As directoras de Teatro en Vilo, Andrea Jiménez, Noemí Rodríguez, serán as encargadas de impartir un obradoiro sobre “A dramaturxia actoral e os procesos de creacion colectiva”. Este taller levarase a cabo na Casa de Cultura de Cangas, en horario de 10 a 15 horas, entre os días 3 e 5 de xullo, ambos incluídos.

 

Coloquios entre público e escena

Por segundo ano consecutivo, a erregueté – Revista Galega de Teatro en colaboración coa Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presenta un ciclo de conversas cos creadores e creadoras que visitan a Mostra como protagonistas. Coa vontade de reforzar as pontes entre público e escena, os encontros, que terán formato de coloquio en sesión vermú, contarán coa Capela do Hospital como centro de operacións.

O martes, 2 de xullo, ás 12:30, na Capela do Hospital, o encontro realizarase co equipo artístico de Carpe Diem, de PT Excéntricas. O xoves 4, á mesma hora e no mesmo lugar, será co equipo artístico de Arlequina, de Os Monicreques de Kukas.

Finalmente, o mesmo xoves 4, ás 18:00, e tamén na Capela do Hospital, a erregueté organiza unha mesa redonda baixo o título CDG: pasado, presente e futuro, que reunirá a catro ex directorxs do Centro Dramático Galego –Eduardo Alonso, Damián Villalaín, Manuel Guede e Cristina Domínguez– que tratarán de deitar luz sobre a unidade de produción institucional, nos últimos anos no centro da polémica.

 

Torneo de Dramaturxia

O Torneo de Dramaturxia de Galicia consolídase como unha aposta firme da MITCFC para dar a coñecer a dramaturxia galega, creando un nexo directo entre autoras/es e público. Este proxecto, pioneiro en Galicia e que este año chega á súa terceira edición, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega.

A Asociación Galega de Dramaturxia é a plataforma das autoras e autores dramáticos de Galicia. Naceu no ano 2015 coa intención de mellorar, defender e velar polas condicións laborais das profesionais do sector e visibilizar a dramaturxia galega.

No III Torneo de Dramaturxia, haberá unha mestra de cerimonias única, nesta edición Esther F. Carrodeguas, que presentará este furioso combate no que catro recoñecidas dramaturGAS e dramaturGOS de Galicia se baterán na procura do voto do público. As armas a usar? Retruques da palabra, ideas, ritmos, conflitos, sorpresas, accións, silencios.

O público asistirá a catro lecturas dramatizadas, interpretadas por actrices e actores profesionais de recoñecido prestixio, e será o propio público quen vote os textos que máis lles teñan gustado para que, de entre as catro pezas participantes, resulte unha soa a gañadora. Carmen Conde, Ana Carreira, Fran Godón e Zé Paredes serán os intérpretes, que estarán acompañados polo pianista Velpister.

Un espectáculo teatral, divertido e único que se verá avivado pola participación activa do público.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CelsoParadaKvetch |

Unha exposición celebra os 30 anos de Teatro do Morcego

mitribadaviapublico |

A AAAG ofrece formación para profesionais na MIT Ribadavia e no FETEGA do Carballiño