in , , ,

A AAAG ofrece formación para profesionais na MIT Ribadavia e no FETEGA do Carballiño

mitribadaviapublico |
Público asistente a unha función da MIT nunha edición anterior
Os prazos de inscrición para os tres cursos, que contan co patrocinio da Fundación AISGE), abren o luns, 1 de xullo, no web da AAAG .

 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, coorganizará coa Mostra Internacional de Ribadavia (MIT Ribadavia) e co Festival de Teatro Galego do Carballiño (FETEGA) tres cursos de formación para profesionais da escena. Deste xeito, a AAAG inclúe no seu programa formativo anual a colaboración con dous dos festivais máis prestixiosos de Galicia e descentraliza a súa oferta para chegar ao maior número de profesionais. Os tres cursos -que impartirán Nekane Fernández, Ibuprofeno Teatro (Marián Bañobre e Santiago Cortegoso) e Alicia Laguna- contan co patrocinio da Fundación AISGE.

 

Publicidade

CURSOS RIBADAVIA

O primeiro destes cursos celebrase en Ribadavia, dentro da programación da 35a edición da MIT, entre o 19 e o 21 de xullo. Baixo o título Escena e realidade- Práctica e experiencia, a directora mexicana Alicia Laguna proporá un encontro cos participantes co obxectivo de elaborar unha revisión das experiencias do teatro que ten unha mirada sobre materiais da realidade: documentos, arquivos, relatos ou testemuños. Deste xeito, este curso conectará cun dos eixos fundamentais que vertebran a programación desta MIT: o teatro documento. A mexicana Alicia Laguna é artista escénica e produtora. Codirixe dende 1993 a compañía Teatro Línea de Sombra.

O segundo curso en Ribadavia desenvolverase entre o 22 e o 24 de xullo, impartido por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso (compañía Ibuprofeno Teatro). Neste Obradoiro de Creación escénica con Ibuprofeno Teatro, ambos docentes propoñen un obradoiro cuxa meta é mostrar e reproducir a pequena escala o método de creación que Ibuprofeno foi artellando a partir das súas propias experiencias teatrais. A dinámica básica consiste nun proceso de investigación e descubrimento a partir dun tema e dun espazo concreto. Esta forma de traballar parte da premisa de que os actores e as actrices en verdade son os auténticos creadores e creadoras. Santiago Cortegoso e Marián Bañobre fundaron Ibuprofeno Teatro no ano 2010 e dende aquela crearon tanto montaxes de pequeno formato (A filla de Woody Allen, Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios, Fitness ou O Furancho) coma espectáculos de maior envergadura, como son Raclette e Casa O’Rei.

 

CURSO FETEGA

A psicóloga e actriz Nekane Fernández impartirá o curso que a AAAG coorganiza co Festival de Teatro Galego do Carballiño (FETEGA). Baixo o título Introdución ao traballo con arquetipos, o curso ofrece a oportunidade aos actores e ás actrices de explorar os seus propios recursos, facerse consciente da personaxe que cada un utiliza a cotío, traspasala e así afondar no coñecemento de si mesmo e dos propios límites. O curso celebrarase no Carballiño entre o 24 e o 25 de agosto.

Os prazos de inscrición para os tres cursos abren o luns, 1 de xullo, e os interesados poden inscribirse a través da páxina web da AAAG: www.aaag.gal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Arlequina02 |

O pregón de Quico Cadaval abre hoxe a 36ª Mostra de Cangas

PremiosTeatroEscolar |

Premios do XXII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña