in ,

A Mostra de Cangas e o Singlot estrean conxuntamente ‘La Gran Ofensa’

LaGranOfensa |
Os festivais acordaron tamén a programación en Cangas e Sant Feliu de Guíxols do espectáculo Vacas, guerras, porcos e cregos, de Quico Cadaval.

 

O ano pasado, A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e o Singlot Festival de Sant Feliu de Guíxols (Girona) uníronse en favor da defensa do humor e a liberdade creativa. Os festivais asinaron un manifesto conxunto para resaltar a importancia do humor como ferramenta capaz de “cruzar obstáculos e fronteiras, romper moldes e unir persoas, países e culturas”.

Froito da irmandade entre a MITCFC e o Singlot naceu o compromiso de partillar espectáculos xurdidos dos dous encontros. Este ano, ambos os dous festivais comparten a estrea da obra La gran ofensa, unha coprodución de La bendita compañía e El Terrat (Cataluña). Ademais, a programación das dúas mostras inclúe o espectáculo Vacas, guerras, porcos e cregos, da compañía galega Producións Teatrais Excéntricas.

La Gran Ofensa estrearase no Auditorio Municipal de Cangas o sábado 29 de xuño ás 22:30. En Sant Feliu de Guíxols poderá verse o xoves 4 de xullo. A obra interpela ao espectador, preguntándolle se existen límites no humor. Hai que procesar a alguén por contar un chiste?, debemos censurar a comedia?, pódese facer humor de calquera tema? O espectáculo conta a historia de dous cómicos, demandados por un chiste, que buscan evitar o cárcere e o ataque da opinión da pública.

La Gran Ofensa foi presentada nas xornadas profesionais do Singlot Festival e foi seleccionado como Premio Terrat Novo Talento (Premi Terrat Nou Talent) como proposta de compañía emerxente.

Pola súa banda, Vacas, guerras, porcos e cregos poderá verse na Mostra o martes 2 de xullo, ás 22:30, no Auditorio de Cangas, e no Singlot, o sábado 6 de xullo. O actor, dramaturgo e director Quico Cadaval sube ao escenario para contar a historia dun antepasado, Xuán o Fino, un home bo coa familia, pacífico e bo veciño. Un personaxe carente de interese para o público, por estar exento de maldade. Mais observando o seu entorno, aparecen historias extraordinarias protagonizadas por personaxes menos virtuosos.


Publicidade

 

Singlot Festival

O Singlot Festival, que este ano celebra a súa quinta edición, é un festival creado e producido por El Terrat e TheProject dentro do Festival Porta Ferrada, que en 2019 chega á súa 57 edición. Singlot Festival é un selo de espectáculos de humor e entretemento dentro da programación xeral do Porta Ferrada, que inclúe todas as disciplinas artísticas, sendo a música un dos seus principais referentes.

Singlot é unha proposta artística que naceu en 2015 ideada polo seu director, o xornalista, presentador e humorista Andreu Buenafuente, co obxectivo de unir a espectadores e profesionais das artes escénicas en torno á comedia.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

OValoLabraña |

Representación de ‘O valo’ na libraría Berbiriana da Coruña

OEnganoCarre |

Cántigas da Terra estrea ‘O engano’ de Leandro Carré