in

Volven as Noites Teatrais de Vilamarín

BernardaMalasombra |

O concello de Vilamarín acolle un ano máis as tradicionais “Noites teatrais”, que este ano chegan a súa XXXII edición e que se celebrarán do 15 ao 19 de xullo, cada día ás 22.30 horas, no auditorio municipal.

O programa ofrece cinco días de espectáculos. Dará comezo o 15 de xullo co Grupo de Teatro de Vilamarín, co espectáculo Despaciño e boa letra..

O día 16 será a quenda da Aula de Teatro Universitario de Ourense, Maricastaña, que presentará Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse, dirixida por Fernando Dacosta. A obra fai unha viaxe polas vivencias de personaxes que habitan nos baixos fondos dunha cidade, entre rúas multiculturais, perigos, disparos, sospeitas, interrogatorios, desaparicións e amores que forman parte do cotiá.

O mércores 17 de xullo actuará Talía Teatro con Vida de cans, un texto escrito e dirixido por Cándido Pazó. Dani Trillo, Tono Casais e Artur Trillo póñense na pel de Nemo, Nolo e Lupo, tres cans moi diferentes entre eles aos que lles toca compartir un recinto que lles preparou o seu amo. Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo… pero recinto. Ben tratados, ben atendidos, ben alimentados, ben acariñados… pero recluídos. Fóra do recinto está a liberdade. Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos… pero liberdade.

Ao día seguinte, o 18 de xullo, actuará Malasombra con Bernarda, unha obra de Jose Prieto. Bernarda recolle o punto de partida de La casa de Bernarda Alba, escrita por Lorca en 1936, é dicir, unha muller que queda viúva con fillas mozas e decreta un rigoroso loito, pero traslada a acción a unha vila de Galicia case corenta anos máis tarde, en 1975, nun momento clave da nosa historia recente, no que as ansias de cambios chocan coas tradicións máis arraigadas, como é neste caso, o loito.


Publicidade

O día 19 pecha a programación Contraproducións coa obra Commedia, unha obra que volveu a ser posta en escena 25 anos despois do éxito da súa estrea e que gañou o Premio María Casares ao Mellor Espectáculo na última edición destes galardóns.

A entrada para os espectáculos é gratuíta.

 


Esta noticia foi corrixida o 14 de xullo de 2019 para cambiar o título da obra do 15 de xullo, que non é Os cravos de prata, como se dicía na versión anterior.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AnxelaBlancoVoo |

Oleiros acolle a terceira edición de Ext-cénica esta fin de semana

OtiPerlio |

Presentación de ‘O Novo Teatro Galego en Perlío’, de Francisco Oti, en Fene