in

Amarillo

Amarillo04 |

O pesadelo americano

| Ana Abad de Larriva |
| Foto: Rosinha Rojo / MIT Ribadavia |

 

Do soño americano emanan expectativas que bailan entre ter e dar un (mellor) futuro aos fillos e fillas e, simplemente, sobrevivir. Un soño que se volve pesadelo, amarelo, como a cor do deserto e da aparencia cerúlea da morte. Algo que vén marcado pola figura dese muro da vergoña que separa México de Estados Unidos e que simboliza a morte de milleiros de persoas que perderon e perden a vida procurando atravesar a fronteira, saltar os valados de aceiro e cemento, pasar o deserto, o río, chegar ao destino; daqueles e daquelas que desapareceron no camiño.

Amarillo, da compañía mexicana Teatro Línea de Sombra, presentouse nesta 35ª edición da MIT de Ribadavia despois de 10 anos de xira por todo o mundo e o seu tema de partida, a crise da migración cara a Estados Unidos dende México, non só segue a estar de actualidade senón que mesmo se agravou coas políticas de Donald Trump. É por iso que a peza, que se vincula co teatro documento e transita entre a instalación e o posdrama, segue a gozar dunha gran vixencia e dun gran valor político. O emprego dos obxectos e da tecnoloxía son centrais no desenvolvemento desa instalación que transforma continuamente a escena e vai acompañada de cinema en vivo, con cámaras que gravan dende o plano frontal e o cenital, evocando os sensores que vixían o acceso de inmigrantes, así como de proxeccións gravadas. Tamén se nos amosa a roupa embolsada e as fotografías das persoas desaparecidas; as bolsas penduradas cheas de area, que evocan o deserto e regan a escena. As garrafas e botellas de auga, como as que levan os migrantes ao iniciar o camiño, para “ata onde lles chegue”, cos efectos de luces mesmo semellan lápidas.

Yo me fui a Amarillo, me deshidraté, me perdí en el desierto; dije que regresaría y todavía no he llegado. “Amarillo” é ese lugar en Texas que simboliza o destino no texto poético da peza polas implicacións que ten o seu nome nesa relación coa area e o sol do deserto. O muro do Auditorio Rubén García do Castelo tamén se resignificaba e daba especial forza ás accións de saltar e subir o valado que executaban o actor Raúl Mendoza e as actrices.

A figura do coiote que axexa e que pasea pola escena como unha ave de prea, evocada polo actor Jesús Cuevas, vestido de vaqueiro, reforza o espazo sonoro con cantos harmónicos. Porén, a acumulación desa repetición con variación, ata actuando como duplicador do texto emitido polas actrices, chegaba a xerar un efecto de eco burlón, saturador, case como un espellismo do deserto. A peza implica unha gran cantidade de elementos e linguaxes escénicos e de recursos dramatúrxicos moi interesantes que xeraban unha complexidade sensorial aínda que, nalgúns momentos, que algunhas accións non estivesen pulidas ou a súa repetición constante, mesmo con variacións, como no caso dese eco/retrouso, chegase a saturar a escena.


Publicidade

O texto ten moita forza poética e está cheo de imaxes e sentidos. Porén, é emitido por Raúl Mendoza e polas actrices como persoas escénicas, sen personaxes, mais cunha certa vontade interpretativa nun ton eminentemente discursivo, con poucas variacións e acompañado de simulacros nas accións físicas. Nel, hai diferentes voces, nese discurso sen nome e con milleiros de nomes, xa que pode ser o de calquera que migra e tamén de calquera que espera na ausencia de quen partiu. Amarillo ten a vontade de continuar a facer visible unha realidade que aínda hai que non ve: “Yo miro al norte pero el norte no me ve”.

 

Amarillo, de Teatro Línea de Sombra

Dirección: Jorge A. Vargas.
Elenco: Raúl Mendoza, Vianey Salinas, Antígona González, María Luna, Alicia Laguna, Jesús Cuevas.
Deseño do espazo escénico: Jesús Hernández.
Iluminación: Jesús Hernández.
Son/música: Jorge Verdín-Clorofila.
Vídeo-dispositivo de vídeo: Kay Pérez.
Realización de vídeo: Marina España, Raúl Mendoza, Kay Pérez.
Programación: Raúl Mendoza.

Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia. Auditorio Rubén García do Castelo. 21 de xullo de 2019.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

fugas1a |

IV Congreso Fugas e Interferencias

Mapa |

‘Mapa’, do Colectivo Glovo, premiada no Certamen Internacional de Coreografía Burgos – NY.