Hoxe comeza no Carballiño o XI Festival de Títeres, que se desenvolverá ata o xoves 22 e que presentará catro espectáculos e un obradoiro de construción de monicreques para os máis pequenos.
A partir das 12:30, Mirari Urruzola, membro da compañía Títeres Babaluva, impartirá o obradoiro de construción de títeres “Constrúe e recicla”, no que a cativada construirá monicreques a partir de materiais de reciclaxe e aprenderá a desenvolver as súas propias historias con eles.
Os espectáculos comezarán esta mesma tarde con Os Contos de Pablísimo, que presentará O paroleiro, un espectáculo no que collen contos de todo tipo –contos que empezan ao revés, contos con moitos finais, contos que nunca rematan…–, dirixidos a público de 4 a 9 anos.
Mañá será a quenda de Larraitz Urruzola e Dona Barriga Verde, unha actualización das formas e dos xeitos do clásico personaxe dos monicreques de cachaporra, achegando unha protagonista feminina que, sen perder os gags clásicos, fomenta novas visións aos roles de xénero e aos estereotipos dos monicreques.
O mércores 21 de agosto, Títeres Babaluva presenta Lume, unha proposta innovadora de teatro de obxectos na que dúas titiriteiras recrean un bosque e os seus animais para contar esta historia de sensibilización medioambiental dirixida a nenas e nenos de 2 a 8 anos, utilizando unha técnica mixta de contacontos e títeres de mesa.
Finalmente, o xoves 22, Fantoches Baj representará Auga que non vas beber…, unha singular proposta que engarza o teatro, os monicreques para adultos, a música e a narración oral. Un recital satírico para monicreques onde salientan diversas cantigas populares como “A saia da Carolina”, “O sermón do padre Damián” ou “O cura está malo”, entre outros cantos e contos que remiten sempre a unha memoria colectiva de transmisión oral compartida en toda a península ibérica e que o autor enlaza para contar “as aventuras e desventuras amorosas do muiñeiro Xosé coa Carolina, baixo a libidinosa tutela do padre Damián, cura de Agolada”.
Todas as funcións terán lugar ás 19:30 na Praza Emilia Pardo Bazán.