in

Cidade Imaxinaria, catro horas de espectáculos e teatro circenses

|

Este sábado, 24 de agosto, celébrase na Cidade da Cultura de Compostela unha nova edición do festival Cidade Imaxinaria, que convida as familias a gozar dunha tarde lúdica ao aire libre, con entrada de balde, que transformará o complexo do Gaiás nun mundo de fantasía, grazas a espectáculos e teatros circenses con música, xogos e obradoiros para todas as idades, incluído un espazo para bebés.

Visitar o incrible circo de bechos xigantes do Dr. Mezzo, converterse nunha marioneta de carne e óso controlada por dedos mecánicos, abraiarse con extraordinarios saltos, voos e viravoltas que quitan o alento ou compartir danza e risos con tres simpáticos hipopótamos azuis. Estas son só algunhas das propostas da que é xa unha das citas clásicas da programación da Cidade da Cultura –con dúas edicións anuais celebradas en primavera e verán.

Na Cidade Imaxinaria, os máis pequenos da casa poderán gozar de catro horas ininterrompidas de diversión –de 16 a 20 horas– garantida polos malabaristas, equilibristas, saltimbanquis, clowns e outras fabulosas personaxes que invadirán o Gaiás.

Publicidade

 

Coreografía grupal como fin de festa

A programación de espectáculos de acrobacias, teatro ou marionetas –fixos e itinerantes por todo o complexo– complétase con xogos de enxeño e outros espazos lúdicos pensados para deixar voar a imaxinación da cativada.

Ademais, como novidade desta edición, Cidade Imaxinaria despedirá a tarde cunha multitudinaria coreografía grupal na que todo o público está convidado e participar. Para poder dalo todo na pista de baile, ao longo da tarde desenvolverase un obradoiro no que aprender os sinxelos pasos que despois centos de persoas interpretarán de xeito conxunto guiadas por un grupo de bailaríns e bailarinas.

 

Escola de saltimbanquis e espazo para bebés

A xa tradicional Escola de saltimbanquis da Cidade Imaxinaria non faltará tampouco á súa cita co agosto compostelán e volverá despregar os seus catro espazos para deixar saír sen medo o intrépido acróbata que todo neno e nena leva dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios.

A programación da tarde complétase cun espazo para bebés de 0 a 3 anos, con diversos xogos e instalacións de estimulación sensorial, e zonas de descanso nas que repor enerxías, con postos de bebida e petiscos doces e salgados para a merenda.

Como vén sendo habitual, e para facilitar que as familias se acheguen a esta tarde festeira, contarase cun reforzo no servizo de autobuses –que se suma ás habituais Liñas 9 e 11– que conecta o Gaiás co centro de Compostela.

Publicidade

 

Espectáculos

Espectáculos de pista

  •  | Xampatito
  • Hippos | Zum-Zum Teatre
  • Por que choras Marie? | Marie de Jongh
  • 3 en 1 | Alas circo teatro
  • Baile final

Espectáculos itinerantes

  • Mezzo | Pistacatro
  • Palabras por un tubo | Generación Teatro

Espazos lúdicos para imaxinar

  • Escola de Saltimbanquis | Pistacatro
  • Titeretú | Itinerània
  • Xogos de circo e feira | Animatium
  • L’animalada | Katakrak
  • O Bosque dos sentidos | Risotadas
  • Obradoiros de baile para participar no baile final da Cidade Imaxinaria

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

BabaluvaLume |

Comeza o XI Festival de Títeres do Carballiño

FETEGA2019 |

O FETEGA do Carballiño pasa a chamarse Festival de Teatro Galego Celso Parada