A Xograresa de Outono da edición 2019 do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) de Carballo é Patricia de Lorenzo. O festival recoñece así a unha das grandes actrices galegas, que leva tres décadas dedicada á interpretación e traballando en diferentes eidos: teatro, música, dobraxe, cine e televisión.
A distinción que recibirá Patricia de Lorenzo foi consensuada polos anteriores Xograres de Ourtono e pola Asociación Cultural Telón e Aparte.
Patricia de Lorenzo forma parte do Grupo Chévere desde 1994, unha compañía que é toda unha referencia en Galicia. Ela é un piar fundamental do grupo, tanto enriba como detrás do escenario, desenvolvendo labores de dirección, administración, xestión e produción.
Traballou tamén con Teatro do Aquí, Elsinor ou co Centro Dramático Galego. Prestixiosos galardóns recoñecen a súa traxectoria como actriz, como varios María Casares ou o Premio Maruxa Villanueva.