As compañías A Panadaría e Baobab representarán a Galicia na carteleira artística do resto dos territorios participantes, mentres que Contraproducións estará en residencia nun dos escenarios vascos asociados.
O proxecto Camiño Escena Norte, programa de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco levará oito espectáculos destas comunidades a sete localidades galegas seguindo a Ruta Xacobea do Camiño do Norte, do 22 de setembro ao 13 de outubro.
As asociacións profesionais de empresas de produción escénica das devanditas comunidades, entre as que se atopa Escena Galega, promoven conxuntamente esta iniciativa. A presidenta de Escena Galega, Belén Pichel, interveu na presentación, onte, do programa, xunto con Jacobo Sutil, director da Axencia das Industrias Culturais, Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación Provincial da Coruña; Juan Rivas, presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia, e as representantes das compañías galegas seleccionadas.
O calendario de representacións en Galicia, arrancará o 22 de setembro en Ribadeo para chegar o 13 de outubro a Compostela seguindo o ronsel do Camiño do Norte por Mondoñedo, Lugo, Vilalba, Arzúa e Sobrado dos Monxes. Nestas sete localidades actuarán as compañías asturianas Teatro del Cuervo con Bojiganga e La Tejedora de Sueños con Como ceniza blanca sobre una hoguera, as cántabras Ábrego Producciones con La novia del viento e Espacio Espiral con Beatus, visiones del apocalipsis, e as vascas Teatro Gorakada con El viaje de Ulises e Hika Teatroa con Sagartu. Todas as funcións serán de acceso libre ata completar a capacidade dos espazos.
Actuacións galegas en intercambio
Pola súa banda, as compañías galegas A Panadaría e Baobab Teatro viaxarán ás outras tres comunidades de Camiño Escena Norte para representar os seus espectáculos Elisa e Marcela e Luppo, respectivamente, ao tempo que Contraproducións desenvolverá unha residencia artística no País Vasco.
Entre as actividades paralelas ao abeiro deste proxecto, destacan tamén dúas accións asociadas á posta en escena de cada un dos espectáculos para garantir a conexión co público e enriquecer a súa experiencia a través de obradoiros previos de contextualización e debates ao remate das funcións.
Así mesmo, o 9 de outubro e no marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, Camiño Escena Norte organizará un encontro de dramaturxia no que participarán profesionais das catro comunidades para abordar a diversidade cultural nas artes escénicas e o papel do Camiño de Santiago como conector desta diversidade.
Camiño Escena Norte xorde por iniciativa das asociacións empresarias do sector que traballan neste ámbito xeográfico e que aglutinan un centenar de compañías de teatro, monicreques, danza e novo circo: xunto a Escena Galega, Asociación de Empresas de Teatro y Danza de Asturias (EscenaAsturias), Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (ACEPAE) e Empresas de Producción Escénica Asociadas de Euskadi (Eskena).