in , ,

Xa se coñece o programa do FIOT 2019

FIOT2019 |
O 28 Festival Internacional Outono de Teatro, que regresa ás nosas salas do 27 de setembro ao 1 de novembro de 2019, pon o foco no teatro social e sitúa o feminismo, as periferias e os colectivos que a sociedade mantén as marxes no centro da súa acción baixo o paraugas das #MIRADASFIOT

 

Este outono Carballo convértese, un ano máis, na capital galega das artes escénicas. O 28º Festival Internacional Outono de Teatro regresa as salas e rúas do municipio carballés entre o 27 de setembro e o 1 de novembro cun cartel extenso e diverso, que concentra 38 espectáculos coas propostas máis interesantes da carteleira teatral actual, e no que teñen cabida tanto creadores de renome coma novas xeracións de artistas. Carmen Maura, Teatro Kamikaze, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Tito Asorey, Carolina Román, Álvaro Tato ou a Companhia do Chapitô formarán parte dunha edición que achegará ao público, de novo, o máis relevante da escena galega e estatal contemporánea, ademais de propostas internacionais chegadas de Portugal e Israel.

No marco desta programación, o Outono de Teatro, impulsado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e co-organizado polo Concello de Carballo, achegará á cidadanía múltiples propostas de dinamización cultural, como exposicións, encontros con artistas, teatro de rúa, microteatro e un circuíto gastronómico de inspiración teatral para gozar das mellores tapas, logo de cada función, nos bares de Carballo.

Neste 2019, o festival sitúa o foco sobre o teatro social, co obxectivo de poñer en valor a capacidade das artes e da cultura para xerar reflexión e conversa sobre o mundo actual e a “realidade líquida” na que vivimos. Nesta 28ª edición, o FIOT propón subir ao escenario a individuos e colectivos que a sociedade mantén nas marxes, nas periferias, a quen nega a súa identidade e o espazo que, certamente, lles corresponde.

A muller e a mocidade, firmes compromisos do FIOT no seu cartel da pasada edición, repiten un ano máis como protagonistas dun cartel que ten, como paisaxe, a exclusión social, as violencias machistas e outros tipos de violencias, a identidade e a loita coa ruptura de lindes inxustamente marcados. Así, a programación #MIRADASFIOT, a través de pezas que achegan testemuñas en primeira persoa sobre a fraxilidade das realidades nas que viven as súas protagonistas, reivindica con forza a visibilidade e o empoderamento, grandes retos para unha sociedade que debe loitar pola súa inclusión.

 

Unha programación diversa e de calidade que apoia a creación galega

A calidade e a variedade da programación do FIOT é un dos seus sinais de identidade. Nesta 28ª edición, o programa do Festival Internacional Outono de Teatro abrangue unha ampla diversidade de xéneros, formatos e linguaxes escénicas cun prisma contemporáneo, no que teñen cabida teatro de texto, novo circo, teatro xestual ou clown ou o teatro de obxecto. A súa rica oferta, orientada a todo tipo de públicos, articúlase arredor de diferentes seccións: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa ou o certame de Microescenas Metro Cadrado (M2).

Unha das citas máis esperadas do festival chegará o 13 de outubro, coa xa tradicional visita de Kamikaze Producciones. A compañía presentará en Carballo Jauría, o espectáculo de teatro documento sobre o xuízo de La Manada. A peza, asinada por Jordi Casanovas e dirixida por Miguel del Arco, é a revolución teatral do momento, e conta no seu reparto con María Hervás, Pablo Béjar, Fran Cantos, Ignacio Mateos e o galego Martiño Rivas.

Á semana seguinte será a quenda doutra das grandes artistas do panorama estatal, Carmen Maura. A actriz regresa aos escenarios con La Golondrina, de LaZona, unha conmovedora historia escrita polo dramaturgo Guillem Clua que ten, como pano de fondo, o terrorismo e a homofobia. Sobre o escenario do Pazo da Cultura, o actor Dafnis Balduz daralle a réplica a Maura o domingo 20 de outubro, ás 20:30.

Tamén xerará moita expectación entre o público do FIOT a representación de Fariña, a nova creación de Undodez Producións, que ten como protagonista a Xosé Antonio Touriñán. Baixo a dirección de Tito Asorey, a produtora de Touriñán presenta unha obra de gran formato, baseada no ensaio do xornalista coruñés Nacho Carretero, que porá o broche de ouro á presente edición do festival o día 1 de novembro.

Por outra banda, o FIOT seguirá a apostar por un dos seus sinais de identidade como é o fomento e o apoio estable á difusión da creación escénica en Galicia a través da coprodución de dúas obras que terán a súa estrea absoluta durante o festival. É o caso de Medida x medida, unha das grandes propostas da tempada teatral galega, que abrirá o Programa de Sala o venres 4 de outubro. A nova creación de Producións Teatrais Excéntricas, que está a celebrar o seu 15º aniversario, achegará á obra de William Shakespeare a irreverencia e frescura do seu director, Quico Cadaval.

A segunda das coproducións do FIOT que se estrearán será O electo, unha aguda comedia de Contraproducións que aborda a vocación política. A peza, dirixida por Cándido Pazó e que conta coa coprodución da catalá Focus, unha das maiores produtoras do Estado, poderase ver os días 25 e 26 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo.

Este ano, o FIOT dará continuidade á procura de novas fórmulas de cooperación a través da colaboración coa compañía madrileña El Sol de York. Deste xeito, Carballo acollerá o 18 de outubro a estrea absoluta de Chicas y chicos que, baixo a dirección de Lucía Miranda, reflexionará sobre a violencia machista a través do percorrido vital da protagonista.

O Programa de Sala completarase con tres estreas en Galicia, entre as que destaca un dos pratos fortes desta edición do FIOT: Hamlet, de Compahia do Chapitô, unha comedia visual e física na que a recoñecida compañía portuguesa despregará todo o seu humor e creatividade á vez que desafía o enxeño do público. A cita terá lugar o domingo, 27 de outubro, no Pazo da Cultura.

A segunda das estreas no país desta liña de programación será Juguetes rotos, unha peza na que a directora e dramaturga Carolina Román constrúe o conmovedor relato dun transexual na España de finais dos 60. A obra conta con Nacho Guerreros como protagonista, un traballo polo que foi recoñecido como finalista, igual que o seu compañeiro de reparto, Kike Guaza, na última edición dos Premios Max por este traballo.

Finalmente, Carballo acollerá a estrea en Galicia da última creación de Ay teatro, Todas hieren y una mata. O texto, asinado por Álvaro Tato, supón a primeira comedia en verso do século XXI que aborda cuestións como o amor, a procura da identidade ou a loita da muller polo dereito a decidir e que reivindica a conquista da súa liberdade.

 

Teatro vangardista e de estrea no ciclo OTNI

Outra das primicias que se verán en Galicia no mes de outubro chegará da man de Kulu Orr, creador absoluto e intérprete de Control Freak, un inclasificable espectáculo de humor intelixente e tecnoloxía punteira, dirixido especialmente á mocidade, que combina artes circenses e enxeñería informática, no que o israelí demostra as súas habilidades rompendo as fronteiras artísticas. Esta peza, recoñecida no BE Festival de Birmingham, abrirá a programación dunha escolma de propostas alternativas e vangardistas que o FIOT presenta a través do 10º ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado).

A serie de espectáculos que se atopan baixo esta clasificación pretenden achegar ao público as novas linguaxes escénicas través de propostas orixinais e cativadoras, nas que o público pode ter un compoñente máis activo desde a súa butaca. A segunda das obras que forman parte deste ciclo é Conservando memoria, de El Patio teatro, un delicioso e singular traballo, galardoado na Fira de Tilletes de Lleida, no que a compañía rioxana achega sobre o escenario todo un universo poético no que os obxectos cobran vida na imaxinación do espectador. O trío de espectáculos completarase cun dos éxitos da tempada, A.K.A. (Alson Known As), de Flyhard Produccions, unha obra valente e comprometida coa linguaxe adolescente e a procura da identidade que foi recoñecida con dous Premios Max (Mellor actor protagonista e Mellor autor relevación), catro Premios Butaca e o Premio da Crítica de Barcelona.

 

Rúa dos Contos


Publicidade

Unha das liñas de programación máis destacadas do FIOT será, como é habitual, o ciclo Rúa dos Contos, unha proposta de narración oral, pioneira en Galicia, que este ano celebrará a súa 21ª edición. O galego Carlos Blanco e o asturiano Rodrigo Cuevas destacan como principais protagonistas dun amplo e irreverente programa de contos, monólogos, concertos e teatro en pequeno formato que encherá de humor e ironía os locais de hostalería e o mercado municipal de Carballo.

A primeira das citas chegará o venres 27 de setembro da man do humorista Pedro Brandariz e da estrea absoluta da súa nova obra, Un conto de michos. Ao longo de tres fins de semana, artistas como Xurxo Souto, ArtesaCía, Carmen Conde, Tito Rober, Oswaldo Digón, Patty Diphusa, María da Pontragha, 3 Patas e Federico Pérez ofrecerán diversos espectáculos repletos de humor e provocación a través dun formato próximo e que se adapta aos diferentes públicos aos que se dirixe. No marco deste singular ciclo, con máis de 20 anos de historia, tamén terán lugar dous concertos ao vivo, con entrada de balde, de MJ Pérez e o dúo Blues do País.

 

Teatro de Rúa

Ademais da presenza do FIOT no Pazo da Cultura, mercado municipal e locais de hostelería, as artes escénicas estenderanse ao espazo público coa programación do Teatro de Rúa, un ciclo dirixido especialmente ao público familiar que pretende achegar estas artes á cidadanía a través de espectáculos que pertencen, fundamentalmente, a disciplinas como o circo e o clown. Serán catro as propostas que sorprendan ao público, tamén adulto, no marco deste ciclo. A primeira perfomance chegará o venres 27 de setembro con , de Xampatito Pato, unha peza na que o protagonista, pasará o seu tempo entre caixas, xogos e equilibrios imposibles.

Á semana seguinte, o venres 4 de outubro, a comedia e o circo abordarán a discriminación da muller no deporte no espectáculo OhLimpiadas, Premio Fetén 2019 ao Mellor espectáculo de rúa, no que a compañía Sincronacidas converterá a xornada laboral de dúas limpadoras nunha competición deportiva de alto nivel da man da comentarista de TVE Julia Luna. De seguido, o sábado 5, Jean Philippe Kikolas estreará en Galicia o seu novo espectáculo Calor, no que o artista creará un universo onírico e poético, que fará xogar e rir ao público a través dunha combinación maxistraal de clown e artes circenses. Finalmente, o sábado 12 de outubro, a recoñecida DistanS, da compañía andaluza Vol’e Temps, chegará ao FIOT. Este espectáculo, que fala de amizade, a fraxilidade e o amor a través das múltiples acrobacias e o virtuosismo dos seus intérpretes, obtivo o Premio Fetén 2019 de Mellor espectáculo nocturno de rúa.

 

III Certamen de Microescenas Metro Cadrado (M2)

Outra das liñas de programación máis singulares do FIOT é a do M2, o Certame de Microescenas Metro Cadrado, unha aposta por achegar, desde a proximidade, as artes escénicas a enclaves especiais e non convencionais á hora de acoller unha representación teatral, como poden ser un lavadoiro municipal, unha barbería ou unha paquetaría, entre outras. Con este ciclo, a Asociación Cultural Telón e Aparte pretende vibisibilizar o traballo de compañías e artistas emerxentes que facilite que o público poida vivir unha nova e intensa experiencia teatral. Os seis espectáculos que conforman esta programación, que inclúe catro estreas absolutas, representaranse os sábados 12, 19 e 26 de outubro, con pases de entre 10 e 20 minutos. A entrada será libre até completar a capacidade dos distintos recintos.

 

Actividades paralelas

O FIOT caracterízase pola súa aposta pola creación e extensión cultural arredor do teatro, e nesta 28ª edición manterá a súa identidade. O festival ofrecerá unha ampla e diversa programación de actividades paralelas, dirixida a todo tipo de públicos, co obxectivo de achegar e visibilizar as artes escénicas entre espectadores de todas as idades. Así, a xente miúda terá a oportunidade de gozar tanto da programación do Teatro de Rúa como dunha Noite Branca no Teatro, na que poderán vivir unha experiencia única nun campamento teatral nocturno, que terá lugar na última fin de semana de outubro. Dentro deste programa infantil, nomeado Fiotiño, desenvolverase tamén o XIX Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, no que as nenas e nenos dos centros escolares da comarca levarán o teatro aos fogares de Bergantiños a través das ondas da radio.

O FIOT seguirá a afondar no seu compromiso especial co público xuvenil a través do fiotEEN, o ciclo que abrangue propostas específicas para a mocidade. Entre as diversas iniciativas que se contemplan, como accións teatrais nos institutos, a asistencia ao ensaio xeral de Medida x medida e O Electo, ou a representación nos centros escolares de Por unha peseta, da compañía Apatacón, está a programación dunha das obras máis recoñecidas da tempada: Dados, de Ventrículo Veloz. Gañador do Premio Max 2019 ao Mellor Espectáculo Xuvenil, Dados achégase, a través da comedia, ás cuestións vinculadas á identidade de xénero a través dunha dramaturxia de José Padilla, un dos novos referentes do panorama escénico actual.

A programación de actividades paralelas do FIOT abrangue outras moitas propostas, como Escena Norte Idea Carballo, unha xornada profesional en colaboración con Escena Galega, que dará paso a un taller aberto con profesionais da dramaturxia coordinado por Santiago Cortegoso; unha nova edición da Escola do Espectador, unha iniciativa que pretende facilitar ao público novos xeitos de achegarse ao teatro; os encontros Café con…, nos que os espectadores e os grupos teatrais poderán conversar arredor dos procesos creativos das compañías; a exposición Zoom FIOT, que achega a través de imaxes momentos do festival non sempre accesibles ao público. Como é habitual, e grazas á colaboración da Concellería de Turismo de Carballo, os establecementos de hostalería ofrecerán, durante todo o mes de outubro, e no marco da iniciativa Dálle un bocado ao FIOT, tapas e petiscos exquisitos inspirados no Festival Internacional Outono de Teatro.

Ademais, o 25 de outubro, terá lugar a presentación e lectura dramatizada da obra Habitada, da carballesa Olivia Pena, editada no número 96 da  erregueté | Revista Galega de Teatro. 

 

Compromiso co teatro galego

O FIOT é un dos encontros teatrais pioneiros e máis relevantes de Galicia, ademais dun referente no calendario cultural, tal é como demostra o galardón do Premio da Cultura Galega, outorgado pola Xunta de Galicia, pola excelencia e proxección do festival na construción cultural galega. Precisamente unha das accións máis coñecidas do FIOT é o nomeamento honorífico do Xograr de Outono, un galardón que o festival concede a personalidades ou entidades que destacan pola súa promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. Este ano o recoñecemento do FIOT recae na actriz Patricia de Lorenzo, membro de Chévere, quen recollerá o seu galardón de Xograresa de Outono nun acto especial que terá lugar o 1 de novembro, ás 21.00 horas, antes do inicio da función de Fariña, obra que pechará a 28ª edición do festival.

Ademais, o FIOT quere recordar este ano a outro Xograr de Outono, recentemente finado, e que é sen dúbida unha das figuras máis relevantes da escena galega: Celso Parada. O actor e director fundou hai 30 anos, xunto a Isabel Ávila, unha das compañías galegas máis senlleiras: Teatro do Morcego. O FIOT renderá homenaxe a Parada cunha exposición que percorre os trinta anos de Teatro do Morcego a través de pezas históricas de vestiario, escenografía ou dramaturxia dos 31 espectáculos producidos pola compañía ao longo da súa traxectoria.

 

Venda de entradas

A venda de entradas para o 28º Festival Internacional de Outono iniciarase o vindeiro 13 de setembro coa posta a disposición do público dos abonos do Programa de Sala. A partir do venres 20 será posible adquirir individualmente as entradas para os diferentes espectáculos do FIOT que precisan de billete para poder acceder aos mesmos, como son Programa de Sala, Rúa dos Contos ou OTNI.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

RelatosNegros |

Manquiña estrea ‘Relatos negros’, baseado en textos de Roald Dahl

Academia8 |

A Academia Galega de Teatro rexeita tamén a retirada de apoio ao FITO do Concello de Ourense