A Asociación Cultural Telón e Aparte convocou o pasado mes de maio o III Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado co obxectivo de seleccionar as obras que se representarán no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Entre o 20 de maio e o 30 de xuño de 2019, recibíronse un total de 33 obras para participar nesta edición de 2019.
O Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado é un concurso para proxectos escénicos de pequeno formato concibidos para poñer en escena en espazos non teatrais. Ten por obxecto apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadoras/es emerxentes, así como captar novos públicos e implicar aos espectadores e á cidadanía nas artes escénicas.
Atendendo á finalidade do certame e ás características da obra e o formato indicados nas bases do concurso, os membros do xurado realizaron a selección de propostas, priorizando as obras de nova creación e estrea e, en especial, a adecuación das mesmas aos espazos ofertados, e o seu protagonismo así como a autoría propia. Así mesmo, procurouse o equilibro entre diversas linguaxes e disciplinas. Por último, tívose en conta a presenza de participantes de carácter profesional e non-profesional.
Propostas seleccionadas polo xurado
Examinadas as solicitudes presentadas polos participantes a esta convocatoria, os membros do xurado decidiron, por unanimidade, seleccionar para a súa representación no marco do FIOT 28, as seguintes propostas:
- Margarita, presentada por Teatro en Punto
- O silencio das tartarugas, presentada por María Alejandra Gómez Dobronich
- Soas lavan, presentada por Tukumpas Teatro
- Sorpresa!, presentada por Enconarte Producciones
- Invisíbel, presentada pola Asociación Cultural Catro Gatos
- Corazón, presentada por Iria Sobrado
As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas no FIOT, recibirán unha compensación pola participación de 300 €, ademais dunha axuda económica de 100 € para gastos de produción e desprazamento.
Todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán ao Premio do Público (150 €) e Premio á Mellor Interpretación (150 €). Ás contías dos premios aplicaráselle a retención fiscal correspondente.
O xurado seleccionou dúas pezas suplentes, por se algunha das gañadoras non puidese realizar a representación nas datas previstas pola organización. Son as seguintes:
- ST#2 La Fatiga de las Formas (versión en vivo), presentada por PersonayPersona
- A figueira, presentada por Aporía Escénica
Xurado do III Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado
Reunido o pasado 5 de xullo para seleccionar os premios do certame, o xurado estivo formado por:
- Artur Trillo Sendón, actor e director da compañía Talía Teatro
- Juan Rodríguez Santiago, representante de Escena Galega e membro da compañía Caramuxo
- Alba Bermúdez Iglesias, actriz e membro da compañía Galeatro
- Mª del Carmen Castro Pombo, membro da organización do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo
- Xiana Márquez Antelo, membro da organización do FIOT e traballadora do departamento de cultura do Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado, sen voto.