Kirenia Martínez é unha das seleccionadas para participar no I Laboratorio de Creación Coreográfica 2019, convocado pola Fundación SGAE, co seu proxecto La bailarina española, no que contará coa colaboración da coreógrafa Elsa Rovayo (La Shica).
Un xurado composto polos directores do Laboratorio –Teresa Nieto, Daniel Doña e os coreógrafos Rafaela Carrasco, Daniel Abreu e Andrea de Gregorio, coordinadora da Área de Artes Escénicas da Fundación SGAE como Secretaria sen voto– escolleu o proxecto de Kirenia Martínez de entre un total de 29 propostas.
Ademais de Martínez, foron escollidas as propostas de Jesús Benzal e Javier Guerrero, no apartado de danza contemporánea, e os de Vanessa Aibar, Sara Cano e Cristian Martín no de Danza Española / Flamenco.
Os seis proxectos desenvolveranse ao longo de dúas semanas entre setembro e outubro de 2019 no Centro Coreográfico María Pagés de Fuenlabrada, baixo a titoría de Teresa Nieto e Daniel Doña. Unha vez finalizado o proceso de creación, estes serán expostos nunha mostra aberta ao público que se celebrará no Centro Coreográfico María Pagés de Fuenlabrada, como actividade complementaria do Encuentro Coreografía y Género (Coreógrafas/directoras de escena) o 18 de outubro de 2019. Así mesmo, mostraranse no próximo ciclo Bailar na Berlanga 2020, que organiza a Fundación SGAE anualmente.