As bases para o XIX Concurso Escolar Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís” tamén está xa dispoñibles para o público.
O Festival Internacional Outono de Teatro abrirá, un ano máis, as portas do teatro aos máis pequenos da casa. A nova edición do FIOT ofrecerá a posibilidade de coñecer e experimentar o mundo das artes escénicas a través dunha vivencia única como é un campamento nun teatro. A iniciativa, nomeada Noite branca no teatro, enmárcase na programación infantil O Fiotiño, que pretende, a través de propostas singulares e especiais, que as máis cativas e cativos tamén poidan gozar do teatro.
A Noite branca no teatro diríxese, fundamentalmente, a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos de idade. A actividade celebrarase entre as 19.30 horas do venres 27 e as 11.00 horas do sábado 28 polo que a cea, noite nos sacos de durmir e o almorzo da mañá seguinte formarán parte dunha aventura chega de xogos, sorpresas e, sobre todo, moito teatro. Durante este emotivo campamento, as e os participantes achegaranse ao mundo do espectáculo e aos seus segredos, coñecerán como é a escena por dentro e participarán en divertidos obradoiros ateigados de maxia sobre as táboas.
O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 16 e estará activo até o mércores 25 de setembro e as solicitudes poderanse entregar no Pazo da Cultura ou no enderezo electrónico [email protected]. En total, o campamento teatral que organiza a Asociación Cultural Telón e Aparte coa colaboración da Asociación Aloumiños contará cun total de 25 prazas, e o prezo por participante é de 20 euros.
XIX Concurso Escolar Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”
Igualmente, a Asociación Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores do FIOT, coa colaboración de Radio Voz, convoca o XIX Concurso Escolar Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís” dirixido a rapaces e rapazas dos colexios, institutos e asociacións de Bergantiños.
O obxectivo é promocionar as artes escénicas entre a mocidade. Poderán participar en grupos de entre 2 e 8 persoas, dirixidos por un profesor.
A organización, por necesidades técnicas de gravación, só pode garantir a participación dos 30 primeiros grupos en inscribirse.
Un xurado, tras escoitar as gravacións, seleccionará os grupos finalistas. A final está prevista para o 10 de novembro no Pazo da Cultura.
Haberá dúas categorías. Por unha banda, de infantil e primaria, por outra, secundaria, bacharelato e ciclos formativos. Por cada categoría haberá dous premios que consistirán en libros e material didáctico valorados en 200 euros e 100 euros.
O prazo de inscrición remata o 3 de outubro. A inscrición deberá realizarse no enderezo electrónico [email protected], confirmando o envío no teléfono 981 704 300.
As bases e a ficha de inscrición poden descargarse aquí.