A compañía galega Títeres Alakrán, as formacións arxentinas Teatro Piedra Libre, Tres Tigres Teatro e La Pelela Títeres, a madrileña La Mar de Marionetas, a valenciana Tries Titelles e a coprodución internacional de Mad Compass darán a coñecer no festival as súas novas producións escénicas.
O Festival Internacional de Títeres Galicreques celebrará a súa 24ª edición entre o 12 e 20 de outubro cunha ampla programación que incluirá a estrea de sete novos espectáculos de compañías galegas, valencianas, madrileñas e arxentinas, ademais dunha coprodución internacional entre artistas galegos, franceses e italianos. Unha das producións máis destacadas no panorama galego chegará da man de Títeres Alakrán, que presentará Finisterrae, o último ultramarinos no Galicreques o xoves 17 de outubro, cunha dupla función no Teatro Principal: ás 11:30 para o público escolar e ás 20:30 para o xeral. Trátase dun espectáculo de títeres e actor. O teatro da fin da terra conta a historia de Berto e Mónica, veciños dunha vila da Costa da Morte con percorridos vitais moi diferentes que son como dúas caras da mesma moeda. A través do seu encontro despois de varios anos asistimos, tamén, a un retrato da Costa da Morte a través das súas lendas, tradicións, crenzas e historias pasadas e presentes.
No apartado estatal, dúas serán as estreas procedentes doutras comunidades autónomas. Dende Madrid, chegará ao Festival Galicreques a estrea de Pazzzzzz, da compañía madrileña La Mar de Marionetas. A montaxe, que poderemos ver no Teatro Principal o mércores 16 de outubro ás 11:30 nunha sesión para escolares e ás 20:30 nunha representación para o público xeral, é unha divertida invitación á reflexión a patrir dunha actitude filosófica e lúdica sobre a resolución de conflitos dende o punto de vista da gran protagonista: La Niña del hilo, quen tece os seus mundos oníricos para achar a Paz.
Dende Valencia, pola súa banda, a compañía Tries Titelles dará a coñecer o sábado 19 de outubro en varias sesións na Fundación SGAE o seu espectáculo El viaje a la Luna, Le voyage dans la lune, unha aproximación escénica dende o xénero dos monicreques á histórica película de George Méliès.
Estreas Arxentinas
No panorama internacional, o Festival Galicreques ofreceralle ao público compostelá as novas producións de tres compañías arxentinas: Tres Tigres Teatro, Teatro Piedra Libre e La Pelela Títeres. A primeira delas dará a coñecer Serenatas con Sanata o xoves 17 de outubro, cunha función ás 18:30 no Centro Socio Cultural de Fontiñas e outra ás 19:30 do domingo 20 na Alameda. Pola súa banda, Teatro Piedra Libre presentará no Galicreques a súa obra Caminito entre cartas, obra que poderemos ver até tres veces durante esta edición: o sábado 12 na Matrioska Tenda, o sábado 19 na Alameda e o domingo 20 no Centro Sociocultural do Castiñeiriño.
Por último, La Pelela Títeres estreará unha das obras máis agardadas do festival: Vairoleto, pechito libertario. A obra recupera á vida de Juan Bautista Vairoleto, bandoleiro rural dos anos vinte do século pasado. Réndese tributo nesta peza ao circo crioulo, ao radioteatro, ao actor e mais os bonecos. A música ao vivo e os monicreques son as pezas fundamentais desta peza que conta a necesidade de manter vivo o mito do gaucho para manter a esperanza na xustiza. A obra poderase ver no Teatro Principal o martes 15 (función escolar) e o sábado 20 de outubro, ás 20:30.
A última estrea que ofrecerá o festival Galicreques nesta vixésimo cuarta edición será El Barrendero, de Mad Compass, unha coprodución que une as forzas de artistas procedentes de compañías galegas, francesas e italianas. A obra poderase ver ás 18:30 na Praza do Toural o domingo 13 e o no bar Embora, o martes 15 ás 21:30.