A compañía Feira do Leste vén de publicar as bases do II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual, que pechará o prazo de presentación o vindeiro 15 de novembro.
Segundo a compañía, a aparición de novos dramaturgos con ampla formación e con linguaxes innovadoras para o panorama teatral galego, está a consolidar unha nova xeración de autores recoñecidos dentro e fora da nosa comunidade, que deben enfrontar graves eivas no eido da publicación e difusión da súas creacións.
Na procura de maior visibilidade dos novos dramaturgos e dramaturgas, Feira do Leste convoca esta segunda edición do Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual co apoio da Deputación de Pontevedra, que se rexerá polas seguintes BASES:
- Poderán concorrer ao Certame todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
- As OBRAS serán de temática e extensión libre. E nelas deberá procurarase o bo uso da lingua galega. Cada autor poderá presentar máis dunha obra.
- O PREMIO consta da edición e publicación da obra gañadora dentro dun volume xunto con outras pezas de dramaturgos galegos actuais. Así mesmo, o gañador recibirá 10 exemplares da obra como compensación dos dereitos de autor. Poderase outorgar o premio a varias obras ou autores se así o estima o xurado e a organización.
- O PRAZO de presentación de orixinais comeza o 30 de setembro de 2019 e remata o 15 de novembro de 2019 (ámbolos dous incluídos).
- O ENVÍO das obras farase exclusivamente a través do formulario de inscrición da páxina web oficial do certame ou mediante o correo electrónico [email protected]. Enviaranse dous arquivos: un coa obra (con título e lema) e a plica (no que constará o nome e apelidos do autor, lema, título e breve sinopse da obra, teléfono e email).
- O XURADO estará conformado por profesionais do teatro e do mundo da cultura e prestarán especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas. A elección das obras será anónima.
- Os orixinais non premiados serán destruídos.
- Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame.
- O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.