Ollar o sangue
Cando Nuno Cardoso presentou en setembro a programación da nova temporada do Teatro Nacional São João de Porto, indicou que esta era mestiça, xa que o seu antecesor na dirección artística, Nuno Carinhas, deixara moito traballo feito. Exemplo diso é o espectáculo que nos ocupa: A morte de Danton; texto programado por Carinhas e levado á escena por Cardoso.
Os piares temáticos sobre os que o TNSJ se sustenta este ano –Revoluçao, Géneros, Margens e Viagem– vense reflectidos na escenificación que Cardoso fai desta peza de Georg Büchner sobre a Revolución Francesa. A escolla desta dramaturxia dun momento crucial da historia de Europa atopa o seu negativo na máis fervente actualidade: Brexit, ascenso da ultradereita, crise económica política social, inmigración, conspiracións de poder, racismo…
A escena presenta unha xigantesca parede gris de dúas alturas quebrada á metade. Na parte superior os intérpretes camiñan por unha pasarela que ocupa o ancho da caixa, mentres que na inferior saltan/bailan/fan equilibrios sobre as numerosas fendas do chan. Tres impoñentes ventiladores xiran a diferentes velocidades nas transicións e nos momentos máis climáticos do espectáculo. Cardoso sitúa a acción nunha sorte de matadoiro –como xa fixeran Kurt Vonnegut ou Heiner Müller– para falarnos do que aconteceu e aínda acontece no vello continente; porque cando un dos personaxes berra Hoje tudo é feito com carne humana!, anticipa tres séculos de relacións persoais (Danton e os seus líos amorosos), políticas (a traición de Robespierre ao protagonista) e sociais (a sede de sangue do pobo ou a obxectualización do corpo da muller).
O numeroso elenco mantén sempre viva a escena. Afonso Santos reproduce un Danton pasado de rosca, un antigo heroe nunha resaca posrevolucionaria continua que lle conducirá –desfacendo camas e bebéndose París– á inevitable morte do título. As coreografías grupais e os percorridos escénicos en diferentes planos e liñas dos trece intérpretes, xeran no espectador a sensación de tumulto e axitación duns tempos convulsos, volátiles e perigosos coma os seus protagonistas.
Son, luz e vídeo conxúganse para crear unhas atmosferas interesantes e abafantes: o leitmotiv da conta atrás coas notas graves do piano, os contras de tonalidade alaranxada que iluminan as afiadas aspas dos ventiladores, a secuencia da morte dos personaxes proxectada na parede, as liñas marcadas dos recortes cenitais sobre Danton…
Se ben o conxunto do espectáculo é moi notable, este adoece en determinados momentos dun traballo na forma de dicir e reproducir o texto excesivamente poético e afectado que, inevitablemente, nos afasta da trama e nos impide empatizar cos personaxes. Resulta curioso, xa que as formas empregadas (vestiario totalmente moderno, uso de novas tecnoloxías, temáticas próximas e actuais) responden á contemporaneidade e á crueza que lle falta a esta adaptación do atemporal texto dun Büchner que deixou escrito: “hai que habituarse a ollar o sangue, mais sen ser lámina de guillotina”.