in

O XXIV Festival Galicreques estende programación a Betanzos, Carral, Arteixo, Culleredo, Vigo e A Coruña

VailoretoLaPelela |
Galicreques levará un total de 22 funcións lonxe de Compostela nas vindeiras tres semanas. Arteixo e Culleredo abrirán o cartel hoxe con senllas funcións.

 

O Festival Internacional de Títeres Galicreques celebrará en Santiago a súa 24ª edición entre o 12 e 20 de outubro cunha ampla programación que se estenderá un ano máis a outros concellos e salas de Galicia. Deste xeito, o Festival contará con extensións do seu cartel nos concellos de Culleredo, Betanzos, Arteixo e Carral, así como diferentes actuacións na Sala Ártika de Vigo e na Sala Gurugú da Coruña. En total, o festival ofrecerá 22 funcións lonxe da súa sede de Santiago de Compostela ao longo das vindeiras semanas.

Arteixo será o primeiro concello que abra a programación estendida do Galicreques neste 2019. Así, ás 11:00, a compañía Panta Rhei ofrecerá o seu espectáculo Noa no Auditorio do Centro Sociocultural de Meicende. Xa ás 20:00, A Xanela do Maxín chegará ao mesmo recinto para presentar a súa montaxe A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. A última función que se celebre en Arteixo este ano terá lugar o sábado 19 ás 18:00 coa compañía Nino&Mambrú, que representará a peza Limpiabotas.

Publicidade

Culleredo acollerá ao longo deste mes tres funcións de Galicreques, todas elas no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. A primeira delas chegará precisamente hoxe, venres 4 de outubro, ás 19:30 h., momento en que Trécola subirá ao escenario coa súa peza Tolitates. Xa o venres 11 de outubro, ás 19:30, Títeres Cachirulo, Chachakün e Tres Tigres representarán o seu achegamento á figura de Julio Cortázar coa obra Cronopios. Finalmente, o venres 18, a compañía La Mar de Marionetas representará Pazzzzzz

Carral celebrará dúas funcións nas vindeira semanas. Así, o Local Xente Nova de Tabeaio recibirá ás 12:00 do vindeiro xoves 10 de outubro a Larei Lará e a súa adaptación do clásico Brancaneves. O mesmo escenario acollerá o domingo 13 de outubro A Xanela do Maxín, que representará a súa peza A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza ás 18:00.

Por último, o Liceo de Betanzos concentrará as súas tres funcións escolares entre o mércores 23 e o venres 25 de outubro. Así, o mércores 23 chegará ás 11:30 Nella Férrez, que representará a súa visión del clásico La Caperucita. O xoves 24 será a quenda, á mesma hora, dos arxentinos de Chachakün, que actuarán coa súa montaxe El investigatopo. Por último, o venres 25 ás 11:30 h, o Liceo despedirase do Galicreques 2019 con Cronopios, coprodución galego-arxentina de Tres Tigres, Chachakün e Cachirulo.

 

SALA GURUGÚ DA CORUÑA

A Sala Gurugú (Rúa Agra do Orzán, 3) acollerá entre o sábado 12 e o domingo 20 de outubro un total de cinco funcións do Galicreques. A actividade principiará o propio día 12 ás 18:30 coa obra Caminito entre cartas, da compañía arxentina Teatro Piedra Libre. Ao día seguinte, o domingo ás 12.30, o escenario da Gurugú dará a benvida a Mad Compass, que presentará dúas obras: El barrendero e Limpiabotas. O Galicreques regresará á Sala Gurugú a seguinte fin de semana. Dese xeito, o venres 18 ás 18:30 será a quenda de Vairoleto, pechito libre, estrea en Galicia da compañía arxentina La Pelela Títeres. Pola súa banda, o sábado 19, Nella Férrez representará La Caperucita e, xa o domingo 20 ás 12:30, os manchegos de Títeres Larderos porán o ramo na Coruña coa obra Pelos, misión, bolsa y paso.

 

SALA ÁRTIKA DE VIGO

Finalmente, a Sala Ártika de Vigo acollerá seis citas. A primeiras delas terá lugar o sábado 12 de outubro ás 18:00: Mad Compass representará El barrendero e Limpiabotas. Ao día seguinte, á mesma hora, Títeres Cachirulo, Tres Tigres e Chachakün farán o propio con Cronopios. Xa o xoves 17, celebrarase Titiritada Cabaret ás 22:00. E o venres 18, a compañía bosnia-peruana Gaia Teatro representará Desde el azul ás 21:30. O sábado 19, ás 18:00 a compañía Títeres Larderos, procedentes de Castilla La Mancha ofrecerán Pelos, misión, bolsa y paso. Por último, o domingo ás 18:00, a compañía arxentina La Pelela Títeres pechará o programa en Vigo con Vairoleto, pechito libertario.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MedidaxMedida02 |

Comeza o programa de sala do FIOT Carballo

MortedeDantonCardoso2 |

A morte de Danton