O proxecto Camiño Escena Norte rematará en Santiago de Compostela esta semana presentando dous espectáculos: o 11 de outubro Como ceniza blanca sobre una hoguera, de La Tejedora de Sueños, no Salón Teatro, e o 13 de outubro Sagartu de Hika Teatroa na Praza da Quintana para poñerlle o ramo a esta primeira edición.
Así rematará Camiño Escena Norte, unha ambiciosa iniciativa de intercambio promovida polas asociacións de produtoras escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, que nos trae varios espectáculos destas comunidades a territorio galego, e está a levar obras galegas a estoutras rexións seguindo o ronsel do Camiño Norte.
As funcións que se poderán ver en Santiago son as seguintes:
Como ceniza blanca sobre una hoguera, de Néstor Villazón (La Tejedora de Sueños, Asturias) lévanos á Zaragoza de 1485 cuns Reis Católicos que buscan unificar unha España dividida baixo o xugo da Santa Inquisición. Na súa defensa os xudeus máis ricos da cidade prepararán o asasinato do inquisidor xeral Pedro de Arbués. As súas consecuencias empezan a facerse visibles desde o comezo: Yannis e Milena, parella que dubida se pertencer ou non a esta conspiración, son detidos e encarcerados, guiando ao espectador no xuízo habitual a un herexe. Será o venres 11 de outubro, ás 20:30, no Salón Teatro, con debate posterior
Sagartu, de Arantxa Iturbe e Agurtzane Intxaurraga (Hika Teatroa, Euskadi) é un espectáculo de rúa, multidisciplinar e composto por música en directo, teatro e danza. Sagartu reborda humor, alegría e vitalidade repasando todos os significados que a mazá tivo en Euskadi dende os tempos do Edén ata o presente. O domingo 13 de outubro, ás 18:30, na Praza da Quintana (ou Salón Teatro se chove). Ademais, haberá un taller previo taller ás 12:30 na biblioteca do Salón Teatro.
Mentres en Galicia poderemos ver estes espectáculos astures, cántabros e vascos, dúas compañías galegas están a amosar as súas últimas producións nestes territorios: elas son Baobab Teatro, con Luppo, e A Panadaría, con Elisa e Marcela. Ademais, Contraproducións estivo en residencia en Euskadi.
Ademais, haberá máis actividades: o 9 de outubro, dentro do FIOT de Carballo terá lugar un encontro de dramaturgos/as das catro comunidades autónomas arredor das artes escénicas e a diversidade cultural. E tamén actividades de mediación arredor dos espectáculos para conectar co público, enriquecendo a experiencia espectáculo-espectador/a. Serán obradoiros previos de contextualización e encontros co público despois das funcións.
O proxecto xa botou a andar o pasado luns 2 de setembro no Salón Teatro cunha experiencia de residencias de creación escénica baseada no intercambio entre compañías das catro comunidades participantes. Neste caso son a galega Urdime e a asturiana El Callejón del Gato, que están a desenvolver en coprodución un espectáculo orientado á primeira infancia, que aúna a interpretación actoral, a manipulación e títeres e obxectos.
Camiño Escena Norte, o proxecto
Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión.
Camiño Escena Norte xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían. Aproveitando esta ruta cultural e histórica que nos une dende hai séculos creamos un novo camiño de cultura con espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, xornadas ou residencias de creación, no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.
Este proxecto está promovido polas asociacións de produtoras escénicas de cada unha das autonomías implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi). Está apoiado en Galicia pola Xunta de Galicia a través de AGADIC, canda as deputacións da Coruña e Lugo e a Fundación SGAE.