in

Carballo acolle Escena Norte Idea, unha xornada de reflexión sobre artes escénicas e interculturalidade

CamiñoEscenaNorte |

O proxecto Camiño Escena Norte chega a Galicia. O vindeiro 9 de outubro, o 28 Festival Internacional Outono de Teatro, o FIOT, acollerá a xornada profesional Escena Norte Idea, unha iniciativa que pretende abordar o Camiño de Santiago do Norte como conector e vertebrador da diversidade cultural.

A xornada forma parte da programación expandida do proxecto Camiño Escena Norte, unha iniciativa impulsada por asociacións profesionais de artes escénicas de Galicia, Euskadi, Cantabria e Asturias, como son Escena Galega, Eskena, EscenAsturias e ACEPAE. O obxectivo da proposta é poñer en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca tomando como eixo o itinerario da ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte.

A programación chegará a Carballo o vindeiro mércores 9 logo do seu paso por Bilbao, Santander e Xixón, coa idea de reflexionar sobre a interculturalidade a través do traballo de creadoras e creadores das artes escénicas; ademais de cuestións como a situación da dramaturxia e o apoio á creación en Asturias, Euskadi, Galicia e Cantabria; a promoción, difusión e exhibición de creacións nunha lingua diferente ao castelán; novos procesos de fórmulas e creación escénica na actualidade; ou a colaboración entre proxectos culturais e artísticos de territorios diferentes.


Publicidade

A xornada, cuxas mesas redondas terán lugar desde as 10:00 até as 14:45 horas no Pazo da Cultura, contará coa participación de 17 creadoras e creadores profesionais dos territorios implicados, como son Alberto Iglesias, Anxo Manoel, Carlos Troyano, Clara Gayo, Eduardo Alonso, Ernesto Is, Gena Baamonde, Laura Iglesia, Marta Pérez, Maxi Rodríguez, Paloma Lugilde, Patxo Tellería, Quico Cadaval, Roberto Salgueiro, Santiago Cortegoso, Vanesa Sotelo e XRon.

Na sesión de tarde, realizarase unha dinámica experimental de traballo colectivo de creación exprés, na que participarán profesionais da dramaturxia, e un grupo de 20 alumnas e alumnos coordinado por Santiago Cortegoso, co obxectivo de xerar e mostrar, nunha sesión, diferentes proxectos escénicos arredor da temática Encontro entre culturas diferentes, coa idea de ofrecer, ademais de coñecemento e o intercambio creativo, un espazo para a experimentación de novas formas de condición colectiva. Para poder participar nesta xornada, cómpre realizar a inscrición previa a través do correo electrónico [email protected], indicando o nome e apelidos, o correo electrónico de contacto, profesión e interese na proposta.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

TirulequeMaitrePathelin |

Comezou a XII Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón do Carballiño

99C6D51D B876 4720 8C62 00E1143E1BDC |

A sala Ingrávida do Porriño presenta a súa tempada 2019-2020